Saltar navegación.
Inicio

Actividades

Mediación: prevención do acoso escolar

Servímonos nesta ocasión da dinámica de cohesión grupal "Mundo de cores" para reflexionar sobre a exclusión social, enlazando o tema co acoso escolar e a importancia da súa prevención.

Despois do xogo, conversamos sobre o acoso escolar, os distintos tipos de acoso (físico, psicolóxico, social....), as consecuencias e os papeis das distintas persoas que interveñen (persoa acosada, acosadora e espectadores activos e pasivos), incidindo na importancia de intervir e adoptar un compromiso firme co apoio á vítima e a denuncia destas situacións por parte dos espectadores/as. 

Sen dúbida, sementar a cultura da mediación no centro favorece a mellora da convivencia e polo tanto axuda a previr as situacións de acoso escolar. Seguiremos traballando nelo! 

 

Mediación: estilos de comunicación

Traballamos as habilidades sociais e estilos de comunicación (agresivo, pasivo e asertivo), mediante a dinámica grupal "xinetes e cabalos", que nos servíu para reflexionar sobre a importancia de ter empatía cos demais, do trato que lles brindamos e de expresarnos con asertividade, o que repercute positivamente nas relacións interpersoais.  

Deste xeito, mediante dinámicas e xogos, seguimos aprendendo conceptos básicos e moi útiles para a mediación escolar, pero tamén no noso día a día. 

 

 

 

Sesións sobre diversidade afectivo-sexual

Ao longo das dúas últimas semanas, o alumnado da ESO e FPB participou nunha serie de obradoiros sobre diversidade afectivo-sexual, impartidos pola asociación Nós Mesmas. 

Conscientes de que a diversidade é unha realidade nos distintos ámbitos e aspectos da vida, e da importancia do respecto, visibilización e normalización como garantes da convivencia, no centro seguimos apostando por dar a coñecer as distintas realidades para favorecer o seu coñecemento e aceptación. 

Nas sesións afondouse sobre as distintas identidades e orientacións sexuais, a diferencia entre sexo e xénero, os esterotipos de xénero, a prevención do acoso lgtbifóbico e o papel da mocidade como motor de cambio. Asemade, en 4º da ESO e Formación Profesional Básica, ademais do anterior, profundizouse no aspecto histórico que sustenta a realidade LGTBI tal como a coñecemos hoxe en día e que fixo posible que se lograran avances na igualdade de dereitos das persoas do colectivo, se ben aínda queda camiño por percorrer. 

Encontro do equipo de mediación

A semana pasada volvemos reunirnos o profesorado e alumnado do equipo  de mediación.

Desta volta xa estabamos todos/as e unha vez que nos puxemos ao día, seguimos argallando nas nosas ideas, pois estamos a traballar na creación dun logo do equipo de mediación do centro e tamén sobre un vídeo para dar a coñecer esta forma de resolución de conflitos.

Esperamos poder ensinarvos pronto os nosos proxectos!

 

 

 

Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo

O pasado 2 de abril conmemorouse o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, baixo o lema "Unha feliz viaxe pola vida". 

No instituto, conscientes da importancia do respecto á diversidade e da súa visibilidade, decidimos aportar o noso gran de area mediante a creación dun quebracabezas xigante no que participaron todos os grupos das distintas etapas educativas. 

Cada aula reflexionaron sobre a felicidade, debendo consensuar dous elementos representativos da felicidade para o grupo e plasmalos na nube correspondente, para despois xuntar ao mural. Como veredes, algunhas clases non foron quen de decidirse só por dúas cuestións e escolleron máis elementos no viaxe cara a felicidade. Podedes ver o vídeo completo da actividade no blog da biblioteca "Abre os ollos", nesta ligazón

Encontro do equipo de mediación

Antes das vacacións do segundo trimestre, reunímonos os membros do equipo de mediación. Faltou algún alumnado que se atopaba de excursión, pero contaremos con eles/as para a seguinte volta, na que lles contaremos sobre o que estivemos traballando! Por agora é un segredo, que por suposto tamén descubriremos ao resto da comunidade educativa cando chegue o momento!

Polo de agora, podedes ver máis imaxes desa reunión no blog da biblioteca "Abre os ollos", nesta ligazón

 

Mediación: roleplaying

Continuamos coas representacións sobre a mediación escolar. Deixamos algunha foto que nos quedara pendente!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Obradoiros de "Educación emocional"

Desta volta, Verónica e Natalia da cooperativa Educalecrín, realizan obradoiros de educación emocional co alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. Achegámonos nas sesións ao concepto de intelixencia emocional, para o que é fundamental recoñecer e aceptar as emocións para aprender a xestionalas (conciencia e regulación emocional), o que favorecerá o noso benestar. O autocoñecemento, aceptar o erro como normal e oportunidade para a mellora, a resilencia e a importancia do propio autocoidado e das redes de apoio, son aspectos dos que tamén falamos no obradoiro, no que reflexionamos sobre o diálogo interno que mantemos con nós mesmos/as, á par que aprendemos ferramentas para transformalo, o que repercutirá positivamente na nosa saúde emocional. 

 

Obradoiros de "Relacións Saudables"

No día de hoxe recibimos a visita de Natalia e Verónica, fundadoras de Educalecrín, que desenvolveron co alumnado diversos obradoiros. A rapazada de 3º e 4º da ESO participou na actividade denominada “Relacións saudables”, na que se abordou a importancia do manexo adecuado das emocións e dunha boa autoestima para manter relacións saudables con un mesmo e cos demais. Quererse a un mesmo/a, manter relacións diversas, aprender a comunicarse de forma non violenta e detectar as crenzas limitantes tradicionalmente aprendidas, como os mitos do amor romántico por exemplo, favorecerá as relacións intrapersoais e interpersoais saudables e evitará a dependencia emocional.

Todo isto son cuestións que se trataron no obradoiro e que posteriormente se plasmaron de forma gráfica traballando grupalmente, mediante un exercicio no cal o alumnado debían discutir e agrupar certos comportamentos segundo foran tóxicos ou saudables nas relacións de parella.

Mediación: roleplaying

Continuamos coa mediación! De cando en vez, ademais de outras dinámicas e sesións de reflexión, realizamos algún roleplaying para aprender a mediar de forma práctica, á par que coñecemos as fases da mediación. 

Distribuir contido