Act. Complementarias
Achegamos o boletín trimestras de suxestións do Equipo de biblioteca, sempre cheo de interesantes recomendacións.
Hoxe tivo lugar e entrega de premios aos finalistas e gañadores do IV Concurso de Fotografía IES Xulián Magariños, "Camiño de Santiago e patrimonio en Negreira". Parabéns a todos eles, aos que desexamos que sigan cultivando esa afición pola fotografía e por coñecer e valorar o rico patrimonio do noso concello.
Emoción e alegría, xa que despois de 3 anos puidemos retomar o noso tradicional concurso de entroido. Queremos dar as grazas ao profesorado e alumnado que se implicou nel e que nos permitiron pasar uns ratos moi agradables e divertidos.
Ao final da gala todos puidemos disfrutar das ricas filloas que ANPA e Concello nos fixeron chegar. Moitas grazas tamén a eles. No noso Facebook podedes ver fotos da xornada.
Para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos Humanos, que se celebra cada ano o 10 de decembro, os alumnos de Valores Éticos de 2º de ESO B buscaron nos xornais exemplos de noticias que amosaban situacións nas que non se respectaban algúns dos dereitos que ten calquera ser humano polo mero feito de existir. A actividade serviulles para analizar cunha mirada crítica a realidade cotiá e comprobar que queda moito por facer. O resultado do seu traballo pode verse na exposición que montaron no hall de entrada ao instituto.
Un ano máis organizamos a Feira das Profesións 2024 en colaboración cos departamentos de orientación dos IES de Ames e Brión. Nesta edición contaremos con máis de 40 expositores entre os que se atopan centros que imparten ciclos formativos de FP, universidades, corpos e forzas de seguridade, profesionais independentes de distintos campos, empresas e administracións públicas. Este ano, como novidade, contaremos cun espazo no que terán lugar diversas charlas de orientación ás que o alumnado poderá asistir libremente se son do seu interese.
A feira terá lugar no pavillón polideportivo de Brión o xoves 4 de abril, e aparte de alumnado poderá asistir libremente o público xeral e as familias pola tarde entre as 16:00 e 18:30 horas. As 18:30 horas terá lugar o acto de clausura coa presenza das alcaldías dos tres concellos e representación das direccións dos centros organizadores.
Animámosvos a que visitedes a Feira pola tarde en familia, que de seguro vos axudará na toma de decisión da futura traxectoria académica e/ou profesional dos vosos fillos.
O día 23 de febreiro a nosa alumna de 2º de Bacharelato, Lucía Capeáns participou na XIX Olimpíada de Bioloxía na Fase Autonómica Galega realizada na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo. E aínda que non quedou entre os 3 seleccionados para a fase nacional, ten o mérito de ser unha das 80 alumnas e alumnos que pasaron a fase previa a nivel de toda Galicia. E sobre todo tivo a oportunidade de disfrutar dun día con estudantes de diversas partes da comunidade nun ambiente universitario onde realizaron unha proba moi completa cunha parte escrita e 4 prácticas de laboratorio. De postre unha charla científica sobre o Anisakis impartida polo profesor Raúl Iglesias Blanco. Parabéns, Lucía.
Hoxe o alumnado de 1º ESO acompañado polo profesorado do departamento de Tecnoloxía participou nun interesante obradoiro en liña deseñado dende o INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridade) co obxecto de aprender a detectar sinais de fraude e engano en páxinas web, chats e redes sociais. Malia a indudable utilidade das TIC é importante saber protexernos de estafadores e ladróns de datos persoais e identidades.
Levan para casa unha pequena folla de tarefas para practicar en familia.
Cousas que nos quedaron claras:
- Fixarnos nas direccións de internet e comprobalas cun comprobador de URL.
- Desconfiar de versións gratuitas de aplicacións de pago e de ofertas moi suculentas.
- Regalos moi golosos e urxencias de tempo tamén son signos claros de páxinas web fraudulentas.
- Ollo coas invitacións de descoñecidos.
- E ante calquera dúbida falar cos nosos pais, profesores ou contactar co propio INCIBE
Entre todos podemos facer de internet un espazo máis seguro e amigable.
Seis alumnas de bacharelato representaron ao IES Xulián Magariños como parte do xurado do Premio San Clemente de Narrativa. O acto tivo lugar no IES Rosalía de Castro de Santiago o pasado xoves 3 de novembro. As alumnas deliberaron con representantes de varios institutos tanto de Galicia como de fóra da nosa Comunidade e despois deron a coñecer o nome dos gañadores nunha rolda de prensa. Mais tarde, xunto co resto dos membros do xurado, foron invitadas a unha comida no Casino de Santiago. Unha experiencia moi enriquecedora que se completará dentro duns meses coa cerimonia de entrega de premios, na que poderán coñecer persoalmente aos galardoados.
A prensa fíxose amplo eco da noticia, dada a importancia deste premio.
A memoria histórica e o hiperrealismo máxico imponse no Premio San Clemente Abanca con tres mulleres galardoadas (galiciaconfidencial.com)
El Premio San Clemente Abanca galardona en Santiago de Compostela a tres autoras (elespanol.com)
La memoria histórica y el hiperrealismo mágico se imponen en el Premio San Clemente Abanca con tres mujeres galardonadas (europapress.es)
Podedes consultar aquí as actividades previstas para o mes de novembro:
O IES Xulián Magariños na Galiciencia!! As profesoras Natalia Freire e Josefa Paulos coordinan os dous equipos que presentan os seus proxectos de economía circular na máis importante feira científica escolar de Galicia, un sobre contenedores SMART que fan reconto automático dos envases que teñen e envían un aviso por internet cando están cheos, e outro sobre "upcycling" de refugallo informático. "La Voz de Galicia" tamén menciona os nosos proxectos.