Skip to Content

Abril 2021

O paxaro de nácara
de
   Pura Salceda   

    Segundo declara a propia autora esta novela está “ambientada na aldea dos meus pais,  Feás, e outras aldeas de Boborás e da comarca do Carballiño. Para min, representa unha homenaxe á miña terra e a cuantos loitaron por labrarse un futuro mellor, tamén lonxe dela” como Nélida, a protagonista, unha galega emigrada a Barcelona, que volve á aldea familiar para asistir ao funeral da súa avoa. Alí reencontrarase con Elías, un antigo noivo, un amor que non foi a máis porque el emigrou a México. Agora Nélida está casada e con fillos, polo que aparentemente todo é auga pasada. Mais o encontro con Elías fará revivir por unha banda sentimentos do pasado pero por outra tamén un tema que crían pechado: a misteriosa morte no pasado de Gonzalo, un tío de Nélida,  nun accidente de automóbil en México.

   (...) Quedaron de novo en silencio. Tiñan tantas cousas que dicirse que lles resultaba imposible artellar discurso ningún. As palabras amoreábanse nas súas cabezas, unhas desculpándose, outras que eran reclamos, e moitas, as máis delas, gritando que se botaban de menos. Por iso permanecían calados.
    Nese momento entrou Florentino no bar acompañado de dous homes máis. Mirounos con descaro pero non se saudaron. Por un momento fixo o ademán de achegarse a eles, pero desistiu. Neli non se decatou deste derradeiro xesto porque lía unha mensaxe que lle chegara ao móbil: Rosendo quería marchar. Pensou dicirlles que se foran sen ela, que xa a levaría Elías, pero non quería levantar sospeitas nin dar que falar. Tampouco a compañía do bar era moi agradable.
    -É Rosendo. Está canso xa.
    -Tan cedo? Por que non quedas e lévote eu logo no coche?
    -Xa sabes a resposta.
    -Así non podemos falar de nada. Xa ben ves que sempre alguén nos observa dixo sinalando disimuladamente ao Raposo-.  Deberiamos vernos fóra de Feás, ir a Vigo ou a Pontevedra, como faciamos antes, e conversar con calma. Non tes maneira de arranxalo?
    -Se cadra podería pedirlle o coche a Sabela, así cada quen vai co seu. Sería máis discreto.
    -Fai por iso, por favor. Dime algunha cousa, Neli -contestou Elías mirándoa fixamente. A súa ollada falaba por el.
    Ao día seguinte pola mañá. Nélida recibiu unha mensaxe de Elías na que lle dicía que estaría todo o día fóra de Feás por cuestións familiares, o que daba máis marxe a Nélida para buscar unha escusa para Sabela. Podíallo contar todo, pois sempre compartiran confidencias, pero iso representaba ter que dar explicacións que nese momento non lle apetecían o máis mínimo.
    No almorzo, Sabela estaba contentísima. Parecía ser que tivera moita afinidade co tal Pepe de Avión. Polo visto era dunha das familias que triunfaran en América e, o mellor de todo, era viúvo (aínda que alegrarse da súa viuvez recoñecía que non era moi ético) e non tivera fillos. Nélida escoitaba os pormenores, satisfeita ao ver tan radiante a súa prima. Incorporáronse á mesa seus pais, aínda que xa almorzaran había un par de horas.

Podes visitar o blog da autora premendo aquí.



page | by Dr. Radut