Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Efemérides

A Ciencia en Galego

Este ano foi declarado Ano internacional da Química pola Unesco polo que o II Día da Ciencia en Galego, 4 de novembro de 2011, vai dedicado ás mulleres científicas.

Homenaxéase a Marie Curie, por conmemorarse neste ano o premio Nobel de Química que lle concederon en 1911, polo seus descubrimentos dos novos elementos Radio e Polonio. Tamén a María Wonenburger, a matemática galega que recibiu o Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña no 2010, pola súa grande contribución á ciencia en xeral e ás matemáticas en particular.

Día do Libro 2011

 

O 23 de abril conmemórase o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor e é unha data coa que a UNESCO pretende fomentar a lectura, a industria editorial e a protección da propiedade intelectual.

Aínda que neste curso a data cadrou durante as vacacións temos moitos outros días para celebrar a data achegándonos á lectura. E hoxe convidámosvos a ler este fermoso poema co que nos agasallou o poeta Carlos Negro a todas as Bibliotecas Escolares.

Podedes ler o poema e descargalo como marcapáxinas, aquí.

 

 

 

 

Día da Muller Traballadora 2011

Este ano o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, coincide  durante as vacacións de Entroido mais non por iso deixamos de chamar a atención sobre esta data e sobre a necesidade de visibilizar as mulleres e as súas obras.

Escollemos para ilustrar esta páxina unha magnífica ilustración de Luís Seoane (vén de celebrarse o centenario do seu nacemento) e na que nos presenta a mulleres moi próximas a todos nós, "As mariscadoras" pintado no ano 1969

 

 

Con este motivo propoñemos a consulta de varias ligazóns de interese:

Ademais, unha vez máis, animámosvos a vir á biblioteca para consultar información sobre mulleres. Aquí podedes atopar as súas biografías, a análise das súas obras, as súas propias creacións en distintas versións: libros ensaísticos, literatura de ficción, películas, banda deseñada, música... feita por mulleres. Agardámosvos!

Día da Poesía 2011

Desde hai uns anos vimos celebrando no 24 de febreiro o Día da Poesía, para homenaxear a Rosalía de Castro na data do seu nacemento. Consideramos que é a poeta máis coñecida internacionalmente e máis destacada das nosas letras, polo que debemos sumarnos a esta celebración.

Preparamos un recital poético que, por motivos organizativos, celebraremos o 1 de marzo e no que participa o profesorado, o alumnado e o persoal non docente. Cada persoa pode escoller o poema que queira, de Rosalía ou doutros autores e na lingua que prefira, iso si, só textos poéticos para conmemorar esta data.

Durante unha sesión todo o instituto estará gozando da poesía ou ben recitando ou ben escoitando as palabras dos distintos creadores nas voces dun dos nosos compañeiros. Será unha hora distinta, unha hora dedicada á palabra poética que non deixará indiferente a ningún de nós.

Podedes ver aquí as fotos de varios participantes:

Se queredes escoitar os poemas pinchade no nome da cada un dos participantes:
Ariadna, alumna de 4º, recitando a Vicente Huidobro
Daysi, alumna de 2º, recitando a Rosalía de Castro
David, profesor de Historia e Lingua Galega, recitando a José Martí
Elda, profesora de Educación Física, recitando a Antón Tovar

Fátima, alumna de 2º, recitando a Celso Emilio Ferreiro
Iria, alumna de 4º cun poema de Ramón Cabanillas
Lara, alumna de 3º a Cristina P. Rossi
Lucita, profesora de Pedagoxía Terapéutica recitando un poema-trabalinguas "O pato" e "A garota de Ipanema"
María José, Orientadora, que recita a Ángel González e a Gustavo Adolfo Bécquer
María, profesora de Educación Plástica e Visual, recitando a Ángel González soa, ou coa axuda de Pedro Guerra
Marisol, alumna de 2º, recitando a Rosalía de Castro
Martina, alumna de 2º, recitando a Curros Enríquez
Miguel, alumno de 1º, recitando a Miguel Hernández
Modesto, profesor de Historia, recitando a Miguel Hernández
Nerea, alumna de 2º, recitando a Bécquer
Xosé Manuel Pose, profesor de Matemáticas, recitando a Celso Emilio Ferreiro
Raquel, profesora de Tencoloxía, recita a Ramón Cabanillas
Renée, profesora de Lingua Francesa, recita a Konstantin Kavafis e a Jacques Prévert
Tamara, alumna de 3º, recita a Luis Alberto de Cuenca
Tania, alumna de 4º, recita a Avilés de Taramancos
Verónica, a administrativa do centro, recita a Federico García Lorca
Xosé, profesor de Lingua Inglesa, recita en latín a Catulo
Xurxo, alumno de 1º, recita a Juan Ramón Jiménez
Zoé, alumna de 2º, recita a Rosalía de Castro.

Aquí podedes escoitar un programa de radio monográfico sobre esta data, emitido coma sempre no espazo dos venres de O Son da Biblioteca.

Se queredes coñecer mellor a obra de Rosalía, vide á biblioteca  buscar algúns dos seus libros ou discos que conteñen poemas musicados ou recitados por diferentes autores.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega organiza nesta data unha lectura simultánea de textos rosalianos en moi diversos lugares de Galicia. Animámosvos a participar nalgún destes eventos para coñecer aínda mellor a súa obra.

Podedes ver imaxes e datos sobre a súa vida e obra nesta presentación elaborada polos compañeiros dunha biblioteca de Santiago, aos que agradecemos por compartila con todos.

Tamén podedes ver o que fixemos o ano pasado.

Día Escolar da Paz, 2011

O 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar da Paz que se vén conmemorando desde hai máis de vinte anos para homenaxear ao pacifista Mahatma Gandhi.

Un ano máis queremos animarvos a todos a reflexionar sobre este tema e, nesta ocasión, relacionando a idea da PAZ á do AMOR, conceptos moi estreitamente relacionados.

Convidámosvos a todos a participar nas actividades que vos propoñemos desde as aulas ou desde a biblioteca. Os traballos (poemas pacifistas ou amorosos, declaracións de amor, interpretación de símbolos representativos da paz...) serán expostos ou presentados directamente polos creadores dos mesmos na semana do 7 ao 11 de febreiro.

Se queredes informarvos máis sobre esta data, podedes ver esta presentación elaborada pola Biblioteca Escolar do IES de Curtis sobre  Premios Nobel da Paz

A continuación, unhas fotos que recollen os vosos traballos:

Día Escolar das Matemáticas

O día 12 de maio celébrase o Día Escolar das Matemáticas e a AGAPEMA, Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática, van celebrar unha feira matemática na Coruña o 15 de maio. Este ano o tema central será "A prensa e as matemáticas".

Por se non vos animades a visitar esa feira, deixámosvos aquí un vídeo moi ilustrativo onde se relacionan as matemáticas coa natureza:

 

Día das Letras Galegas 2010: Uxío Novoneyra

Como sabedes, a Real Academia Galega escolleu o poeta Uxío Novoneyra para renderlle homenaxe no Día das Letras Galegas do 2010. Con ánimo de que o coñezades un chisco máis, recomendamos estas páxinas:

  • A páxina do propio autor.
  • A recompilación elaborada pola Coordinadora Galega de EDNL, traballo inmenso que podemos aproveitar desde moitos puntos de vista: vídeos de poemas recitados polo propio Uxío Novoneyra, estudos sobre a súa obra, webquest para traballar a súa obra, fotos do Caurel... un eito de recursos que poñen solidariamente á nosa disposición.
  • Calendario do 2010 elaborado con imaxes e textos moi representativos do autor.

Ademais de outras actividades que vaiamos realizando ao longo de todo este mes de maio, queremos presentarvos un díptico sobre o autor, coa finalidade de que o coñezades un chisco máis.

Queremos lembrarvos que o 4 de maio, durante a celebración das Xornadas Culturais, María Inés Cuadrado, artista do grupo A xente das palabras, acompañada do músico Manu Clavijo, ofreceranos un recital-concerto inspirado nos textos de Uxío Novoneyra.

E finalmente, recomendamos este delicioso traballo que elaboraron no IES da Arzúa e que comparten con nós (grazas Marina!). Nel fan unha homenaxe a Novoneyra desde o punto de vista da flora do Courel. Ogallá gocedes del e aprendades tanto coma nós.

Deixamos aquí un vídeo onde escoitamos un dos seus poemas sociais máis coñecidos: "Letanía de Galicia" :

 

23 de abril, Día Internacional do Libro

Un ano máis celebramos o Día do Libro, conmemoración que botou a andar a UNESCO no ano 1995 coa idea de promocionar a lectura e a defensa dos dereitos de autor. Escolleuse esta data pola coincidencia de ser a data da morte de Cervantes, de Shakespeare e de Garcilaso de la Vega.

Este ano ímolo celebrar dun xeito moi especial dado que participamos nunha actividade de traballo colaborativo e compartido con máis de 100 bibliotecas escolares. 

A iniciativa xurdiu no Club de Lectura Virtual de Implicadas, chegounos a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares e moitos centros de toda Galicia decidimos participar nela.  

Tratábase de responder á pregunta Para que les? en non máis de 140 caracteresAo blog de Implicadas foron chegando as respostas e, coa autorización dos participantes, fóronse recompilando e maquetando nuns carteis deseñados polo arquitecto, debuxante e ilustrador Jaime Eizaguirre Santillán a quen agradecemos o seu xeneroso traballo.

Feito o traballo é a hora de exhibilo nos centros, nunha exposición de carteis que pretende facernos reflexionar a cada un de nós sobre o feito de por que a xente le. Queremos expoñela para compartir todo este traballo e para xerar debate sobre a lectura partindo das opinións de xente moito ou pouco coñecida.

Día Internacional do Libro infantil e xuvenil

O día 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e, aínda que cadra durante as vacacións, é unha data que queremos destacar especialmente desde a biblioteca. Sabedes que grande parte do noso catálogo contén este tipo de fondos e sempre atoparedes algún libro que vos estea esperando. Na páxina da Asesoría de Bibliotecas podedes ver máis información, así como o cartel.

8 de marzo, Día da Muller Traballadora

Un ano máis queremos chamar a atención sobre o Día da Muller Traballadora e para conmemorala estamos preparando uns materiais que serán proxectados na biblioteca, durante os recreos. Comezaremos o luns 8 e remataremos o xoves 11. Tamén colgamos uns carteis polos corredores alusivos a esta efeméride para que vaiades coñecendo máis datos sobre esta data.

Un dos materiais que usaremos é o elaborado polo Colectivo 8 de Marzo do IES Pontepedriña de Santiago, a quen agradecemos o seu traballo e o dereito a usalo.

Para ir abrindo boca, presentámosvos xa unha selección de poemas de Marica Campo dedicados a distintas mulleres.
E para animarvos un chisco máis, aí vos presentamos un vídeo sobre mulleres no cine:

 

Ou este outro sobre mulleres matemáticas:

 

 

Animávosvos a todos a vir e a informarvos sobre a situación das mulleres ao longo da historia!

Distribuir contido


by Dr. Radut