Título node Learning object

Convocatoria das bolsas para participar nos Institutos de Verán Benjamin Franklin 2014 nos Estados Unidos de América para alumnado de 16 a 18 anos
Ven, 17/01/2014 - 11:01
Departamento de Estado dos USA

A Embaixada dos Estados Unidos en España selecciona un ou dous estudantes españois, andorranos ou residentes en España ou Andorra, para participar nos Institutos de Verán Benjamin Franklin, un programa financiado polo Departamento de Estado dos Estados Unidos para promover as relacións entre as novas xeracións de europeos, asiáticos e norteamericanos.

O alumnado seleccionado participará nun programa intensivo enfocado nos asuntos globais aos que se enfrontan os mozos e mozas destes países. Os institutos terán lugar na Universidade de Wake Forest en North Carolina e/ou na Universidade de Purdue en Indiana entre os días 28 de xuño e 26 de xullo de 2014 e reunirán 35 estudantes de distintos países de Europa e Asia Central con 10 estudantes norteamericanos. Os participantes levarán a cabo unha gran variedade de actividades: seminarios, programas de servizo comunitario e voluntariado, viaxes de estudo e eventos culturais. Traballarán nun proxecto conxunto e explorarán como os mozos de hoxe interactuan cos medios de comunicación, tanto na súa faceta de consumidores coma de produtores de información. Abordarán tamén como a liberdade de expresión impón aos cidadáns tanto dereitos coma responsabilidades.

O Departamento de Estado dos Estados Unidos de América farase cargo de todos os gastos de viaxe, manutención, seguro médico de accidentes e visado.

As persoas interesadas en solicitar esta bolsa deberán ter un excelente coñecemento da lingua inglesa, unha nota mínima de "Notable" (7,5) no seu expediente académico, ter participado en actividades de voluntariado e/ou servizo comunitario e entregar unha carta de referencia. Ademais, deberán crear e entregar un vídeo de 2 minutos a través de YouTube no que expliquen o seu interese polo programa, o que consideran que aportarán e por que cren que deben ser seleccionados.

A data límite de entrega de solicitudes é o venres 28 de febreiro de 2014 ás 18 horas. A resolución publicarase durante o mes de abril.

Menús Learning object node R