Cultura e Educación colabora con ASPANAES para facilitar o transporte escolar a un cento de alumnos e alumnas con discapacidade

O conselleiro Román Rodríguez e María José Álvarez Folgar, da Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista da provincia da Coruña, asinaron un convenio que posibilita os desprazamentos

Mér, 02/12/2015 - 13:18
Cultura e Educación colabora con ASPANAES para facilitar o transporte escolar a un cento de alumnos e alumnas con discapacidade
Cultura e Educación colabora con ASPANAES para facilitar o transporte escolar a un cento de alumnos e alumnas con discapacidade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e maila Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista da provincia da Coruña (ASPANAES) colaboran na prestación do servizo de transporte escolar a preto dun cento alumnos e alumnas dos catro centros de educación especial que ten esta entidade na provincia da Coruña.

O conselleiro Román Rodríguez e María José Álvarez Folgar, presidenta de ASPANAES, formalizaron hoxe o convenio a través do cal se posibilita o desprazamento do alumnado discapacitado asociado á entidade desde os seus domicilios ao centros de educación especial ‘ASPANAES A Coruña’, ‘ASPANAES Duques de Lugo’ (en Santiago), ‘ASPANAES Ferrol’ e ‘ ASPANAES As Pontes‘.

Tras a formalización do acordo, o conselleiro percorreu as instalacións do centro da asociación na cidade herculina acompañado pola xerente de ASPANAES e polos directores dos 4 centros galegos desta entidade, así como polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana.

Apoio a case 100 alumnos

En concreto son un total de 99 escolares que nos seus traslados ao centro educativo precisan dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades físicas e psíquicas particulares. Así, o convenio cobre os desprazamentos de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares, así como a ou desde os centros en que reciban tratamento rehabilitador, cando este coincida co horario escolar. Ademais, o servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que necesitan.

Ao abeiro deste convenio, a asociación comprométese a facilitar os desprazamentos cos vehículos adaptados que sexan necesarios, así como a prestar os pertinentes servizos especializados de acompañamento e atención ao alumnado trasladado. Pola súa banda, a Consellería farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos, cun custe total que ascende a 231.077 euros.

O acordo -que complementa outro xa asinado con esta entidade para servizo de comedor escolar- encádrase no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa atención á diversidade do alumnado galego, garantindo o acceso á educación dun sector da poboación escolar galega que require una atención específica e preferente.