Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Efemérides

Día escolar da Paz- 2015

O 30 de xaneiro celébrase o Día escolar da Paz e da Non Violencia. Con este motivo animámosvos a vir pola biblioteca consultar os materiais relacionados con esta temática. Só por poñer un exemplo, o texto escrito por Malala Yousafzai, Premio Nobel da Paz no 2014 e que leva por título: Yo soy Malala : La joven que defendió el derecho a la educación y fue tiroteada por los talibanes.

Ademais, podedes ver polos corredores do centro carteis alusivos a esta conmemoración elaborados polo alumnado de Relixión, así como, algúns outros carteis elaborados polo alumnado de atención educativa deste curso (e anteriores).

Nesta ligazón, podedes acceder a materiais interesantes elaborados polo Seminario Galego de Educación pola Paz. Son moi interesantes tamén algunhas das propostas elaboradas noutras bibliotecas escolares.

 

Novembro-2014: Mes da Ciencia en galego nas bibliotecas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística promove a celebración nas bibliotecas públicas e nas bibliotecas escolares de "Novembro, Mes da ciencia en galego nas bibliotecas".

Esta proposta afonda na liña iniciada no curso pasado pola Asesoría de bibliotecas escolares que pretendía traballar a ciencia desde as bibliotecas (coa campaña Ler ciencia na biblioteca escolar) e na deste ano (Biblioteca escolar... matemático!!!). Para ilustrar esta campaña o científico Ángel Carracedo elaborou un Manifesto e a Asesoría de Bibliotecas elaborou unha recompilación de recursos dixitais relacionados coa ciencia en galego e que podedes ver aquí.

Animamos aos departamentos e ao profesorado de todo o ámbito científico a que aproveiten estes recursos e a deseñar algunha actividade cos fondos dos que dispoñemos.

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares pódese acceder a moitos recursos elaborados noutros centros arredor desta temática. Grazas a todos por compartir!

Para consultar os fondos poden achegarse á biblioteca ou a parte deles, nestas ligazóns: Ciencias naturais 1, Ciencias naturais 2, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Matemáticas 1 e Matemáticas 2 e Tecnoloxía.

 

Outubro 2014- Mes da Biblioteca Escolar

Ao longo de mes de outubro e, en especial, o día 24 celébrase o Día da Biblioteca Escolar. Nesta ocasión, préstaselle unha atención especial ás MATEMÁTICAS e a campaña ideada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva o nome Biblioteca escolar... matemático!!!  O autor do deseño do cartel e dos materiais destinados a promocionar a lectura é David Pintor.

Animámosvos a todos a vir á biblioteca, consultar os fondos relacionados coas matemáticas: libros, revistas, CDs e DVDs relacionados coa temática deste ano. Podedes acceder a algúns dos fondos de matemáticas que temos catalogados na biblioteca aquí e tamén aquí. 

Na páxina da Asesoría de bibliotecas escolares podemos acceder a distintos materiais relacionados con esta temática:

-Materiais e actividades doutros centros: selección de títulos.

-Matemáticas e poesía: seleccións de poemas relacionados coas matemáticas

-Conferencia TED  "As matemáticas son para sempre", do matemático e profesor Eduardo Sáenz de Cabezón.

 

Día das Letras Galegas 2014: Xosé María Díaz Castro

 

  Este ano a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas é o poeta lucense Xosé María Díaz Castro.

  A continuación propoñémosvos unhas ligazóns moi interesantes e completas para coñecerdes máis a súa persoa e obra:

 Lembrade tamén visitar a exposición titulada "Sombras radiantes" elaborada polo IES Perdouro de Burela e que xa colga nas escaleiras de acceso ás aulas.

Podedes ver máis información neste tríptico:

 

 

 

 

 

23 de abril, Día Internacional do Libro

 Deixámosvos aquí un texto do autor Paco Martín co que agasalla a todas as Bibliotecas Escolares de Galicia no Día Internacional do Libro.

 

O código secreto que permite o acceso á sala de

mandos da nave espacial exploradora de futuros

itinerarios siderais.

 

A bambeante escada de corda e táboas coa que

abordar o áxil bergantín no que sucar mares ignotos

 na procura do eterno tesouro da ilusión.

 

A estribeira na que pousar o pé para cabalgar o

 airoso alazán de galope tendido cara ao horizonte

promisorio.

 

A fiestra aberta ao ar vivificador, franca aos saberes,

 ao pensamento diverso, ao voo da imaxinación, á

descuberta venturosa de novos mundos, ao espello

substancial do propio ser....

 

O libro!

 

Este texto aparece nun marcapáxinas que levarán de agasallo todas as persoas que pasen pola biblioteca neste día. Tamén podedes baixalo aquí.

Tamén vos animamos a participar na campaña #EnGalegoLeo que botaron a andar a CRTVG, a AELG e GALIX.

 

 

 

8 de marzo - Día da muller traballadora-2014

Con motivo da conmemoración do Día da Muller traballadora o alumnado de 3º e 4º da ESO asistiu a unha charla-coloquio sobre os dereitos e oportunidades das mulleres.

A actividade foi proposta desde o Concello de Carnota para presentarlles aos adolescentes do concello o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. Concello de Carnota. 2013-2017.  A charla foi impartida pola Concelleira de Muller e Servizos Sociais e unha técnica da empresa Senes que elaborou o plan.

Día da Poesía 2014

 O luns 24 de febreiro imos celebrar, por sétimo ano consecutivo, o Día da Poesía no instituto, coincidindo co Día de Rosalía de Castro. para o cal estamos organizando un recital poético que terá lugar a 4ª hora, despois do recreo. A esa hora todo o alumnado non terá unha sesión de clase normal senón que vai recibir na súa aula a visita de distintas persoas que entren a recitar poemas.

Se queres participar no recital aínda estás a tempo: ven á biblioteca escoller poema e incluímoste no circuíto! Anímate e axúdanos a darlle outra oportunidade á poesía!!

Para recordares como celebramos a actividade nos anos pasados, preme aquí: 2013, 2012, 2011, 2010, 2009

Unha das organizacións que vén celebrando dun xeito moi especial esta data é a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Para esta edición propón unha actividade moi creativa e renovadora da imaxe de Rosalía. O título da actividade é graffitiRosalía. Podedes ver información aquí.

 

Rosalía é a nosa autora máis universal e malia vivir no século XIX é aínda hoxe unha figura totalmente viva e vixente. O ano pasado celebráronse os 150 anos da publicación do seu primeiro libro Cantares gallegos e son moitas as homenaxes que se lle fixeron:  lecturas públicas da obra,  alboradas para Rosalía,  musicáronse moitos dos seus poemas e con versións moi variadas (desde o rap ao jazz) e dirixidas ao público infantil e ao adulto. Nesta noticia publicada en Sermos Galiza fálase de Rosalía de Castro como a letrista galega máis destacada do ano 2013.


Se entrades no catálogo da biblioteca podedes atopar moita da súa obra e moitas das versións ou reinterpretacións da mesma:

Obras de Rosalía: aquí

Rosalía musicada: aquí, aquí, e aquí.


Versións dos Cantares gallegos no 150 aniversario da publicación do libro: Programas monográficos na Radio Galega

 

Día da Ilustración-2014

Por primeira vez celébrase en Galicia o Día da Ilustración o día 30 de xaneiro, data do nacemento de Castelao.

A Consellería de Cultura e Educación inclúe esta data ao calendario do libro e da lectura e por iso volo recordamos desde a páxina da biblioteca. O cartel que conmemora a data é de Miguelanxo Prado e podes velo aquí, na páxina da Asociación galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Nela, podedes atopar información sobre moitos dos ilustradores que xa coñecedes polos libros, pola banda deseñada e tamén polos carteis de bibliotecas escolares: Óscar Villán, Manuel Lariño, Marina Seoane, Andrés Meixide, Enma Ríos ou Patricia Castelao.

Invitámosvos a vir á biblioteca e (re)descubrir máis obras destes ilustradores!

Día da Paz-2014

O 30 de xaneiro celébrase o Día escolar da Paz e da Non Violencia. O alumnado de 1º de ESO está traballando cos recursos da biblioteca na elaboración de carteis e unha mascota que represente esta data.

Se queredes saber máis desta data ou ver que actividades se fan noutras bibliotecas, pulsade aquí.

Outubro- Mes da Biblioteca Escolar

Ao longo de mes de outubro e, en especial, o día 24 celébrase o Día da Biblioteca Escolar. Nesta ocasión, préstaselle unha atención especial á CIENCIA e a campaña ideada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva o nome: Ler ciencia na biblioteca escolar. A autora do deseño do cartel e dos materiais destinados a promocionar a lectura de ciencia é Patricia Castelao.

Animámosvos a todos a vir á biblioteca, consultar os fondos relacionados coa ciencia: libros, revistas, CDs e DVDs relacionados coa temática deste ano.

Xa temos os materiais que nos mandou a Asesoría de Bibliotecas Escolares así que, cada persoa veña ler ciencia á biblioteca, levará o seu agasallo: un marcador de páxinas, chapas...

Distribuir contido


by Dr. Radut