Saltar navegación.
Inicio

Actividades

Obradoiro de motivación e autoestima

Ao longo de varias sesións, o alumnado de Formación Profesional Básica desfrutou dun obradoiro de motivación e autoestima, adquirindo aprendizaxes intrapersoais e interpersoais mediante dinámicas e xogos educativos.

Foron unhas sesións moi produtivas e amenas, nas que a reflexión final é que podemos conseguir grandes logros, sempre que nolo propoñamos e nos esforcemos por alcanzalos! 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Fóra etiquetas!

No grupo de 1º ESO, comezamos a traballar sobre a convivencia, relacións interpersoais e resolución de conflitos a través da mediación. Comezamos traballando sobre os prexuízos con distintas dinámicas, tomando conciencia da importancia de aceptar e non xulgar aos demais. Por unha banda tomamos conciencia de como inflúen as etiquetas sociais nas relacións interpersoais cos demais mediante a dinámica Discoetiqueta, para na seguinte sesión continuar a aprender sobre os prexuízos coa actividade Fóra etiquetas!, onde comprobamos como ás veces xulgamos de forma incorrecta e sen coñecer aos demais. 

 

Nadal solidario

Dende o centro organizamos o Nadal solidario, unha iniciativa consistente na doazón de alimentos non perecedoiros e/ou xoguetes usados en bo estado para axudar ás familias que o necesitan do Concello. Hoxe, o persoal de Servizos Sociais achegouse ao centro para recoller as doazóns, coas que facer un Nadal máis agradable a algunhas persoas. 

Grazas a aquelas persoas que aportaron un grao de area! De seguro a súa humanidade xerará sorrisos!

 

 

 

 

 

 

 

A mediación está de volta!

Atención, atención! A mediación está de volta! Un curso máis seguimos a traballar na mediación. Nesta ocasión retomamos o traballo do profesorado do equipo de mediación, e a que non sabedes....xa fixemos algunha cousiña moi produtiva! Acondicionouse un espacio como aula de mediación e xa se realizou algunha intervención con alumnado en conflito, a fin de contribuir ás boas relacións e clima nas aulas. Polo momento vaise recollendo algún froito!

Asemade, estamos a facer máis sinxelo o proceso e adaptando os documentos do protocolo para que o proceso sexa máis rápido e operativo. Tamén comezamos a intervir en 1º da ESO nas titorías, para traballar en convivencia e resolución de conflitos e que coñezan a mediación.

Seguiremos a traballar nos próximos trimestres, co obxectivo de que tamén o alumnado participe activamente como mediador e contribuir á expansión da cultura da mediación. 

Podedes coñecer máis sobre este proxecto nesta ligazón do apartado de Convivencia da web do centro. 

 

 

Plan Proxecta Quérote Máis. Comezamos!

Pola importancia que ten a educación afectivo-sexual e a súa relevancia principalmente na etapa adolescente, este curso decidimos participar no programa Quérote +, que se desenvolverá con alumnado de 3º da ESO e FP Básica.

Deixamos por aquí un documento gráfico das primeiras sesións, nas que o alumnado tivo a oportunidade de coñecer os Centros Quérote (non deixedes de visitar a súa web:  https://xuventude.xunta.es/querote-mais) e fixemos un primeiro achegamento ao por que do programa e ao que implica a EDUCACIÓN SEXUAL e......SORPRESA! Non se refire só ao plano físico da persoa ou as relacións coitais, senón que implica moito máis, abarcando tamén o plano emocional e relacional.

Podedes descubrir o que estivemos a traballar a un clic!

 

Baixo o mesmo paraugas. Vila de Cruces pola diversidade

Da man do alumnado e profesorado do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia conmemoramos o Día da diversidade funcional, que se celebra o 3 de decembro, baixo o lema "Baixo o mesmo paraugas. Vila de Cruces pola diversidade". 

O alumnado do centro tivo a oportunidade de disfrutar dun obradoiro práctico pensado para coñecer os distintos tipos de diversidade e poñerse na pel das persoas con algún tipo de capacidade diversa, para o que pasaron por varios postos desenvolvendo actividades nas que se achegaron aos distintos sistemas de comunicación e coñeceron material de apoio e adaptado. 

Foi unha xornada de concienciación coa finalidade de promover a empatía, respecto e normalización, favorecida pola aprendizaxe entre iguais, agradecendo a implicación do ciclo de APSD, con mención especial ás alumnas do 2º curso, que tiveron un papel clave na realización da actividade, transmitindo valores aos compañeiros/as das distintas etapas do centro. Premendo nesta ligazón podedes ver o post no blog da biblioteca e o vídeo sobre a actividade. 

Seguimos a falar de masculinidades diversas!

Nesta semana seguimos a falar de masculinidades diversas con alumnado da ESO. Leváronse a cabo as últimas sesións do obradoiro, cun marcado carácter reflexivo sobre o traballado nas distintas sesións anteriores.

Sen dúbida, quedamos con grandes aprendizaxes, como a importancia do respecto e o bo trato entre os xéneros, sempre en igualdade e tolerando a diversidade!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Educando en igualdade: masculinidades diversas e prevención da violencia de xénero

No día de hoxe, 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. No noso centro sabedores da importancia de educar na igualdade, levamos toda a semana realizando tarefas en materia de educación e prevención na materia. Así, deron comezo os obradoiros sobre masculinidades diversas co alumnado da ESO, que da man de Marc e traballando en grupo, reflexionaron sobre os estereotipos de xénero e as distintas formas da expresión de xénero, concluíndo na importancia do respecto á diversidade. 

E proseguindo coa importancia do respecto entre persoas, no día de onte o alumnado de 2º e 3º da ESO participou nun scape room de prevención da violencia de xénero, descubrindo as palabras clave mediante o traballo colaborativo, para avanzar nas probas e quedar no mellor posto posible. A sesión foi moi produtiva, facendo consciente ao alumnado da importancia das relacións afectivas igualitarias, independentemente do xénero das persoas que conforman a parella. 

A xornada de onte rematou coa entrega de pulseiras a todo o alumnado do centro, remitidas dende a Fundación Anar no marco da súa campaña "La violencia de género no tiene edad", nas que se indica o teléfono contra a violencia de xénero para menores de idade (900 20 20 10). 

Sen dúbida foi unha semana intensa! Para a próxima continuaremos traballando na materia!

Que non te líen, ti elixes!

No día de hoxe, o alumnado de 3º e 4º da ESO participou no programa "Que non te líen, ti elixes!", convocado pola Consellería de Educación para favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos de xénero na elección de itinerarios e profesións.

Os obradoiros foron levados a cabo por persoal da Fundación Laboral da Construción. Unha orientadora laboral e unha traballadora do sector da construción encargáronse de dinamizar a actividade, que de seguro foi de grande utilidade para axudar ao alumnado de cara a toma de decisións vocacionais. 

Visita a Galicia Skills 2023

Hai uns días, o alumnado dos ciclos medios de "Soldadura e caldeiraría" e "Atención a persoas en situación de dependencia", visitaban, xunto con parte do profesorado do centro, o 7º Campionato Galicia Skills, no que ademais participou o alumno Sergio López, que se alzou coa medalla de ouro na categoría de Soldadura. Parabéns ao alumno e profesorado. Na web do centro tedes máis información sobre este merecido primeiro posto!. 

 

 

 

 

 

 

 

 

Distribuir contido