Skip to Content

Día Mundial do Teatro 2022

O autor da mensaxe desta novo Día Internacional do Teatro (que celebramos o domingo, 27 de marzo e xa van alá 50 edicións) é Peter  Sellars: director  norteamericano de ópera, teatro e festivais, nado en  1957, recoñecido polas súas interpretacións innovadoras e transformadoras dos clásicos, a defensa da música contemporánea e do século  XX e proxectos colaborativos cun alcance extraordinario, de artistas creativos e escénicos; a súa obra ilumina o poder da arte como medio de expresión moral e acción social. Na actualidade e profesor de “Artes e Culturas do Mundo” na Universidade de California.

Velaquí a súa mensaxe:

Queridos amigos,

    Mentres o mundo vive pendente, cada minuto e cada hora, dun continuo goteo de novas,  gustaríame facer un chamamento para que todos nós, como creadores, nos adentremos no noso ámbito e na nosa esfera e na perspectiva dun tempo que se albisca épico, con cambios e conciencia épica, cunha reflexión e visión épicas. Estamos a vivir nun período épico na historia humana e as  consecuencias e cambios profundos que estamos a experimentar nas relacións dos seres humanos entre si e con outras esferas non humanas están no límite da nosa capacidade de comprender, articular, falar e expresarnos.
    Non estamos a vivir nun ciclo de noticias de 24 horas, estamos a vivir ao bordo do tempo. Os xornais e os medios de comunicación están completamente desbordados e son incapaces de facer fronte ao que estamos a vivir.
    Onde está a linguaxe, cales son os movementos e cales son as imaxes que poderían permitirnos comprender os profundos cambios e rupturas que estamos a experimentar? E como podemos transmitir o contido das nosas vidas neste momento non como unha reportaxe senón como unha experiencia?
    O teatro é a arte da experiencia.
    Nun mundo atafegado por vastas campañas de prensa, experiencias simuladas, prognósticos espantosos, como podemos ir máis aló da repetición interminable de números para experimentar a santidade e a infinidade dunha soa vida, un só ecosistema, unha amizade ou a calidade aportada pola luz dun ceo estraño? Dous anos de pandemia minguaron os sentidos das persoas, teñen reducido as súas vidas, roto conexións e colocáronnos nunha estraña zona cero da morada humana.
    Que sementes debemos plantar una e outra vez nestes anos, e cales son as especies invasoras e de crecemento incontrolado que deben extirparse por completo? Moita xente está ao límite. Tanta violencia está a estalar, irracional ou inesperadamente. Tantos sistemas establecidos reveláronse como estruturas de crueldade continua.
    Onde están as nosas cerimonias de recordo? Que necesitamos lembrar? Cales son os rituais que nos permiten finalmente  reimaxinar e comezar a ensaiar pasos que nunca antes deramos?
    O teatro da visión épica, o propósito, a recuperación, a reparación e o coidado necesita novos rituais. Non necesitamos que nos entreteñan. Necesitamos xuntarnos. Necesitamos compartir o espazo, e necesitamos cultivar ese espazo compartido. Necesitamos espazos protexidos de escoita profunda e igualdade.
    O teatro é a creación na terra do espazo de igualdade entre humanos, deuses, plantas, animais, pingas de choiva, bágoas e rexeneración. Ese espazo da igualdade e da escoita profunda está iluminado pola beleza oculta, que se mantén viva nunha profunda interacción entre perigo, ecuanimidade, sabedoría, acción e paciencia.
    En
O Sutra do Ornamento Floral, Buda enumera dez tipos de gran paciencia na vida humana. Un dos máis poderosos chámase Paciencia para Percibir Todo como Espellismos. O teatro sempre presentou a vida deste mundo como se dun espellismo se tratara, permitíndonos ver a través da ilusión e desilusión humana, o engano, a cegueira e a negación con claridade e forza liberadoras.
    Estamos tan seguros do que vemos e da forma en que o estamos vendo que somos incapaces de ver e sentir realidades alternativas, novas posibilidades, diferentes enfoques, relacións invisibles e conexións  atemporais.
    Este é un tempo para un profundo refrescar das nosas mentes, dos nosos sentidos, da nosa imaxinación, das nosas historias e do noso futuro. Este traballo non pode ser feito por persoas illadas traballando soas. Este é un traballo que necesitamos facer xuntos. O teatro é a invitación para facer este traballo xuntos.
    Moitas grazas de todo corazón polo voso traballo.

 



page | by Dr. Radut