Skip to Content

Maio 2020

Mentira
de
Care Santos

    Xenia, filla única que está a piques de realizar as ABAU e quere estudar medicina, vive controlada en exceso polos seus pais. O seu rendemento escolar baixa porque está namorada. A partir de O gardián entre o centeo, libro prestado para un traballo de filosofía, coñece por internet a "Marcelo", un lector apaixonado dese libro có que comezará a comunicarse por correo electrónico. Deseguido xurdirá entre eles unha amizade que terminará sendo insuficiente para  Xenia. Cando ela decide coñecer a “Marcelo” cara a cara, este evita a cita. Xenia  descubrirá que o que lle contou o suposto “Marcelo” é falso. “Marcelo”, na realidade, chámase Eric e  tamén empezou a sentir algo pola moza así que lle enviará  un paquete onde  revelará toda a verdade da súa complicada vida. O paquete procede do cárcere de menores e contén a historia dun asasino. En resumo: a novela lévanos a pensar que as cousas non son sempre o que parecen e dinos como unha mentira pode repercutir na vida dunha persoa.
   
    Son moi observadora. Decateime, por exemplo, de que Marcelo respondía case sempre ás miñas mensaxes entre as catro e as cinco da tarde os luns, mércores e venres. Algunhas veces, de cando en cando, tamén escribía polas mañás. Pero nunca en martes, xoves ou sábado. Supuxen que, ao mellor, tiña algún traballo e que debía ter dificultades para utilizar o ordenador para asuntos persoais; por iso as súas mensaxes eran sempre tan breves, porque non quería ter problemas.
    Cando coñeces unha persoa pola Internet, todo o que non sabes dela tes que imaxinalo. Por iso te equivocas tanto.
    Ao mellor, falar de todo aquilo con alguén podíame axudar a velo doutra forma, a darme conta de que era unha tolería. Pero a miña única amiga era Sandra, e a nosa relación non pasaba por un bo momento. A min parecíame que ela estaba moi rara desde que empezara a saír con aquel rapaz universitario, coma se el a estivese cambiando. Ou, se cadra, a rara era eu, quen o sabe. Poida que tamén sentise un chisco de envexa. Poida. O caso é que non lle contei nada a ninguén.
    Dous días despois de que lle enviase a foto, Marcelo pediume outra. Fun moi dura con el:
    Non che vou enviar ningunha foto máis mentres non me envíes ti unha túa.
    Funcionou. Cando recibín un correo electrónico cun documento adxunto, disparáronse os latexos do meu corazón. Mamá estaba na cociña pero, aínda así, abrino. Non podía esperar nin un segundo. Diante de min, aberto, o traballo de literatura. Nunha segunda ventá, preparada para escondela se mamá se acercaba demasiado, a foto que tanto ansiaba ver.
    Imaxinárao tantas veces, que abrín a foto cun medo terrible. E se non era como eu pensaba? E se era horroroso?
    Durante uns segundos, creo que me esquecín de respirar. Hai veces en que a vida se detén. Só uns instantes, sen ningún movemento. É como se o mundo quedase en absoluto silencio para subliñar o que é importante de verdade. Despois, todo volve soar con máis forza. O meu corazón coma un tambor. Pom pom, pom pom.

 

Accede á páxina virtual da autora premendo aquí.



page | by Dr. Radut