Campaña #AquíTaménSeFalaGalego

   O IES Primeiro de Marzo atópase adherido á campaña #AquíTaménSeFala, na que participan centros educativos das catro provincias galegas. Esta campaña busca rachar coa imaxe distorsionada dunha suposta Galiza que non fala galego; e de que a nosa lingua non é empregada no mundo da empresa, nin nos barrios, nin nas vilas... E para contribuír coa eliminación destes prexuízos o alumnado exerce como técnico de normalización lingüística.

 O pasado 4 de marzo o alumnado de 4º da ESO e 1º FPB do noso IES, baixo a Coordinación do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, e coa colaboración de profesorado e alumnado do Ciclo Superior en Animación Sociocultural e Turística, estivo percorrendo a vila de Baiona promocionando a campaña entre o comercio local.