Skip to Content

SEGUNDA EDICIÓN: “EXPOFLORIANI”. MUDANDO O MUNDO

O mundo actual é unha realidade complexa en constante cambio que require de persoas que asuman un rol activo e responsable na construción do mesmo. Coñecer o funcionamento e os procesos da realidade que nos rodea, así como do plano persoal, é fundamental para poder desenvolver as competencias e ferramentas que nos permitan conformar unha vida plena.

No IES Pedro Floriani entendemos que a nosa actuación educativa debe basearse no desenvolvemento integral do alumnado que lle permita desenvolverse emocional e competencialmente ao tempo que coñece o mundo que o rodea.

Por esta cuestión o centro busca de xeito constante procesos de formación continua que, a través da renovación e innovación pedagóxicas así como das novas liñas educativas, sitúan ao alumnado no centro do proceso formativo.

Partindo desta idea e dunha concepción do instituto como un espazo democrático e de calidade aberto á comunidade redondelá nace “ExpoFloriani”. “ExpoFloriani” é un evento onde o alumnado do IES Pedro Floriani comparte coa sociedade da súa contorna os proxectos educativos de carácter grupal que realiza a través da ABP e da ApS ao longo do ano, e que este ano desenvolverá a súa segunda edición o vindeiro 20 de xuño (apertura de portas ás 10:30) e á que convida a todas as persoas que así o desexen.



page | by Dr. Radut