Febreiro 2019

    Alma. Un sopro de aire fresco

de

José C. Lorenzo Tomé

Unha visión da historia da xeración que sufriu as guerras e posguerras española e europea, a persecución dos nazis, dos xudeus e xudías, da contribución de Galiza por medio das ribadavienses irmás Touza, na colaboración cos servizos secretos para salvaren ao pobo xudeu dos campamentos de exterminio e propiciaren a súa fuxida a Portugal, África ou América. Unha obra mestura de ensaio, diálogo e outros xéneros para lograr o que semella un imposible, a recuperación da pluma de Walter Benjamín, que chegou as terras do Ribeiro en tempos da Segunda Guerra Mundial.

    Ada non respondeu, concentrada na estrada, conducindo o coche, viaxaba coa súa imaxinación polo traxecto ferroviario do norte da península que seguiran os fuxitivos da guerra..., escoitou de pronto as notas dun piano soando na radio do coche e sentiuse envolta no troupeleo dun tren, víase transportada no departamento dun vagón a carón dunha muller e un neno aterecidos de frío e, como ela, viaxando furtivos desde o centro de Europa..., as notas do piano foron logo martelada e enxergou no espello retrovisor do coche o rostro do seu pai traballando no taller: golpeaba cun pequeno martelo unha prancha de madeira..., a máquina do tren lanzou un forte asubío acompañado dunha columna de fume e abriuse o sorriso do neno e un xesto na caricia da nai na que Ada recoñeceu algo íntimo...
   -Que fas Amado? -dixo  de pronto, sobresaltando ao seu amigo, tan sumido na música como ela. Por diante temos a ruta do ferrocarril que el puido seguir..., no final chegaremos a Ribadavia, onde as Touza daban paso aos fuxitivos polo río Miño.
   Amado tardou en sobrepoñerse do susto e xirou a cabeza cara a ela.
   -Xa, Ada, xa sei no que pensas..., no caprichoso cruzamento no teu maxín de tres palabras..., se a historia fose unha corda que un ata e desata ao seu antollo?, pero a historia é cabezana..., aquel encontro entre as Touza e Benjamin non tivo lugar.
   -Doce horas, iso dixeron os seus amigos alemáns, xa en América..., se aguantase doce horas, talvez se tería salvado, o visado chegaría ás súas mans, e entón as Touza, barqueiras na Fisterra de Europa, aliviarían primeiro o cansazo do noso home na súa casa, e logo levaríano a outra beira, a Portugal, e Benjamin non tardaría en cruzar o Atlántico.
   -non foi así.
   -Se cadra levaba consigo un peso excesivo de memoria, de cultura, que resultou fatal en Portbou...

 

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer