Que son?

O CP Innova é unha iniciativa de innovación educativa desenvolvida desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para proporcionarlles aos centros docentes públicos unha estratexia de mellora da calidade do ensino.

Os destinatarios son EEI, CRA, CEP, CEIP, CEE, CPI, CIFP, EPAPU e IES públicos de Galicia.

O plan poderá desenvolver todas ou algunha/s da/s modalidad/es que se relacionan a continuación, considerando as necesidades e os intereses do alumnado, e dos centros docentes solicitantes:

 

1. O centro docente como entorno innovador de aprendizaxe a través da mellora permanente. (EDUinnova)

A innovación educativa supón a achega de ferramentas aos estudantes para enfrontar os desafíos do mundo actual, non no sentido de saberes estancos, senón como competencias que posibilitan o desenvolvemento de novas capacidades e estratexias que apuntan á mellora continua.

Co obxecto de que o alumnado faga fronte con éxito ás constantes transformacións da sociedade, todas as persoas deben incorporar coñecementos, capacidades, competencias e actitudes que lles permitan acadar o pleno desenvolvemento persoal e social e continuar aprendendo ao longo de toda a vida.
 

2. O centro docente como promotor da excelencia a través do afondamento nun ámbito de coñecemento. (EDUexcelencia)

A procura dunha educación personalizada baséase na promoción do óptimo resultado posible para cada persoa. Promover a excelencia equivale a facilitar os recursos educativos necesarios que permitan a cada alumno e alumna chegar tan lonxe, tan rápido, con tanta amplitude e con tanta profundidade como a súa competencia lle permita.

Nesta liña, cando se centran accións nunha área definida polos seus intereses e capacidades, aumenta a motivación do alumnado, que incrementa o seu compromiso, progresa na súa aprendizaxe e fornece as súas capacidades e competencias.

O futuro consiste en construír un ensino desde as paixóns e capacidades do alumnado que o axude a personalizar a súa aprendizaxe e a súa avaliación, de forma que se fomente o talento. Trátase de motivar aos estudantes para que sexan enxeñosos.
 

3. O centro como dinamizador de hábitos de vida saudables. (EDUsaúde)

O benestar físico e emocional do alumnado é decisivo para a consecución dunha aprendizaxe efectiva. Dispor dunha información fundada sobre a saúde permite, ademais, contar cun xuízo válido para tomar decisións responsables sobre o coidado da propia saúde, a prevención de enfermidades ou a mellora da calidade de vida. Os centros educativos son institucións vitais para contribuír ao benestar físico e alimentario, polo que cómpre impulsar tanto a actividade física como os hábitos alimentarios ligados a unha vida saudable para que poidan ser mantidos ao longo da vida.

 

4. O centro educativo comprometido cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). (EDUsostibilidade)

A transición ecolóxica constitúe un dos núcleos centrais da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e doutros organismos internacionais para os vindeiros anos. A transformación cara a unha economía sostible desde o punto de vista medioambiental, circular e climáticamente neutra, ten un carácter transversal, polo que depende do compromiso de todos os colectivos da sociedade.

Neste sentido, débese garantir que todo o alumnado adquira os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover o desenvolvemento sostible e, paralelamente, fomentar a sensibilización, a concienciación e a educación de calidade, xa que son fundamentais de cara a formar unha cidadanía que participe activamente para afrontar o cambio climático e garantir un desenvolvemento sostible.

 

5. O centro educativo como modelo de calidade a nivel organizativo, de xestión e de funcionamento. (EDUcalidade)

A autonomía dos centros para adoptar decisións sobre a súa organización e funcionamento e a potenciación da función directiva son factores clave para a promoción da calidade do sistema educativo.

É necesaria unha avaliación inicial que permita identificar a realidade do centro e o seu contexto para deseñar accións de calidade educativa que teñan por obxecto o fomento e a promoción da calidade nos centros.