Preto de 300 profesionais de educación abordan na EGAP os protocolos xurdidos ao abeiro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar
As ‘VI Xornadas dos Xefes e Xefas dos Departamentos de Orientación’ enmárcanse dentro do plan anual de formación do profesorado
Preto de 300 profesionais galegos de distintas etapas educativas participan hoxe nas ‘VI Xornadas dos Xefes e Xefas dos Departamentos de Orientación’, que se celebran na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Neste encontro, que se enmarca dentro do plan anual de formación do profesorado, abordaranse os diferentes protocolos xurdidos ao abeiro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020.
Organizadas polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), dependente da Consellería de Cultura e Educación, as xornadas teñen como obxectivo potenciar a formación dos profesionais nestes ámbitos, favorecendo a reflexión e o intercambio de ideas. En concreto, os participantes recibirán información sobre o Protocolo de atención educativa domiciliaria; o Protocolo xeral para a prevención, detección e tratamento do acoso e ciberacoso escolar; o Protocolo de urxencias sanitarias e enfermidade crónica; o Protocolo de protección de datos e un avance sobre o Protocolo de identidade de xénero.
Mesa redonda con seis entidades
Pola súa banda, ao longo da sesión de tarde organizarase unha mesa redonda na que participarán seis entidades sen ánimo de lucro que teñen asinado cadanseu convenio de colaboración coa Consellería co fin de mellorar a atención do alumnado con necesidades educativas especiais.
Trátase da FEGADAH (Federación Galega de Asociacións de Persoas con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade), BATA (Baión, Asociación para o tratamento do autismo), ONCE, FAXPG (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia), APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral) e DOWN Galicia.
Por último, a xornada rematará coa conferencia “Uso saudable, seguro e responsable das novas tecnoloxías no ámbito educativo”, a cargo de Guillermo Cánovas, director de EducaLIKE.