FacebookSíguenos en YouTube

Blogues

RAMÓN FRANCISCO ROMERO DE LEMA E O SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS

A semana pasada Xosé María Rei Lema  deu unha conferencia sobre a vida e obra de Ramón Francisco Romero de Lema ao alumnado de 1º Bacharelato. Este veciño insigne da nosa vila de Baio foi irmán do bispo Maximino Romero de Lema. a quen debemos o honor do nome do noso Centro

Na primeira parte da charla, a partir de fotografías da época e de escritos a man do propio Ramón Francisco, o relator foi explicando a súa traxectoria vital: pais, irmáns, infancia na vila natal arredor da fábrica do pai en Pedra Vixía, estudos de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, cofundador do SEG, regreso e illamento en Baio.

Na segunda parte centrouse na relación de Ramón Francisco Romero co Seminario de Estudos Galegos do que foi cofundador, xunto a outros intelectuais galeguistas. El foi quen deu a teoría máis realista da orixe desta institución creada para estudar e divulgar o patrimonio cultural galego e formar investigadores. Co tempo desvincularíase totalmente dela así como dos amigos que nela deixaba. Descoñécense os motivos. De novo establecido en Baio dedicaríase a publicar con distintos pseudónimos na prensa da época, e destacaría sobre todo por recompilar numeroso léxico da zona que doutro xeito se tería perdido.

Agradecemos ao relator esta lección de parte da historia da nosa vila.

1º PREMIO CONCURSO CURTAMETRAXES DOACIÓN E TRANSPLANTE DE ÓRGANOS

O alumnado de FP Básica Mar, Sheila, Omar, Fabián e Leo e os profesores Óscar e Fina recibiron hoxe en Santiago o 1º Premio no IX Concurso de curtametraxes relacionadas coa doazón e transplantes de órganos organizado pola Consellería de Sanidade.

É unha iniciativa para fomentar e concienciar da importancia da doazón e transplantes de órganos e texidos.

O premio consistiu nunha tarxeta regalo de 1000€ para o Centro Educativo para a compra de material escolar, unha tablet para o profesorado e unha tarxeta regalo de 200€ para cada alumno participante.

Moitos parabéns ao alumnado e ao profesorado por este marabilloso traballo!

Neste enlace podedes ver o vídeo gañador

TECNÓLOGO POR UN DÍA

Dous alumnos do ciclo medio de Sistemas Microinformáticos e Redes, Marcos Castro e Borja Carril, do IES Maximino Romero de Lema de Baio-Zas, participaron na actividade “Tecnólogo por un día”, organizada pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Os estudantes experimentaron en primeira persoa como é un día de traballo no marco das profesións dixitais da man de grandes organizacións galegas.

Os participantes compartiron unha xornada laboral participando nas distintas actividades que o profesional voluntario tiña na axenda (reunións, visitas a clientes tecnolóxicos, comida de traballo, etc.) axudándolles a coñecer as dinámicas deste tipo de profesións e resolver as súas dúbidas vocacionais.

Dende o IES queremos agradecer a ALTIA e DOS ESPACIOS a súa colaboración xa que o alumnado quedou encantado coa visita, co que seguiremos participando neste tipo de actividades motivadoras e enriquecedoras para o proceso educativo do noso alumnado, con moito máis sentido ao seren os dous estudantes da formación profesional, sempre vinculada ao tecido produtivo e empresarial da oferta educativa da que dispoñemos.

“A MATTER OF PERSPECTIVE” - “UNHA CUESTIÓN DE PERSPECTIVA”

 

O alumnado do segundo curso de FP Básica foi o protagonista deste proxecto que fixeron xunto co Departamento de Inglés sobre como a perspectiva afecta á percepción que temos do noso entorno. 

 

Cada alumno elixiu unha pose e coa axuda das indicacións dos demais compañeiros conseguiuse a captura perfecta. Por último fíxose unha fotografía grupal na que participaron todos os rapaces. Foi un proxecto divertido e dinámico para o alumnado que esperamos repetir moi pronto.

 

DESPEDINDO A SEMANA CULTURAL CON MÚSICA, BAILE E TROULA

No patio do centro, a carón dos Power Letters, nunha bonita mañá soleada e algo venteada e coa música e animación do trío Abril.  Así foi como despedimos a Semana Cultural, e a gana de pasalo ben púxose de manifesto xa na segunda canción, coa que comezamos a bailar e troulear e non paramos ata rematar o concerto.

 

Foi un bonito e divertido peche ás actividades da Semana Cultural, no que tivemos a oportunidade de gozar da música nun espazo incomparable e no que Abril, coas súas melodías tradicionais arranxadas con sonoridades máis actualizadas, fixo espertar a gana de pasalo ben conseguindo que un cada vez máis numeroso grupo de alumnos e alumnas, xunto con algún profesor, se animara a bailar sen descanso ata o final.

 

Desta maneira, este trío vigués, formado por Claudia Abril á voz e pandeireta, Marina Carpente ao violín e Antón Lago á guitarra, demostrou por que cunha traxectoria que aínda non fixo máis que comezar xa ten unha candidatura aos premios Mestre Mateo 2023.  Pola nosa parte, manifestámoslles todo o noso apoio e desexámoslle moita sorte.

 

E con isto rematou a nosa Semana Cultural.  Nela aprendemos, experimentamos, practicamos novos deportes, gozamos da poesía, do teatro, da música …  Un gran número de variadas actividades que conformaron unha interesantísima paréntese na rutina académica e que nos servirá para afrontar con enerxía o final do curso.

 

Ata a próxima!!

ELAS XOGAN PARA GAÑAR AO MACHISMO

Como non podía ser doutro xeito tamén tivemos teatro na Semana Cultural. O grupo ELAS do IES Maximino Romero de Lema, baixo a dirección de Ricardo Vigueret, representou O partido, adaptación da obra de Marta Buchaca.

 

O elenco, conformado por Andrea Pastoriza Lema, Marina García Camafreita, Jimena Moreno López, María Calvo Rojo, Alicia Martínez Vidal, Helena Vázquez Espasandín e Ainara Pose Pazos, interpreta de xeito magnífico a sete mulleres que reivindican a igualdade nun ámbito no que aínda se respira moito machismo: no fútbol.

 

A peza desenvólvese no vestiario dun equipo de fútbol feminino no día da final para entrar no campionato de España, e nela amósanse as diversas situacións que viven as mulleres a través das que quedan plasmados estereotipos que aínda imperan nunha sociedade moi machista en moitos ámbitos.

 

Moitos parabéns a ELAS, ao director e tamén a Hadrián Otero Nieto, encargado do son e das luces. Moitas grazas por facernos gozar co TEATRO.

A MAXIA DA CIENCIA

O club de Ciencia Baiociencia organizou unha actividade máis para o derradeiro día da Semana Cultural: dende Arenaria viñeron impartir o obradoiro A Maxia da Ciencia no que a través de experimentos, xogos e probas de enxeño o alumnado participante (1º e 2º ESO) descubriu por que ocorren determinados fenómenos da súa contorna. Podo poñer lume na miña man sen queimarme? Podo sacar unha lata de refresco dunha taza sen tocala? Por que soben os globos aerostáticos ou voan os avións? Son algunhas das cuestións ás que se deu resposta durante o taller de divulgación científica.

ESCOLAS SEN ARMARIOS

No noso Centro desenvolvemos un proxecto educativo inclusivo coa diversidade afectivo-sexual e de xénero, e dentro das actuacións que desenvolvemos, enmárcase a visita de Cristina Palacios, presidenta de Arelas, unha asociación de familias de nenxs e adolescentes trans.

 

A traballadora social e docente desenvolveu ante o alumnado de 1º FPB e de 3º ESO o obradoiro Escolas se armarios. TRANSformando a educación, durante o cal compartiu reflexións sobre como se sente as persoas trans e homosexuais, deixando claro en todo momento que son opcións tan válidas como a heterosexual. 

 

A partir da experiencia da súa filla trans foi compartindo as dificultades deste colectivo no seu día a día: a discriminación que sofren, o acoso ao que se ven sometidxs (discriminación, insultos, agresións físicas e sexuais), o estrés e do medo que sofren ante a idea de saír do armario, e que nalgúns casos leva ao suicidio; falou da disforia de xénero ou angustia polo seu corpo e xenital asociada co rexeitamento social aos “corpos non normativos” Tamén fixo alusión a falta de apoio ou de acompañamento familiar en moitos casos e, aos prexuízos institucionais con leis e políticas que crean desigualdades e/ou non lles brindan protección contra as violencias LGTBIfóbicas. 

 

Agradecémoslle a Cristina o enorme esforzo que realiza por dar visibilidades aos  nenxs e adolescentes trans e homosexuais, que están transformando o mundo educativo e, polo tanto, é necesario falar deles, escoitalos e aforrarlles un sufrimento innecesario. A actividade foi valorada moi  positivamente e necesaria polo alumnado xa que recoñecen que teñen moi pouca información sobre o tema. 

Distribuir contido