Skip to Content

Novembro 2019

Palabra de bruxa
de
Andrea Barreira Freije



    Esta é a historia de Berenice, a última muller da casa das Xanas, mais tamén é a historia das mulleres que non renunciaron á voz propia. Elas toman a palabra con forza e sentímola poderosa no aquelarre, no fogar, na rúa, nos espazos onde viven. E canda elas as persoas que as denuncian, que as sinalan, que as xulgan e as condenan sen escoitalas, que exercen o seu poder. E a súa vez aquelas coas que comparten o seu amor.
    A través destas páxinas saberás o que contan as bruxas e a súa verdade.

    Disposto a ver canto de certo terían os díxome-díxome, o rapaz non tardou en visitar o lugar. O muíño agochábase baixo a protección de castiñeiros, carballos, bidueiros... O río Portela avanzaba seguro ao seu carón, deixándose guiar por unha presa até as entrañas onde se moía o gran. A porta estaba entreaberta, malia iso Pío petou con forza, máis ninguén respondeu. Chamou con voz firme, pero todo era silencio, até o río calou cando decidiu entrar aproveitando esa soidade.
    Ao outro lado a penumbra asolagábao todo. Agochadas entre as sombras, ducias de candeas apagadas semellaban agardar algo, pois crepitaban malia non ter luz. Ao seu carón, resaltaba unha morea de libros. Movido pola curiosidade e seguro de que alí atoparía algunha proba do escoitado, aproximouse. Non pousara o pé no chan cando sentiu ducias de ollos axexar os seus pasos.
    Decidiu quedar no sitio até asegurarse de que non corría perigo. Ademais non lle quedaría outra, un felino branco cae diante del, fitándoo coa desconfianza dun ser que non lle permitiría avanzar até que a ama aparecese. Un arrepío percorreu o corpo do rapaz pois, malia non atoparse diante da mesma morte, semellaba ser xulgado por unha pantasma.
    Levantou a vista nun intento de atopar a saída, mais ao facelo quedou atrapado nos remuíños dun río. A súa vida semellou deterse nese instante. Sentíase afogar como aquela noite en que caera ás augas no seu derradeiro intento de fuxir da casa. Daquela uns brazos foran o seu salvavidas. Agora, os mesmos ollos que o apreixaban decidiran darlle, polo momento, un respiro. Non sabería dicir canto tempo o observara esa muller, nin tan sequera podería adiviñalo, pois a súa presenza foi repentina, como se se fixese corpórea nese intre, ou como se fose quen de deter o tempo.
    -Buscabas algo? -interrogouno unha voz firme, desconfiada. Eses iris de auga afogaríano se non daba a resposta axeitada.

   -Sinto a molestia... Dona Angustias e dona Esperanza envíanme a recoller un saco de fariña de centeo -non puidera evitar a mentira. Tampouco lle importaba. Levaba tanto tempo vivindo nunha que até el era incapaz de saber onde estaba a verdade con exactitude.
    -Curioso... xusto onte levaron un... Non adoitan volver Até pasada unha lúa -a muiñeira sorriu e, mentres eses beizos se esparexían, Pío sentiu como o apreixaba unha semieira que penetraba cada capa da súa consciencia e inconsciencia.
    -En realidade... sentía os ollos cravados nos seus. Pódense agochar as lembranzas? De súpeto tiña a necesidade de borrar mesmo os recordos, os coñecementos, os acontecementos de toda unha vida, coma se estes puidesen ser usados contra el nalgún momento. Por primeira vez en moito tempo, a súa realidade cambaleábase como se fose o xulgado ... caeulles xusto despois de abrila. Foi unha desfeita! Estaban moi contrariadas...
       

 

 

 



page | by Dr. Radut