Saltar navegación.
Inicio

Actividades

Prevención de adiccións con substancia

O alumnado de 2º da ESO estivo a falar con Begoña sobre o tabaco, alcohol e outras drogas, nunha xornada dedicada á prevención de adiccións con substancia. Nas sesións, analizaron os mecanismos que xeran dependencia así como os motivos polos que o consumo de drogas resulta prexudicial para a saúde. 

No caso de substancias como o alcohol ou o tabaco, o seu consumo está moi vinculado ao ocio e mesmo normalizado na nosa sociedade, ao tratarse de drogas legais e permitidas a partir da maioría de idade, o que facilita o acceso ás mesmas. Por isto, se cabe, é máis relevante tomar conciencia e dispor de información que permita aprender a dicir non. 

Autorresponsabilidade e saúde

Que é a autorresponsabilidade? Que consecuencias teñen as nosas decisións? Estas cuestións, entre outras, foron analizadas nunha sesión dedicada á "autorresponsabilidade e saúde" co alumnado de 1º do ciclo básico de Servizos Administrativos e 4º da ESO, onde puideron reflexionar sobre a importancia das súas eleccións, por exemplo,  fronte ao consumo de substancias perxudiciais para a saúde ou fronte á sexualidade.

Na xornada sensibilizouse ao alumnado sobre a relevancia de aprender a dicir non e ser capaces de afrontar de forma adecuada a presión do grupo, tomando conciencia da importancia das decisións propias e da responsabilidade de cadaquén nos seus actos e consecuencias.  

 

 

Practicando a mediación

O alumnado de 1º ESO leva algún tempo traballando sobre a mediación e a resolución pacífica de conflitos. Á vez que aprenden valores como o respecto, bo trato, empatía...., adquiren habilidades sociais útiles ao longo da vida e para o afrontamento dos conflitos de forma asertiva. Nos últimos días estiveron a poñer en práctica a mediación mediante simulacións.

Charla da universidade - A ponte entre o ensino medio e a USC

Un ano máis participamos no programa A ponte entre o ensino medio e a USC.

Nesta ocasión visitounos un profesor da facultade de Física que lles presentaou ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato a universidade de Santiago de Compostela.

O alumnado puido coñecer de primeira man como se organiza a universidade, graos que se imparten, programas de becas e mobilidade, posibilidades de aloxamento e residencias ou outras cuestións relativas á vida universitaria. 

 

 

 

 

Prevención de drogas e alcohol

Rematamos coas charlas do Plan Director, impartidas pola Garda Civil no noso centro no segundo trimestre. Desta volta, pechamos coas charlas de prevención no consumo de drogas e alcohol impartidas ao alumnado de 3º ESO, 4º ESO e Formación Profesional Básica. 

Na adolescencia prodúcense cambios importantes no alumnado, propios da etapa vital que atravesan: egocentrismo, invulneravilidade, o sentido crítico, a identificación cos iguais e a importancia da pertenza ao grupo...Nestas circunstancias, entre outras cousas, o alumnado precisa de información veraz e modelos de identificación positivos que incentiven a responsabilidade cara o o ocio saudable, evitando que asuman riscos ou condutas perxudiciais. En definitiva, trátase de promover unha correcta toma de decisións a través do coñecemento do risco do consumo de certas substancias nocivas para a saúde. 

 

Riscos de internet

O mércores 8 de febreiro recibimos a visita da Garda Civil, que nesta ocasión e no marco do Plan Director, falaron co alumnado de 1º ESO, 2º ESO e Formación Profesional Básica sobre os riscos de internet (ciberacoso, sexting, grooming, importancia da privacidade na rede....).

Se ben as novas tecnoloxías e redes sociais teñen aspectos positivos, tamén é certo que é conveniente coñecer os seus riscos para poder evitalos e movernos de forma segura no entorno virtual. 

 

 

 

 

 

 

Condutas infractoras e lei do menor

Nesta semana levouse a cabo un obradoiro de prevención de condutas infractoras e lei do menor co alumnado de 2º da ESO e Formación Profesional Básica.

O taller, impartido por Ktorce-18, achega ao alumnado o coñecemento das consecuencias dos seus actos, que en moitas ocasións poden ser constitutivos de delito, aínda sendo menores de idade. 

 

 

 

 

 

 

Charla sobre o acoso escolar (2º ESO)

Esta semana, a Garda Civil volveu visitar o noso centro, nesta ocasión para volver falar sobre o acoso escolar co alumnado de 2º da ESO, continuando así coas charlas do Plan Director para a mellora da convivencia nos centros educativos.

 

 

 

Día da Paz - 30 xaneiro de 2023

No centro leváronse a cabo distintas actividades con motivo da conmemoración do Día da Paz. Dende a comisión de convivencia propúxose celebrar a data aprendendo sobre o Nobel da Paz, ao tempo que cada aula escolleu o seu propio compañeiro/a merecedor/a do premio no seu grupo, por ser exemplo de convivencia. 

Unha antiga alumna orienta ao alumnado

O xoves 19 de xaneiro recibimos a visita de Iria, antiga alumna do centro, que tivo unha charla co alumnado de 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato, para contarlles a súa experiencia e intercambiar opinións. 

Iria, que realiza o grao de Dereito, rematou estudos no noso centro hai dous cursos. Agora, volveu ao instituto pero para charlar co alumnado sobre a súa experiencia unha vez rematados os estudos secundarios. Faloulles sobre a importancia de ser constantes no estudo e do hábito de traballo na ensinanza superior, os cambios e diferencias entre os estudos secundarios e universitarios, como é a vida académica na universidade, a relevancia de cultivar a vida social e tecer redes que sirvan de apoio nos estudos superiores, os programas para estudar no estranxeiro, a vida lonxe da casa....preguntando o alumnado as súas dúbidas e inquedanzas, que foron resoltas pola antiga alumna. 

Sobre todo, a compañeira incidiu en como un vai medrando e se ten que facer independente, asumindo as súas propias responsabilidades. Pero tamén insistiu na importancia de loitar por aquelo que un quere, animando ao alumnado fronte ás adversidades que vaian atopando a medida que van madurando. Sen dúbida foi unha visita que gustou moito ao alumnado, ao ter referencias de primeira man dunha igual que hai pouco pasou polo mesmo que eles/as están a vivir agora. 

Grazas pola visita Iria! Desexámoche moita sorte! 

Distribuir contido