You are herecontent / Asistencia a unha Masterclass sobre Física de Partículas na USC

Asistencia a unha Masterclass sobre Física de Partículas na USC


 ...  ...........
 .........  .............

O pasado xoves 6 de abril, un grupo de alumnas e alumnos que cursamos física en 2º de Bach no IES de Melide acompañadas polo noso profesor, tivemos a oportunidade de asistir a unha masterclass de física de partículas coordinada pola Facultade de Física da USC. Nesta xornada organizada en Santiago, participou o alumnado de diversos centros de Galiza, e ao mesmo tempo, noutros puntos do mundo outros alumnos de outros países, realizaron actividades semellantes coa finalidade de poñer en común os coñecementos extraídos ao final da xornada. Un claro exemplo do que representa o CERN, "a colaboración internacional entre científicos".
  A xornada constou de tres actividades: 1º Coloquios. A actividade arrancou cuns coloquios na aula magna da Facultade de Física. Varios físicos expuxeron de forma simplificada e adaptada ao noso nivel as bases da física de partículas, dunha forma entretida e liviá. Nesta breve clase explicóusenos canto debíamos saber para comprender as posterior1es probas e permitiunos sentirnos parte da comunidade científica por uns intres. Igualmente, moitos dos conferenciantes traballaban en colaboración co CERN, o acelerador de partículas suízo, e foi moi interesante aprender un pouco acerca dun dos máis importantes avances científicos da nosa época. 2º Practicas. Despois de asistir aos coloquios, dirixímonos as aulas informáticas nas que nos asignaron un ordenador por parellas. Neles traballamos cun programa informático que permite cotexar datos extraídos do LHC (un dos sensores que hai no acelerador de partículas). Deste xeito tivemos que poñer en práctica os coñecementos que compartiran con nos nas horas previas e xogar a ser físicos de partículas por unhas horas. Os datos que analizamos por parellas estaban enfocados a ser compartidos co resto de alumnos dos diversos países que participaron na xornada, pero iso xa forma parte da actividade seguinte. 3º Conferencia para compartir os datos obtidos.
  Unha vez rematada a clase práctica, era hora de analizar os resultados obtidos por nós e comparalos cos obtidos nas outras universidades do mundo onde fixeron o mesmo traballo. Para iso, dous compañeiros voluntarios ían actuar como representantes de Santiago para expoñer os resultados do laboratorio. Fomos a unha sala de conferencias onde puidemos establecer contacto coas universidades dos outros países como Croacia, Finlandia ou Alemaña. Cada unha compartiu os seus resultados e analizamos o conxunto (obviamente, toda a comunicación produciuse en inglés). Despois duns momentos de charla entre uns e outros, os moderadores da teleconferencia no CERN propuxéronnos unha pequena proba no que tiñamos que aplicar todo o aprendido. Ao rematala, entregáronnos un diploma, e marchamos para casa cunha experiencia nova e cuns poucos coñecementos da física nuclear nos nosos petos.
 En definitiva, foi unha experiencia que sen dúbida nos aportou moito e que estariamos encantadas de repetir. Experiencias coma esta fan que lembres porque escolliches o camiño das ciencias.

 

 

AS NOSAS CREACIONS

Radio na Biblio

CALENDARIO

Distribuir

Distribuir contido