Saltar navegación.
Inicio

Actividades

Día da Paz - 30 xaneiro de 2023

No centro leváronse a cabo distintas actividades con motivo da conmemoración do Día da Paz. Dende a comisión de convivencia propúxose celebrar a data aprendendo sobre o Nobel da Paz, ao tempo que cada aula escolleu o seu propio compañeiro/a merecedor/a do premio no seu grupo, por ser exemplo de convivencia. 

Unha antiga alumna orienta ao alumnado

O xoves 19 de xaneiro recibimos a visita de Iria, antiga alumna do centro, que tivo unha charla co alumnado de 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato, para contarlles a súa experiencia e intercambiar opinións. 

Iria, que realiza o grao de Dereito, rematou estudos no noso centro hai dous cursos. Agora, volveu ao instituto pero para charlar co alumnado sobre a súa experiencia unha vez rematados os estudos secundarios. Faloulles sobre a importancia de ser constantes no estudo e do hábito de traballo na ensinanza superior, os cambios e diferencias entre os estudos secundarios e universitarios, como é a vida académica na universidade, a relevancia de cultivar a vida social e tecer redes que sirvan de apoio nos estudos superiores, os programas para estudar no estranxeiro, a vida lonxe da casa....preguntando o alumnado as súas dúbidas e inquedanzas, que foron resoltas pola antiga alumna. 

Sobre todo, a compañeira incidiu en como un vai medrando e se ten que facer independente, asumindo as súas propias responsabilidades. Pero tamén insistiu na importancia de loitar por aquelo que un quere, animando ao alumnado fronte ás adversidades que vaian atopando a medida que van madurando. Sen dúbida foi unha visita que gustou moito ao alumnado, ao ter referencias de primeira man dunha igual que hai pouco pasou polo mesmo que eles/as están a vivir agora. 

Grazas pola visita Iria! Desexámoche moita sorte! 

Charla sobre o acoso escolar (1º ESO e FPB)

Iniciamos esta semana dando comezo ás charlas do Plan director da convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos, impartidas pola Garda Civil.

Para comezar, visitounos un axente da zona que estivo a falar co alumnado de 1º da ESO e de 1º e 2º de Formación Profesional Básica sobre o acoso escolar (bullying). Ademais de centrarse no concepto e consecuencias, o axente puxo o foco no rol que xoga cada un dos actores participantes e o papel clave dos espectadores para frear os abusos. Asemade, resaltouse na sesión a responsabilidade legal dos menores nos seus actos, ben sexan por comisión de acoso escolar ou outros delitos. 

Pronto nos volverán visitar para seguir falando deste tema en 2º ESO. 

 

 

 

Obradoiros de educación afectivo-sexual

Como cada curso visitáronnos do centro Quérote Máis para impartir uns obradoiros de educación afectivo-sexual co alumnado de 3º ESO e 1º e 2º de Formación Profesional Básica. 

Sen dúbida, unha actividade moi necesaria en plena etapa de cambios e descubrimentos, onde se aborda non só a prevención, senón tamén a diversidade e o respecto á mesma. 

 

 

 

 

 

Encantado de coñecerme!

Damos por rematado o obradoiro Encantado de coñecerme!, impartido por Acode Educa durante os meses de novembro e decembro. 

Un ano máis, descubrimos as nosas fortalezas e potencialidades, aprendendo de forma dinámica e divertida. 

 De seguro repetiremos o próximo curso!

 

 

 

 

 

 

"Soy yo" - Día das capacidades diversas

Nesta ocasión toca agradecer ás profesoras e alumnas do CM de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, que con motivo da conmemoración do Día da diversidade funcional, que se celebra o 3 de decembro, prepararon un  obradoiro denominado Universo Inclusivo do que puideron desfrutar o alumnado de todos os grupos e etapas do centro. 

O alumnado debía responder unha serie de preguntas tan só visulizando distintas fotografías de persoas con diversidade funcional e de avanzada idade, para posteriormente cotexar as respostas unha vez proporcionada información sobre esas persoas. As compañeiras incluiron tamén a canción "Soy yo" na actividade, que fala da importancia do respecto e autodeterminación no caso das persoas con diversidade funcional. Ademais das fotografías, podedes disfrutar da canción completa neste enlaceFoi unha xornada de reflexión, na que todos os participantes tiveron premios e moita aprendizaxe. 

Navegar en positivo II

Nos últimos días volveu visitarnos Marc, para dar continuidade ao obradoiro "Navegar en positivo", desta volta enfocando o mesmo dende a perspectiva de xénero. 

Tratamos sobre os riscos das redes como sexting ou grooming, así como as manifestacións da violencia de xénero a través dos medios dixitais, que en moitas ocasións incluso tende a normalizarse. Mediante o intercambio de ideas e opinións e poñendo ao alumnado en situacións propias da súa vida, estimúlase a reflexión, co obxectivo de facelos conscientes e previr a violencia de xénero.

 

 

 

 

 

Asamblea de convivencia

Comezamos a realizar nas titorías as asambleas de convivencia.

Falamos os problemas e conflitos do grupo e buscamos solucións beneficiosas para todos, ao tempo que valoramos o noso comportamento nas clases, actitudes na aula e no centro, o coidado dos materiais e instalacións, o respecto aos demais....

Reflexionamos sobre o comportamento grupal e a responsabilidade individual de cada un de nós na marcha da boa convivencia, adquirimos compromisos e establecemos as nosas propostas de mellora, que plasmamos nos paneis do taboleiro da aula para ter estas cuestións moi presentes. 

 

 

 

 

Encantado de coñecerme!

O alumnado de Formación Profesional Básica participa un ano máis no obradoiro de motivación "Encantado de coñecerme!". 

Durante varias xornadas, o alumnado do 1º curso de Servizos administrativos, aprendemos a coñecernos, valorarnos e a traballar de xeito colaborativo mediante vídeos, xogos e dinámicas moi entretidas.

Xa estamos no ecuador do obradoiro....Continuaremos en decembro!

 

 

 

 

 

As caras do maltrato

Ao longo desta semana visitáronnos novamente dende Talentea para impartir, nesta ocasión, o obradoiro "As caras do maltrato", sobre prevención da violencia de xénero co alumnado máis novo, de 1º e 2º da ESO.

Aprendemos sobre xénero, roles, estereotipos e a súa presenza na linguaxe. De forma inconsciente asumimos determinados comportamentos como propios dun ou doutro xénero, como consecuencia do proceso de socialización diferencial, o que contribúe a reproducir a desigualdade entre os xéneros. Ser conscientes destas cuestións favorece unha vivencia libre de estereotipos, baseada no respecto e igualdade, o que contribúe á prevención da violencia de xénero.

Agradecemos a Lucía as aprendizaxes que nos transmitíu!

 

 

 

Distribuir contido