O director xeral de Educación salienta a aprendizaxe de linguas como unha ferramenta útil para promover entre o alumnado o respecto ás diferenzas culturais e a mellora da convivencia
Manuel Corredoira representou hoxe á Consellería na apertura das III Xornadas Galegas de Linguas Estranxeiras
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa, Manuel Corredoira, representou hoxe á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na inauguración das III Xornadas Galegas de Linguas Estranxeiras, que se celebran no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia e nas que participan preto de 600 docentes especializados nestas materias e profesores que imparten contidos específicos noutras linguas. O eixo vertebrador desta actividade, que ten unha marcada continuidade coas xornadas levadas a cabo nos anos precedentes, é a vontade de potenciar a aprendizaxe de idiomas na realidade do ensino orientado cara á adquisición das competencias para desenvolverse no mundo actual e aumentar as posibilidades de futuro do alumnado galego, unha política que a Xunta de Galicia artella a través do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.
O director xeral sinalou a importancia da aprendizaxe e a adquisición dunha lingua estranxeira, que abre a curiosidade e interese do alumnado por outras culturas. “Esta apertura cara a outras realidades afianza e robustece o sistema de actitudes e valores que os nosos alumnos adquiren durante o proceso educativo, e deben poñer en funcionamento de forma activa, tales como o respecto ás normas de convivencia e a concepción do diálogo como a súa ferramenta fundamental, a resolución de conflitos a través da palabra, e o respecto ás diferenzas culturais e de pensamento do mundo global”, sinalou.
Así mesmo, Manuel Corredoira incidiu na importancia da innovación da docencia neste eido e no ensino en xeral, salientando o traballo da Rede Permanente de Formación do Profesorado neste sentido, que vén de definir o marco das Competencias Profesionais Docentes. Un documento de referencia no que o rol de educador se refire ao uso consciente por parte do profesor das súas capacidades, habilidades, coñecementos e ferramentas para xerar e motivar procesos de aprendizaxe no alumnado.
Formación do profesorado
Ao longo desta xornada os docentes poderán asistir a conferencias, obradoiros e relatorios de experiencias e boas prácticas recollidas dentro dun marco teórico e pedagóxico definido tanto no modelo competencial discente como no modelo competencial docente. Todo isto concibido coa idea de ofrecer unha visión global do traballo nas aulas e das diferentes posibilidades formativas que neste eido ofrece o Servizo de Formación do profesorado a través dos seus diferentes programas.
En consonancia cos novos currículos oficiais e co discurso competencial, referido tanto ao corpo discente coma docente, o emprego das linguas extranxeiras entendido como ferramenta de acceso ao coñecemento de materias non estritamente lingüísticas é unha forte aposta pola coherencia, a interdisciplinariedade e o ensino funcional.
Así mesmo a adquisición dunha sólida competencia lingüística en varios idiomas representa unha vía de coñecemento e contacto coa diversidade cultural, e un instrumento para a socialización e o aproveitamento da experiencia educativa, xa que é un vieiro privilexiado para o proceso de ensino-aprendizaxe tanto dentro coma fóra da escola.