Skip to Content

Xaneiro 2017

Xa non estou aquí
de
Iria  Misa

 

      Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2016.
    A vida de Ánxela, repetidora de 1º de Bacharelato, sofre un gran cambio cando, ao comezo de curso, meses antes da súa  desaparición, coincide con María, que a seduce para integrala nos Murnios, un grupo de hábitos diferentes ao resto de compañeiros. Fascinada pola acollida destas novas amizades, aceptará asumir as arriscadas probas a que os Murnios se autosometen na procura de experiencias extremas, o que creará momentos de incerteza en Ánxela, afectada pola incomprensión da súa familia e polo abandono do seu noivo.
   “Unha novela -en palabras da propia autora- que fala de sentimentos universais: a necesidade de pertenza a un grupo, de comprensión, a soidade… A intriga artéllase arredor da desaparición da protagonista, misterio que se irá desentrañando ao longo da novela a través dos distintos puntos de vista dos personaxes. É unha novela coral onde quixen traballar o multiperspectivismo e así poñer de manifesto o cariz tan distinto que pode tomar a realidade dependendo dos ollos de quen a mira” 
xa non estou aquí iria
     (...)  Decateime de que algo mudara cando me reincorporei ás clases ao rematar as semanas de expulsión. A xente xa non me miraba como antes. Os meus compañeiros, cos que ata non había moito compartira angustias e desexos de popularidade, parecían sentir unha mestura de medo e atracción por aquel mundo en que eu me metera sen saber moi ben como. A súa expresión mudaba cando me vían aparecer. Entendín de súpeto que toda aquela xente non eran máis ca uns mexeriqueiros. Pasaban o día preocupados por parvadas e movidas absurdas que consumían todo o seu tempo, como se cada un dos seus problemas fose único e o maior do universo. Como non iamos miralos mal nós, os Murnios, que estabamos tan por enriba de todo aquilo? De verdade pasara tanto tempo da miña vida preocupada polo que os demais pensasen de min?.
    Paréceme que os estou vendo. Xa fixeron o teatro ese de organizar unha manifestación e todo iso? Xa se reuniron no patio, pedindo xustiza detrás dunha pancarta co meu nome e unha foto miña na que saía con cariña de anxo? O anxo que nunca fun. Imaxínovos a vós tamén, vendo a concentración polas vosas teles, en fotos nos vosos móbiles ou tablets e sei que sentides mágoa. Tédesme pena e, asemade, sentides un morbo macabro. E aí, só aí, sei que sodes humanos, cando podo ver en vós eses trazos intrínsecos, naturais e ilóxicos, que son a esencia mesma da nosa natureza e que sempre nos ensinaron que estaba mal amosar; xusto no momento en que me decato de que toda a pena que sentides non é por min, senón polo medo que vos dá pensar que calquera de vós podería estar no meu lugar. Igual que lle pasa a esa xente que chora moito nos enterros...        


page | by Dr. Radut