Saltar navegación.
Inicio

Actividades

Plan proxecta. Quérote Máis: "Sexualidade e pornografía"

O noso centro leva tempo comprometido coa educación afectivo-sexual, coñecedores da importancia da mesma non só no que ten que ver coa prevención de ETS e embarazos non desexados, senón tamén no que á cuestión emocional e relacional entre as persoas se refire, como aspecto básico en canto á promoción das relacións baseadas na igualdade, respecto e tolerancia. 

Sen embargo, no momento actual hai unha gran preocupación social polo auxe de condutas violentas nas relacións afectivas, incluso a idades moi temperás, que moito teñen que ver co (mal) uso de internet e o fácil acceso á pornografía, o que promove unha visión distorsionada da realidade e das relacións afectivas nos menores de idade. 

Con un panorama ao respecto preocupante e a alarma social activada, o alumnado da materia de Psicoloxía de 2º de Bacharelato, da man da súa profesora Zeltia Laya, decidiron intervir. Levaron a cabo unha investigación sobre a cuestión, indagando sobre a pornografía e a súa influencia no desenvolvemento afectivo-sexual dos menores e adolescentes. Presentaron as súas conclusións en todos os cursos do instituto, concienciando a alumnado e profesorado dunha problemática sobre a que é preciso reflexionar e dende logo tomar medidas. Promover un uso adecuado de internet, redes sociais e videoxogos, supervisar e regular o acceso a determinados contidos son premisas urxentes para restablecer o compoñente emocional adecuado nas relacións afectivas, nas que non debe caber espazo para a violencia nin abusos de ningún tipo. 

A actividade enmárcase dentro do programa Quérote Máis, podendo ver máis fotos das sesións nesta ligazón. 

Voluntariado - Cruz Roja

Dende a sede de Cruz Roja en Lalín, visitáronnos dúas voluntarias que deron a coñecer o traballo de voluntariado ao alumando do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia.

Foi unha sesión moi interesante na que puidemos coñecer os ámbitos aos que se dirixen estas accións solidarias (maiores, infancia, inmigración, medio ambiente...) e o que se fai en cada un deles. 

Ser persoa voluntaria en Cruz Vermella é moi sinxelo: podes cubrir unha solicitude online, chamar por teléfono ou achegarte ata unha oficina física, onde te informarán ao respecto. O máis importante é ter ganas! 

 

 

Relaxación

Xa o di a cita latina "Mens sana in corpore sano".

Sabedores de que tan importante é coidar do corpo como a mente, este curso dedicamos un espazo á relaxación nas clases de Educación Física en 1º de Bacharelato, co obxectivo non só de pasar un agradable momento, senón tamén de adquirir coñecementos e habilidades para poñer en práctica no noso día a día con impacto positivo na nosa saúde física e mental. 

Agardamos estas clases foran moi produtivas, especialmente nunha etapa educativa tan esixente! De seguro o alumnado lle quitará partido! 

 

 

 

Marcapáxinas solidario

Este curso participamos na 16ª Edición do Día do Libro Solidario, que organiza a entidade Save the Children. 

Alumnado voluntario do centro está a deseñar marcapáxinas solidarios. As doazóns recadadas serán ingresadas a favor de Save the Children, que as destinará á loita contra a desnutrición infantil. 

Atopámonos na fase artística, esperando poder pasar pronto á seguinte fase e aportar o noso gran de area!

 

 

 

 

Protección da natureza

Recibimos de novo a visita da Garda Civil, que desta volta deu a coñecer ao alumnado de 3º ESO, 4º ESO e 1º FPB a labor que realiza o Seprona (Servizo de Protección da Natureza), concienciando da importancia de ser respetuosos co medio ambiente e empregar os recursos naturais de forma responsable. 

 

 

 

 

 

 

Ex-alumnado orienta!

Nesta semana, o alumnado de Bacharelato recibíu a visita de Nuria, unha antiga alumna do centro que actualmente estuda na Universidade.

Nuria segue moi vinculada a Vila de Cruces e tamén ao noso instituto, participando de vez en cando en distintos proxectos. Nesta ocasión, visitounos para transmitir ao alumnado de 1º e 2º de BAC a súa experiencia dende que rematou os estudos secundarios. 

A antiga alumna, que actualmente realiza o 3º curso de grao, recorda como a pandemia a sorprendeu a ela e ao seu grupo de clase cando cursaban 1º de Bacharelato, co que todo eso implicou nese ano e ao seguinte, á vista da tan "temida ABAU". Foron momentos duros e de incertidumbre pero superados con éxito.

Nuria transmitiu ao alumnado a importancia de ser constantes e afrontar as adversidades de forma positiva e resiliente, facendo consciente á rapazada de que pronto pecharán unha etapa das súas vidas pero comezará outra chea de oportunidades e novas experiencias, que lles axudarán a medrar como persoas. 

Case podemos dicir que fluir, pero con sentidiño, sería o recomendable!

 

 

 

Chicas nuevas 24 horas

O noso centro alberga ata o día 30 de abril a exposición "Chivas nuevas 24 horas", que denuncia a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. No marco desta exposición, o alumnado de 4º ESO, Formación Profesional Básica, ciclos medios de Soldadura e cadeiraría e Atención a persoas en situación de dependencia, así como alumnado do proxecto de Igualdade de xénero de 3º ESO, tiveron a oportunidade de acudir a unha actividade didáctica arredor da mesma. Presentada a exposición fotográfica por unha experta na materia, puideron visualizar o documental do mesmo nome dirixido pola actriz, documentalista e directora Mabel Lozano, así como participar nun taller sobre o visto e traballado anteriormente. 

Trátase dunha actividade educativa e de concienciación social, da que se fixo eco a sección comarcal do Faro de Vigo, dada a súa relevancia e interese pública. 

Aquí pódense ver fotos da xornada didáctica, agradecendo ao Concello de Vila de Cruces que a fixera posible. 

Obradoiro de sexualidade

Un curso máis, o alumnado de 3º ESO e 1º FPB participaron no obradoiro de sexualidade impartido por persoal especializado do centro Quérote Máis. Deste xeito, completamos o traballo que se está a levar a cabo ao longo do curso no Plan Proxecta Q+. 

Prevención de delitos sexuais

No marco do Plan director, unha axente da Garda Civil informa ao alumnado de 2º ESO e FPB sobre a prevención de delitos sexuais, aparellados en multitude de ocasións ao uso inadecuado de internet e redes sociais.

Sexting, grooming, sextorsión....son cuestións que se abordaron na sesión, concluíndo a importancia de facer un uso responsable e reflexivo das redes, que garantan a seguridade e integridade persoal. 

 

 

 

 

Adiccións sen substancia

Unha axente da Garda Civil explicou ao alumnado de 4º ESO a problemática das adiccións sen substancia. E é que ademais das coñecidas adiccións ao alcohol ou as drogas, existen outras nas que non interveñen substancias químicas, como a adicción ao traballo, ao teléfono móbil, a internet, ao xogo, ludopatías....

O uso extensivo de teléfonos móbiles e o fácil acceso a internet incrementa o risco de padecer algún tipo de adicción sen substancia. Así, tal como o alumnado puido comprobar nos estadísticos amosados pola axente, no caso dos adolescentes estanse a incrementar as adiccións ao xogo online e videoxogos. Asemade, o uso inadecuado de internet pode levar asociados outros riscos como a comisión inconsciente de delitos ou a posibilidade de ser vítima de grooming, incrementándose o risco especialmente no caso de padecer algunha adicción. 

Polo tanto, cómpre facer un uso adecuado e razonable, administrando ben os tempos de uso, así como pedir axuda sempre que sexa necesario, tal como incidiu a ponente. 

Distribuir contido