Skip to Content

Xuño 2016

Non debían medrarNon debían medrarNon debían medrar

de


Manuel Lueiro Rey 

 

    Aproveitando o centenario do nacemento do autor reedítase esta noveliña (70 páxinas) que nos anos setenta do pasado século supuxo a primeira incursión de Lueiro  na narrativa. O protagonista, un alter ego do Balbino das Memorias dun neno labrego, lembra a súa infancia e adolescencia nos anos da fame, na máis cruel posguerra. En medio do negror circundante e da omnipotencia clerical, a constante presenza das pombas ofrece un hálito de esperanza e amizade. Corenta anos despois da súa creación esta obra segue a resultar atractiva.

manuel lueiro

    (...) O luns, cando entrei na escola, a vergoña de atoparme entre rapaces que non coñecía foi coma unha comezón que me estivese roendo os ósos.
    Pasei toda a mañá abouxado.
    Eles, ao estudar, berraban coma cans ouveando. Eu non sabía que facer e púxenme a ollar para todo. Había uns encerados meirandes que portas pendurando da parede, con raíñas brancas facendo cadriños e rodelas, e ao lado outras cousas como panos brillantes de moitas cores, azuis, vermellas, amarelas, brizas... Riba da mesa do mestre había unha bóla moi grande, moi grande! Case podo xurar que xamais ollara outra do mesmo tamaño. Entón, pregunteille, ao caladiño, a un rapaz:
 Non debían medrar   -Oes, ti: aquela bóla que está riba da mesa do mestre, que é...?
    O rapaz, tamén ao caladiño, despois de ollarme desconfiado, dixo:
    -É a Terra.
    Eu calei, e dixen para min: “Este rapaz débeche ser parvo.”
    O mestre sentárame nun banco longo que estaba á dereita da súa mesa.
    Cando os outros rapaces remataron de estudar, chamou por min. Eu púxenme de pé, e crucei os brazos, da mesma maneira que xa me dixera a tía Severina: “Cando o mestre te chame, cruzas os brazos así, e poste ergueito.”
    O mestre preguntoume:
    -Ti sabes ler?
    -Non, señor.
    -Non ías á escola? (...)
 


page | by Dr. Radut