FacebookSíguenos en YouTube

⚠️Información de interese para a comunidade educativa⚠️

Estimadas familias e alumnado,

Dende o Centro Educativo estamos traballando intensamente para tentar organizar con éxito as tarefas das vindeiras semanas.

Para iso precisamos da empatía e da complicidade das familias á hora de coordinarnos para xestionar a información. Pola nosa parte tentaremos ter en todo momento a páxina web actualizada e as redes sociais activas para tentar mantelas/os informadas/os en todo momento das novas que nos vaian chegando.

Ao mesmo tempo, calquera cuestión que lles poda xurdir non dubiden en chamar ao Centro en horario lectivo, que serán atendidos por algún membro do equipo directivo ou se o prefiren mandar un correo ao seguinte enderezo: ies.maximino.romero.delema@edu.xunta.es

Mañán venres día 13 de marzo o transporte escolar realizará a súa ruta como de costume, e o alumnado que decida vir ao Centro será atendido polo profesorado con total normalidade. Non se avanzará materia nen se realizarán exames.

A partir do vindeiro luns 16 de marzo seguiremos as instrucións publicadas pola Consellería

(https://www.edu.xunta.gal/portal/medidas-coronavirus)

Así pois, seguindo as citadas medidas:

O profesorado programará nas páxinas web dos centros ou por outros medios telemáticos, accesibles ao seu alumnado, actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e fará o seu seguimento, pero non terán carácter de avaliables.

Para o alumnado de 2º de Bacharelato o profesorado adoptará todas as medidas específicas necesarias (telemáticas) para garantir de forma non presencial a continuidade das actividades lectivas dos contidos curriculares.

Suspéndense as prácticas de Formación Profesional (módulo FCT) que se realicen en empresas, incluídas as asociadas a Erasmus +

Reprogramarase individualmente para cada alumno ou empresa a actividade formativa nos centros de traballo para as ensinanzas impartidas na modalidade de FPDual.

Somos conscientes que son medidas extraordinarias e que poden ir mudando ao longo dos días.

De calquera xeito, o que non podemos obviar é que non todo o mundo ten acceso a internet nas súas casas ou dispón de equipos informáticos. De ser así, tentaremos ofrecerlles unha solución o máis axeitada posíbel para poder realizar o seguimento da programación proposta polo profesorado. Póñanse en contacto co equipo directivo e facilitaremos o que sexa preciso para axudarlles.

Agradecemos tamén inmensamente a colaboración da ANPA e estamos á súa enteira disposición para seguir informando do xeito máis preciso ás familias.

Aproveitamos para agradecerlles de antemán a súa colaboración e enviarlles moita forza para superar xuntas e xuntos esta extraordinaria situación que, de seguro, xestionaremos entre todas e todos do mellor xeito posíbel.

Un saúdo,

Equipo Directivo