FacebookSíguenos en YouTube

Blogues

ROTEIRO XEOLÓXICO POLOS PENEDOS DE PASARELA E TRABA

O pasado mércores o alumnado de 3º ESO, 1ºBACH B e o de Bioloxía de 4ºESO, realizou da man de Juan Ramón Vidal Romaní, xeólogo e profesor emérito da Universidade da Coruña, unha ruta guiada polos Penedos de Pasarela e Traba . 

A primeira parada foi a Ferida, canteira contra a que se loitou e que deixou esa cicatriz. Alí Romaní falounos sobre a orixe xeolóxica dos Penedos: como e cando se definiron esas formas. Logo continuamos o percorrido observando unha gran variedade de rocas con formas zoomórficas e antropomórficas: o cantor, a aguia, a balea, a pedra de abalar...

Baixo as explicacións do recoñecido xeólogo todos e todas puidemos gozar da singularidade desta contorna única da Europa Continental; unha paisaxe que foi descrita como un zoolóxico de pedrea do Paleozoico.

O IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA GAÑA II CONCURSO DE CURTAMETRAXES DE NIGRÁN NA MODALIDADE DE CENTROS.

O IES Maximino Romero de Lema vén de gañar o premio á mellor curta pola obra “Educando na diversidade” no II Concurso de curtametraxes de Nigrán organizado pola Sociedade Galega de Sexoloxía e o Concello de Nigrán.

Este certame adícase na edición deste ano á “Educación sexual, materia pendente” e entrégase o premio coincidindo coa V Semana da diversidade sexual de Nigrán.

O obra galardoada ten como protagonistas ás alumnas de ciclo medio Nerea Torrado Lema e de bacharelato Marina García Camafreita e amosa, desde a perspectiva de persoeiros históricos como as galegas Marcela e Elisa, Alan Turing e Federico García Lorca, as dificultades que tiveron pola súa condición sexual que truncaron as súas vidas pero tamén avances relevantes na sociedade. Neste traballo utilízase a intelixencia artificial para dar voz ós persoeiros, poñendo en valor a tecnoloxía xa utilizada noutros traballos.

A peza foi premiada polo seu valor educativo e pola posta en valor da tecnoloxía como ferramenta para transmitir valores e fomentar o respecto na diversidade sexual.

O traballo foi coordinado polos docentes Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, que acudiron ó acto de entrega do premio na localidade de Nigrán.

Os dous profesores destacan que, máis alá do valor económico do premio para o Instituto, recoñécese unha forma de transmitir valores a través da IA que como ferramenta educativa ben usada pode ter un impacto moi positivo na sociedade.

Dende o IES Maximino Romero de Lema agradecen a oportunidade de poder visualizar traballos realizados polo alumnado na aula e tamén amosar a gran labor educativa que xurde dende o rural.

Baio-Zas, 31 de maio de 2024

https://drive.google.com/file/d/1j3G8-RioTfJfWtCTsIiycDO_6RKJ7fRG/view?usp=sharing

GRADUACIÓN 2º BACHARELATO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA – PROMOCIÓN 2023-2024

O 17 de maio, no IES Maximino Romero de Lema, celebramos a festa de graduación de 42 alumnos/as de 2º de Bacharelato. Hadrián Otero e Marina García foron os encargadas de conducir o acto, e Jimena Moreno, Xabi Parga, Martina Blanco e Carla Penedo interviron cuns emotivos discursos cargados de anécdotas e vivenzas.

Unha celebración moi emotiva, festiva e alegre; na que houbo actuacións musicais por parte de María Calvo, Pablo Barreiro, Martín Vázquez e Jimena Moreno; entrega de agasallos; risas; bágoas.....e que rematamos cuns pinchos de confraternidade para pechar esta data tan sinalada para toda a Comunidade Educativa. 

Parabéns ao alumnado, ás súas familias, e ao profesorado!

https://www.youtube.com/watch?v=QiVumnWvi54

INICIACIÓN Á FOTOGRAFÍA DE NATUREZA

Gozar do espazo natural e saber observar é esencial para saber que podemos fotografar e de que maneira. Con este obxectivo dende a Biblioteca organizamos o taller de Iniciación á fotografía de natureza impartido polo cormelán Andrés García, mais coñecido por Drew Korme e gañador do certame internacional Milky Way Contest da web 35 Awards grazas a unha imaxe da Vía Láctea sobre o faro Roncudo e enriba da máxica Mar de Ardora.

No percorrido que hai entre o Centro e a Carballeira de Baio, o alumnado de 2ºESO puido potenciar o uso do teléfono móbil para realizar fotos de excelente calidade. Andrés explicou a técnica do macro, a do enfoque próximo, a regra dos 3 terzos e sinalou outras pautas do retrato paisaxístico. Despois da descrición de cada técnica, os rapaces e as rapazas contaban cun breve tempo para poñela en práctica e preguntar dúbidas. Tamén lles comentou que non deberían usar o modo automático do móbil, que deberían traballar en manual, aprendendo a usar a intensidade, a iluminación... 

Foi unha actividade de nivel moi básico, que tiña como obxectivo dar a coñecer o mundo da fotografía da natureza e achegar unha base para empezar a descubrilo.  Cremos que se cumpriu e que poderán levar á práctica o aprendido, e así sacar partido artístico aos paseos polo campo.

ALANA FOLK PECHA A SEMANA CULTURAL

O grupo Alana, conformado por Eloy Vidal, de Corme; Pablo Castro, de Vimianzo, e Antía Vázquez, de Oleiros, puxo o broche final á celebración da XVIII Semana Cultural no noso Centro.  

Como as condicións climatolóxicas foron adversas non se puido celebrar o concerto na carballeira. Pero se perdemos en beleza e en espazo non foi así en diversión. Este grupo novel, gañador do premio Xuventude Crea 2023 na categoría de música, interpretou -coa colaboración de Xabier Gómez- cancións do seu primeiro disco “O xeito á cántigha”, recentemente publicado e composto por un repertorio de cancións tradicionais acompañadas de ritmos de base electrónica e pop. O estilo de Alana vén moi marcado pola importante presenza no directo das percusións tradicionais, así como de melodías que invitan en todo momento ao baile. De feito o público, que comezou sentado, axiña se animou e se puxo a bailar e troulear ata o remate do espectáculo musical.

Moitas grazas a Alana pola excelente actuación que serviu de colofón a unha semana chea de variadas actividades que conformaron unha interesantísima paréntese na rutina académica e que nos servirá para afrontar con enerxía o final de curso. Dámoslle o noso apoio e desexámoslle moita sorte na súa prometedora carreira musical

Agradecémoslle ao Concello de Zas a súa colaboración sempre que llo solicitamos e, en especial, pola realización deste concerto.

Viaxe a Barcelona

Hai momentos importantes que nunca se esquecen. Un deles é o viaxe de fin de curso en 4º da ESO. Ese momento no que cerras unha etapa e falo rodeado dos teus amigxs. Neste caso tocou percorrer Barcelona. E vaia que se a percorremos... Visitas a Sagrada Familia, Montjuic, Aquarium, Barrio Gótico, Port Aventura, Tibidabo... Unha viaxe pasada por auga, unha viaxe marcada por unha folga no aeroporto, unha viaxe surrealista... Pero o surrealismo, así como os soños, ben merecen ser disfrutados con moita positividade, algo cansos pero cheos de ledicia. Formamos un gran equipo aínda que esperemos que a próxima vez que voltemos non levemos toda a auga de Galiza á cidade Condal. 

Sodes xeniais rapaces!!!

DOBRANDO LIBROS

Para manter viva, útil e actualizada unha biblioteca é necesario o expurgo daqueles libros que xa non son útiles por distintos motivos, e así o facemos na nosa. Que facemos con eses libros? Pois nesta ocasión o Equipo da Biblioteca invitou a Mª Elena Caamaño para que impartise o obradoiro Dobrando libros e iniciase o alumnado de 1º BACH na arte de  transformar eses libros vellos en fermosas esculturas.

O dobrado de libros é unha técnica que estimula a creatividade creando figuras decorativas con páxinas de libro. Medir, marcar, curtar e dobrar son as accións que resumen o procedemento. A especialista trouxo varias das súas creacións para que puidésemos apreciar as marabillas se poden facer con paciencia e pericia.

Dado que os/as asistentes eran principiantes e o tempo era pouco -dúas sesións-, Mª Elena trouxo preparados os patróns das letras -que conformaban o nome da protagonista das Letras Galegas, Luísa Villalta, e o de IES de Baio- coas medidas marcadas para que lles dese tempo de elaborar unha. Mesa por mesa indicoulles como realizar os seus deseños: páxinas totais do libro, páxinas que debía ocupar o deseño, páxinas extras a dividir entre dous...

Grazas as súas claras explicacións o alumnado e profesorado asistente logrou realizar a letra que lle tocou nunha divertida sesión e dándolle unha nova vida os libros dos que nos desfaciamos.

FOTOMONTAXE: FRAGMENTOS E MOSAICOS

Rosa Neutro, destacada artista visual e fotógrafa, achegouse ao noso centro para impartir o obradoiro Fragmentos e mosaicos. Unha aproximación ao concepto de identidade a través do collage e o fotomontaxe ao alumnado de 1ºBACH.

Na primeira parte do taller,  teórica, visionaron o traballo de mulleres artistas incluído o seu. Con respecto a este último, ensinou algunhas das súas fotomontaxes a partir de fragmentos e en branco e negro dos que foron xurdindo as Divas do cine negro; personaxes femininas sen rostro, despoxadas de individualidade, da beleza e liberadas da súa condición de obxectos de desexo, para presentarse como figuras fantasmagóricas que non proxectan a súa mirada sobre o espectador, senón sobre si mesmas, amosándonos aquilo que oculta a beleza.

Tamén falou da mostra realizada con cascallos e recollida en Pequena enciclopedia de fotografía (fragmentada)na que reflexiona sobre a infrarrepresentación das mulleres da arte e a necesidade de que formen parte activa, como autoras, da historia da fotografía. Agradecémoslle o exemplar do libro deste traballo que deixou na biblioteca.

Na segunda parte do obradoiro foi o alumnado quen reconstruíu retratos de mulleres, proporcionados por Rosa ou recollidos en revistas e xornais, con pequenos obxectos que trouxeron da casa, material reciclado, fío, cartolinas... converténdose eles e elas en artistas abraiados polo súas propias creacións. 

O Equipo da Biblioteca agradece a Rosa Neutro que aceptara realizar este obradoiro nos que impregnou aos/ás estudantes de arte galega feminina centrada na fotografía. 

Distribuir contido