A Consellería de Cultura e Educación incrementa nun 22,6% o número de contratos-programa na provincia de Lugo, unha actuación para a mellora da calidade do ensino que suporá a incorporación de 107 docentes ao sistema educativo galego

O departamento dirixido por Vázquez Abad inviste 4,1 millóns nos contratos-programa, con especial atención ao servizo de transporte escolar para oseu desenvolvemento no rural

O conselleiro asinou hoxe os correspondentes á provincia lucense, na que haberá un total de 677 implicados, un 136,7% máis ca o curso pasado

Preto de 6.000 alumnas e alumnos da provincia beneficiaranse desta iniciativa, un 54,5% máis ca no 2012/2013

Lun, 17/02/2014 - 13:46
A Consellería de Cultura e Educación
A Consellería de Cultura e Educación incrementa nun 22,6% o número de contratos-programa na provincia de Lugo, unha actuación para a mellora da calidade do ensino que suporá a incorporación de 107 docentes ao sistema educativo galego

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe contratos-programa con 38 centros educativos da provincia de Lugo, o que supón un incremento de 7 centros respecto do curso pasado, un 22,6% máis. Para o desenvolvemento destas actuacións en toda Galicia o investimento ascende a 4,1 millóns de euros – un 28% máis que no curso pasado-, e implicará a incorporación ao sistema de 107 docentes contratados a maiores para este fin. O orzamento para a provincia lucense será de máis de 457.000 euros, un 26,1% máis de investimento ca no curso anterior.

Nun acto desenvolvido na delegación da Xunta na cidade da Muralla o titular do departamento educativo autonómico agradeceu a implicación dos centros de ensino, os equipos directivos e os docentes nesta iniciativa, que ten como obxectivo a mellora da calidade en base ás particularidades de cada comunidade educativa. Cómpre lembrar que  son os propios centros os que analizan os seus puntos fortes e débiles e propoñen á Consellería programas para a mellora do ensino de acordo ás súas necesidades.

Neste sentido salientou o esforzo realizado por centros como os IES A Pinguela (Monforte de Lemos) ou o IES Río Miño (Rábade), que desenvolven 5 das 6 liñas de actuación da convocatoria de contratos-programa, incluída a sexta delas, para a mellora da calidade na xestión dos centros, nova liña incorporada neste curso 2013-2014. Ademais, outros seis centros da provincia desenvolven ata tres liñas de actuación á vez este curso, en concreto os IES Perdouro (Burela), da Terra Chá José Trapero Pardo (Castro de Rei), Val do Asma (Chantada), Sanxillao (Lugo), e Xograr Afonso Gómez (Sarria), así como o CPI de Castroverde.

Ao abeiro desta iniciativa beneficiaranse preto de 6.000 alumnas e alumnos da provincia – un 54,5% máis ca no 2012/2013- grazas á implicación de case 680 docentes, un 136,7% máis dos docentes implicados na provincia o curso pasado. Deles, 11 serán profesores externos, contratados de forma específica para os contratos-programa.

Os centros da provincia implicados desenvolverán un total de 67 actuacións enmarcadas nas diferentes liñas da convocatoria, un 39,6% máis ca no ano académico 2012/2013. Delas, 32 delas serán para o reforzo, orientación e apoio – no curso anterior foron 28-; 16 de mellora da lectura, escritura e cálculo – fronte ás 11 do 12/13-; 8 para a mellora da convivencia (no ano académico anterior foron 5); 3 dirixidas á redución do abandono escolar –no 12/13 non se desenvolveron na provincia actuacións nesta liña -; 6 para favorecer a excelencia educativa – foron 4 o ano anterior-; e 2para mellorar a calidade na xestión dos centros, a nova liña da convocatoria.

A relación de centros participantes coas súas correspondentes liñas a desenvolver pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia, no enlace web /portal/node/11424 .

Ademais dos representantes dos centros asinantes, no acto participaron a delegada da Xunta na provincia, Raquel Arias; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; e o xefe territorial da Consellería na provincia, José Jesús Ramos Ledo.

Éxito da terceira convocatoria

A Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha no curso 11/12 varias iniciativas para mellorar o éxito escolar, unha delas os contratos-programa cos centros docentes públicos. A introdución desta figura supón un cambio na cultura dos centros, xa que lles permite, unha vez analizadas as súas fortalezas e debilidades, e segundo o seu contexto, deseñar e propoñer un proxecto propio enfocado ás principais actuacións propostas para a súa mellora, todo isto nun marco de maior autonomía pedagóxica, de organización e xestión.

Así mesmo, este programa contribúe a afondar na cultura da avaliación, co establecemento de indicadores de resultado específicos para cada centro. Permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento tanto do centro como da administración educativa para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.

Esta terceira convocatoria confirma o éxito do programa, no que participarán este curso  un total de 334 centros educativos de toda Galicia, o que supón un incremento de 45 centros fronte aos 289 do curso pasado, un 15,6% máis. No conxunto da comunidade autónoma beneficiaranse da iniciativa preto de 44.000 alumnas e alumnos, implicando a 4.200 docentes. Ademais, a Consellería incrementa este ano o orzamento destinado ao programa, que acada arredor de 4,1 millóns de euros, un 28% máis que no curso pasado.