Skip to Content
 

Radio Monelos: programa musical sobre o grupo "Tanxugueiras"

Presentación dun novo programa de Radio Monelos esta vez sobre un grupo tradicional galego que está de moita actualidade: Tanxugueiras. A locución estivo a cargo das alumnas de 1º ESO C Catalina e Sabela; no control de son estivo Santiago tamén do mesmo grupo.


VISITA A SOTAVENTO

Visita ao parque eólico experimental de Sotavento en Xermade (Lugo). Alumnado de 3º e 4º de ESO. Organizado polo Departamento de Tecnoloxía. Tedes algunhas imaxes máis aquí

PROGRAMA TEI (TITORÍA ENTRE IGUAIS)

O IES Monelos participa este curso 2021-2022 no programa TEI. Trátase  dun  proxecto  educativo  innovador  para  mellorar  a  integración  escolar,  a convivencia  entre  o  alumnado  e  evitar  o  acoso  escolar.   O  programa  TEI  (“titorización  entre  iguais”),  é  un  programa  baseado  no acompañamento  de  alumnos  de  3º  de  ESO  a  alumnos  de  1º  de  ESO  (novos  no  centro). Cada  alumno  e  alumna  de  1º  de  ESO  será  titorizado  por  un  compañeiro  ou  compañeira de  3º  de  ESO,  que  estará  preto  del  coa  finalidade  de  axudalo  na  súa  integración  no centro,    diminuír  a  súa  inseguridade,  mediar  nos  conflitos,  actuar  como  referente  para  a mellora  da  autoestima  e  diminuír  os  desequilibrios  de  forzas  que  orixinan  o  acoso escolar.   Na  aplicación  do  TEI,  sensibilizarase  ao  alumnado  contra  o  acoso  escolar    e  a favor  dun  modelo  de  relación  entre  compañeiros  baseado  no  respecto  mutuo,  na corresponsabilidade  e  na  solidariedade.     

Preme na imaxe para ver as fotos da presentación

 

Radio Monelos: programa musical sobre o grupo galego "A banda da loba"

 Programa emitido por Radio Monelos sobre o grupo "A banda da loba". Como locutoras estiveron as alumnas de 1º ESO C Catalina e Sabela. No control de son Samuel Fernández (4º ESO C). Actividade realizada polo EDLG do IES Monelos.


 

2 de febreiro: día da Candeloria do IES Monelos

 A candeloria é unha palabra que ten a orixe no substantivo latino candela -ae, ‘luz alimentada con cera ou sebo’, termo co que se crea no latín tardío festa candelarum, ‘a festa das candeas’, que chega a nós acurtando a locución. Celébrase o día 2 de febreiro, época importante no ciclo astronómico, pois coincide coa metade do inverno, no intre xusto entre o solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, (pola candeloria, medio inverno vai fóra), no momento en que medran os días e a natureza comeza a preparar o estourido de vida que está a chegar. 

Sendo un intervalo relevante do ciclo estacional non é de estrañar que todas as culturas tivesen celebracións ao redor da data, sempre festexando a volta da luz e do desexo de fertilidade. Así, na mitoloxía celta, chamábanlle Imbolg, celebración na honra da deusa Brigit, protectora das colleitas, o gando e a fecundidade. A candeloria tamén podería estar relacionada coa festa romana das Lupercais, na que, alén de venerar o deus da fertilidade e a sexualidade masculina, Pan, facíase unha procesión onde os participantes zorregaban a xente cunhas tiras de coiro, co obxecto de “purificala”. O catolicismo procurou rematar coa festa –como fixo con moitas outras celebracións pagás–; para iso, o papa Xelasio transformouna na festividade relixiosa da “purificación” da Virxe María e mais a presentación de Xesús no templo; co paso do tempo, fíxose costume nas parroquias bendicir as candeas que se empregarían logo en caso de tronada ou nos velorios para alumear o defunto no camiño ao máis alá. 
 
A voda dos paxariños 
 
A partir da candeloria, ningunha ave voa soa di o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración ben especial, xa que casan os paxariños, ao que comeza o retorno das aves migratorias e os cortexos preludian o renacer primaveral. Da importancia que ten esta representación na imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión sentimental son apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros. Tal é así que algunhas persoas defenden que, para nós, o 2 de febreiro debe ser a data do amor romántico, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación! 
 
O mércores 2 febreiro o EDLG do IES Monelos pretende celebrar este día. Para iso pensamos en que podiades enviar unha mensaxe por escrito nunha carta de afecto a un d@s compañeir@s de clase ou do centro que teñades en estima, amistade... 
Na semana do 25 de xaneiro ao 1 de febreiro podedes entregar a carta (escrita en galego) a un membro do Equipo de Dinamización que se encargará de depositala na caixa de correo ao longo desta semana. No sobre poñeredes o nome e apelidos do destinatario e o curso. 
 
O mércores 2 de febreiro entregaráselle a carta ao destinatario.

RUTA A VENTUREIRA

Onte os nosos alumnos/ as de primeiro de ESO  fixeron a Senda da  Ventureira. O roteiro  transcorre polas Fragas do Eume entre os municipios de Monfero e A Capela. O roteiro oficial é un tramo lineal de 3,2 km. que vai desde a central eléctrica do Eume ata o mosteiro de San Xoán de Caaveiro, aínda que se fixo o roteiro circular, percorrendo un total de 7,2 km.

DÍA DAS BIBLIOTECAS

O pasado 24 de outubro a protagonista do noso centro foi a Biblioteca e, por suposto, o alumnado que participou nas actividades programadas para conmemorar este día.

Todo o alumnado do centro, secundaria e bacharelato, podía participar no concurso "marcapáxinas para Grandes Lectores".

O tema que se debía plasmar nos marcadores era "a importancia da lectura nas nosas vidas", tema ao que aludiría o debuxo que debía ilustrar unha das caras do marcador; a outra cara recollería un eslogan que tivese relación co mundo da lectura e das Bibliotecas.

Como seguro que moitos de vós sabedes, a participación foi elevada ao igual que a calidade dos traballos entregados.

Podedes ver os traballos dos gañadores e gañadoras deste concurso, que recibiron un merecido agasallo:


E aínda que a actividade anterior foi ben recibida, a experiencia de levar a Biblioteca á rúa tivo unha importante acollida entre o alumnado.

No inicio da mañá o tempo non acompañou e tivemos que conformarnos co vestíbulo do centro para realizar a actividade programada, pero axiña mellorou o día e saímos para fóra.

Esta actividade consistía en levar a biblioteca á rúa e para iso realizouse unha escolma de libros que se expuxeron na entrtada do centro. Asiña espertamos a curiosidade dos rapaces e rapazas porque sobre algún deses libros se formulaban unha serie de custións ás que debían responder correctamente. Desta volta o agasallo sería para quen respondese correctamente a todas as cuestións propostas.

Bolsas USA 2022-23

Programa no que se lle ofrece a oportunidade ao alumnado de 4.º da ESO, residente na cidade da Coruña, de cursar o Grao 11 en EE. UU. -equivalente a 1.º de Bacharelato.

Máis información

XADREZ NOS RECREOS

XADREZ NOS RECREOS

Todos os recreos no vestíbulo da entrada 3

Lede con atención as normas aquí

Animádevos!

UNITOUR SALÓN DE ORIENTACIÓN UNIVERSITARIA

Salón de Orientación Universitaria

Para asistir é necesario inscribirse na páxina web

https://www.unitour.es/eventos/coruna

(Poden asistir estudiantes e/ou familias)

Xoves, 16 de decembro de 2021 - Pazo de Congresos PALEXCO

De 09:15 a 14:15: só Institutos con cita e de 15:30 a 17:30: aberto ao público

   

Distribuir contido


by Dr. Radut