Publicadas as unidades didácticas do Ámbito Social da Educación Secundaria de Adultos (ESA) no repositorio de contidos do espazoAbalar

Mér, 28/05/2014 - 19:07

O repositorio do espazoAbalar vén de ampliar, unha vez máis, a súa oferta de contidos educativos dixitais, incorporando nesta ocasión 17 novos contidos educativos, ata alcanzar os 2.106 recursos dixitais.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) continúan a dar pasos para por a disposición da cidadanía, de forma totalmente gratuita, o currículo completo de Educación Secundaria de Adultos no repositorio de contidos do espazoAbalar.

Nesta segunda entrega, as unidades do Ámbito Social súmanse ás do Ámbito de Comunicación da ESA publicados en febreiro, e nas próximas semanas incorporaranse as unidades dos outros ámbitos.

Cada unidade didáctica está estruturada nos seguintes apartados:

- Secuencia de actividades e contidos

- Resumo de contidos

- Exercicios de avaliación ou Actividades complementarias

- Solucionario

- Glosario

- Bibliografía e recursos

Está elaborada en bloques de temas, coa ferramenta de autor exelearning; de xeito que se pode restaurar todas as unidades didácticas de cada ámbito nunha aula virtual Moodle, descargando do respositorio o arquivo en formato .ZIP que as contén.