O libroferido Antón Fraguas

No día do Libro lembramos a intensa relación que o autor do Día das Letras deste 2019 tivo cos libros, eles foron o seu “vicio” ata días antes de morrer.
Unha relación que comeza cando  o alumno Antón Fraguas “o da aldea” en Pontevedra merca por primeira vez un libro.
E continúa cando nace o Instituto Padre Sarmiento e é chamado para axudar a catalogar os libros que a Universidade devolvía procedentes dos fondos do extinguido Seminario de Estudos Galegos:
“... a min nomeáronme en seguida para coidar dos libros. Os libros estaban na universidade. Foron todos para a Rúa Nova [a casa da Balconada]... E alí, de noite, eu fun catalogando todo o que había...”fraguas
Os libros foron os fillos que non tivo e Teresa, a súa cónxuxe, “máis dunha vez disimulou que eu comprase algún libro para a nosa biblioteca, sabedora da ilusión que me facía algún volume detrás do que levaba moito tempo cobizoso, e iso aínda que os cartos fixesen falta para cuestións máis importantes, como o propio sustento diario. A nosa biblioteca é o legado que lles deixamos aos que veñan detrás, e  aínda que non tivemos fillos, cada un dos libros que fomos atesourando foi unha pequena criatura que nos acompañou silandeira ao longo das nosas vidas”
É obvio que a pertenza que máis valoraba era a súa biblioteca. Ao longo da súa longa vida atesourou libros dende aquel primeiro que mercara cando era  alumno do instituto de Pontevedra. Antón Fraguas invertía todos os cartos que aforraba na súa paixón bibliófila. Froito desa paixón é unha biblioteca, a súa, na que latexa a terra e a cultura propia, integrada por 12.937 libros e folletos e 399 cabeceiras de publicacións periódicas.  Cando o 17 de decembro de 1994 a entrega como doazón ao Museo do Pobo Galego escribiu: “No día que deixamos o noso “tesouro”, a sinxela biblioteca co pensamento na nosa terra e na nosa cultura”.
E Fraguas seguiu mercando libros ata días antes do seu pasamento.
Na súa casa os libros repartíanse por todas as estancias ocupando dende o chan ata o teito, sen deixar ocos libres. Don Antonio, para optimizar o espazo, xuntaba os lotes de libros ou folletos de similar tamaño, facía un atado cun cordel e os poñía nas baldas, quedando a metade no andel e a outra metade suspendida no aire.
E esa biblioteca é hoxe patrimonio de todos. Grazas, San Fraguas! (como de xeito cariñoso o chamaban os seus alumnos)

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer