Saltar navegación.
Inicio

Actividades

Iniciación segura á pegada dixital 2023/24

Este curso participamos de novo no programa "Iniciación segura á pegada dixital". Estivo dirixido a alumnado de 2º e 3º da ESO, que tomou conciencia da importancia de manter unha identidade dixital adecuada, pois todo o que facemos en internet deixa pegada e non está exento de riscos. 

Xornada de orientación e convivencia en Lalín

No día de hoxe, o alumnado de 1º Bacharelato desfrutou dunha xornada de orientación e convivencia na localidade de Lalín.

Acompañados da súa titora e a orientadora do centro, asistiron á Primeira Feira de Orientación Universitaria e Formación Profesional organizada neste municipio.

Ademais, aproveitaron a visita á capital dezá para coñecer o museo Castro Deza, dedicado á divulgación da cultura castrexa, as lendas e a gastronomía; e tamén se achegaron ao Espazo Xove de Lalín (Casa da Xuventude), onde puideron desfrutar da exposición fotográfica "Ceos galegos" explicada da man do divulgador científico Dosi Veiga. 

 

Navega con rumbo 2023/24

Porque é importante non perder o norte cando navegamos na rede, rematamos o 2º trimestre participando no programa Navega con rumbo

O alumnado de 1º ESO e 1º FPB tivo a oportunidade de asistir á actividade, conducida por un enxeñeiro informático experto na materia, co que dialogaron de forma amena sobre internet e as oportunidades e perigos que pode levar asociados. 

Dende logo, serán moi útiles os seus consellos e ter presente sempre o decálogo do bo uso de internet para unha navegación segura!

 

 

Plan Proxecta Quérote Máis. Continuamos!

Desta volta deixamos un resumo do traballo efectuado no 2º trimestre co alumnado de 3º ESO e FPB no marco do programa de educación afectivo-sexual "Quérote Máis"

Tras rematar algunha tarefa pendente...adentrámonos na diversidade afectivo-sexual! Na presentación que se xunta no enlace, podedes consultar as obras que realizou o alumnado, a fin de promover o respecto cara as distintas identidades e orientacións sexuais. 

Pero non só iso...Tamén tivemos tempo para investigar sobre o amor romántico e detectar os mitos sobre o mesmo na música, literatura, publicidade...

Finalmente, abordamos a importancia da prevención. O alumnado descubríu a través de variadas metodoloxías e actividades os distintos métodos anticonceptivos e o seu papel na prevención de embarazos non desexados e ETS. Foron varias sesións interesantes nas que dialogamos sobre as preocupacións e dúbidas adolescentes, achegándonos tamén á regulación legal da IVE no noso país. 

Premendo nesta presentación podedes ver un resumo do traballado en imaxes. 

 

 

 

 

 

Falamos do acoso escolar

No segundo trimestre, continuamos a centrar esforzos na mellora da convivencia. Tras un traballo de reflexión sobre o clima de aula, dedicamos dúas sesións de titoría a falar sobre o acoso escolar co alumnado de 1º ESO, para concienciar sobre as súas implicacións e consecuencias. Para iso, servímonos da análise e comentario de casos reais como o caso Jokin Cebeiro e tamén o coñecido youtuber e instagrammer Miquel Montoro. 

Destacando sempre a importancia das persoas espectadoras na detención dos casos de acoso escolar, que a miúdo se producen lonxe da mirada adulta, aproveitamos as sesións para dar a coñecer o Punto Laranxa, tanto físico como virtual, como un recurso de denuncia anónimo ao abeiro do novo Protocolo para a prevención, detección e tratamento do acoso e ciberacoso escolar, que pretende romper co a lei do silencio.

Mulleres inspiradoras

Nunha semana tan significativa como esta, na que se celebra o Día Internacional da Muller, desenvolvemos no centro unha serie de actos e actividades conmemorativas.

Por cortesía do Concello de Vila de Cruces, empezamos a semana con unha mesa redonda baixo o título “Mulleres inspiradoras”. O concelleiro de igualdade deu apertura ao acto, do que puideron desfrutar o alumnado de 3º e 4º da ESO, coñecendo de primeira man a experiencia de catro mulleres traballadoras e pioneiras en moitos casos nos seus ámbitos laborais, mulleres loitadoras que tiveron que abrirse camiño facendo fronte a distintas adversidades, incluídas aquelas que tiveron que afrontar polo seu xénero. Así, compartiron con nós as súas experiencias a recoñecida artesá Elena, máis coñecida como a zoqueira de Merza; Mónica, licenciada en dereito e axente de emprego e desenvolvemento local do Concello; Rocío, empresaria hostaleira e Cinthia, emprendedora e luthier de clarinete.

Catro mulleres referentes que coa súa experiencia favorecen a inspiración nas alumnas e a visibilidade da muller en sectores masculinizados. A mesa estivo moderada por Fátima, tamén empresaria e emprendedora no sector dos recursos humanos.

Charla sobre violencia de xénero para familias

No mes de febreiro, no marco do Plan Director, recibimos a visita dunha axente da Garda Civil que falou ás familias sobre a violencia de xénero. Da man da axente descubrimos como traballan as forzas de seguridade nestes casos, as dificultades ás que se enfrontan e a importancia da súa labor na axuda as vítimas. Asemade, amosaron ás nais asistentes os contidos que se traballan sobre este tema nas charlas que imparten nos centros educativos ao alumnado.

Foi unha xornada de reflexión e intercambio de impresións, nas que se fixo patente que a violencia de xénero é unha cuestión que afecta a parellas de calquera idade e clase social, así como a importancia de pedir axuda e denunciar.

 

 

Se tivera un lápiz máxico....

Na semana en que conmemoramos o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, traballamos sobre a figura de Malala e o seu conto "El lápiz mágico de Malala".

A historia desta activista Premio Nobel da Paz 2014 servíunos para reflexionar e repensar a situación no mundo actual, á par que nos atrevemos a imaxinar posuidores dun lápiz máxico co que plasmar o noso desexo para construir a un mundo mellor.

Cos nosos desexos elaboramos un ceo cheo de estrelas!

A ponte entre o ensino medio e a USC

Dende a Universidade de Santiago de Compostela, visitounos Celso Rguez., que falou ao alumnado de Bacharelato sobre as cuestións máis relevantes sobre a USC: os seus campus, os estudos que se poden cursar, organización dos graos, programas de mobilidade, posibilidades de ocio, culturais, deportivas....que ofrece a universidade, residencias e bolsas de estudos. 

Sen dúbida, unha sesión ben completa!

 

 

 

 

 

 

Charla sobre doazóns e transplantes

No mes de xaneiro recibimos a visita dunha enfermeira da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que transmitiu ao alumnado de 4º ESO e do CM de Atención a persoas en situación de dependencia, a importancia e valor das doazóns. Trátase dunha actividade de sensibilización que favorece o achegamento a unha realidade sobre a que non solemos reparar habitualmente e a través da cal puidemos coñecer de primeira man a experiencia dunha persoa transplantada. 

Sen dúbida, un orgullo que o noso país sexa pioneiro en doazón de órganos e dispoñer dun sistema público de saúde que permita a atención ás persoas que precisan un transplante.

Despois de coñecer esta realidade de primeira man, quizais toque reflexionar.....Faríaste donante de órganos?

 

 

 

 

 

 

 

Distribuir contido