A Consellería de Cultura e Educación asina contratos-programa con 47 centros de Santiago e área, no marco dunha iniciativa que suporá a incorporación de 107 docentes ao ensino galego

O departamento educativo da Xunta de Galicia investirá un total de 4,1 millóns de euros no desenvolvemento destas actuacións para a mellora da calidade educativa en toda Galicia

Preto de 15.500 alumnas e alumnos da provincia da Coruña beneficiaranse desta iniciativa grazas á implicación de máis de 1.579 docentes

Ven, 24/01/2014 - 11:40
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe contratos-programa con 47 centros educativos de Santiago de Compostela e a súa área de influencia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe contratos-programa con 47 centros educativos de Santiago de Compostela e a súa área de influencia, o que supón un incremento de 4 centros respecto do curso pasado, un 9,3% máis. Para o desenvolvemento destas actuacións en toda Galicia o investimento ascende a 4,1 millóns de euros – un 28% máis que no curso pasado-, e implicará a incorporación ao sistema de 107 docentes contratados a maiores para este fin. Para provincia da Coruña o orzamento será de máis de 1,3 millóns de euros, un 34% máis ca no curso anterior.

Nun acto desenvolvido no Museo Pedagóxico de Galicia o titular do departamento educativo autonómico agradeceu a implicación dos centros de ensino, os equipos directivos e os docentes nesta iniciativa, que ten como obxectivo a mellora da calidade en base ás particularidades de cada comunidade educativa.

Neste sentido salientou o esforzo realizado por centros como o CPI da Picota, que desenvolve 4 das liñas da convocatoria; ou, desenvolvendo 3 liñas cada un deles, os CEIP de Aguiño e de Frións (Ribeira), o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) IES de Melide, IES Xulián Magariños (Negreira), IES Plurilingüe Maruxa Mallo (Ordes) e CPI de Xanceda (Mesía), sumándose este último ademais á nova liña, a de mellora da xestión dos centros.

Preto de 15.500 alumnas e alumnos da provincia (dos que arredor de 6.400 serán da cidade de Santiago e área de influencia) beneficiaranse este curso dos contratos-programa, o que supón un 33% nesta provincia ca os do curso anterior. O incremento é posible grazas á implicación de máis de 1.500 docentes da provincia, un 65,5% máis ca no 2012/2013, dos que 437 se corresponden con profesorado de Santiago e área. No caso dos docentes externos contratados de forma específica para este fin, 11 prestarán o seu apoio nos centros que hoxe asinaron os seus contratos-programa.

Os centros hoxe asinantes desenvolverán un total de 77 actuacións enmarcadas nas diferentes liñas da convocatoria, un 20,3% máis ca no ano académico 2012/2013. Delas, 36 delas serán para o reforzo, orientación e apoio – no curso anterior foron 33-; 17 de mellora da lectura, escritura e cálculo – fronte ás 15 do 12/13-; 7 para a mellora da convivencia (o mesmo número que no ano académico anterior); 3 para a redución do abandono, fronte ás 2 do ano anterior; 12 para favorecer a excelencia educativa –o ano anterior foron 7-; e 2 para mellorar a calidade na xestión dos centros, a nova liña da convocatoria.

A relación de centros implicados coas súas correspondentes liñas a desenvolver pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia, no enlace web /portal/node/11424 .

Ademais dos representantes dos centros asinantes, no acto participaron o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila.

Éxito da terceira convocatoria

A Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha no curso 11/12 varias iniciativas para mellorar o éxito escolar, unha delas os contratos-programa cos centros docentes públicos. A introdución desta figura supón un cambio na cultura dos centros, xa que lles permite, unha vez analizadas as súas fortalezas e debilidades, e segundo o seu contexto, deseñar e propoñer un proxecto propio enfocado ás principais actuacións propostas para a súa mellora, todo isto nun marco de maior autonomía pedagóxica, de organización e xestión.

Así mesmo, este programa contribúe a afondar na cultura da avaliación, co establecemento de indicadores de resultado específicos para cada centro. Permite ademais visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento tanto do centro como da administración educativa para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.

Esta terceira convocatoria confirma o éxito do programa, no que participarán este curso  un total de 334 centros educativos de toda Galicia, o que supón un incremento de 45 centros fronte aos 289 do curso pasado, un 15,6% máis. No conxunto da comunidade autónoma beneficiaranse da iniciativa preto de 44.000 alumnas e alumnos, implicando a 4.200 docentes. Ademais, a Consellería incrementa este ano o orzamento destinado ao programa, que acada arredor de 4,1 millóns de euros, un 28% máis que no curso pasado.