FITOFALADOIRO

Enviado por admin o Xov, 16/06/2022 - 20:09

 

Durante este curso 2021-2022 o noso centro participou no proxecto Fitofaladoiro Ons, incluído dentro do Plan Proxecta, cuxo obxectivo principal consistiu en facer unha labor de investigación sobre o tipo de vexetación da nosa contorna máis próxima. O ámbito familiar e veciñal foi unha das principais fontes de información acerca dos nomes e diferentes usos das plantas, que os propios rapaces e rapazas rexistraron nun herbario. A concienciación da importancia de preservar o noso patrimonio e do proveito da memoria colectiva así como o fomento do uso do galego, foron outros dos obxectivos que promoveron as actividades incluídas no proxecto.

     Na web do FITOFALADOIRO ONS recóllense os resultados deste traballo no que, ademais da Biblioteca, participaron os departamentos de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Lingua e Literatura Galega, Educación Física e Debuxo.

Normativa de avaliación e promoción para o curso 2021/2022

Enviado por Secretaría o Lun, 09/05/2022 - 06:01

Co fin de garantir o dereito do alumnado a que o seu rendemento se valore consonte criterios de plena obxectividade, publícanse os criterios de promoción e os criterios de titulación que resultarán de aplicación no curso 2021-2022.

De acordo coa disposición transitoria cuarta da ORDE do 25 de xaneiro de 2022 pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no sistema educativo de Galicia (DOG Núm. 29 do 11 de febreiro de 2022).

Consulte o arquivo anexo.

( categories: )

Xornada de fútbol

Enviado por admin o Xov, 28/04/2022 - 06:15

Alumnado admitido para o curso 2022/2023

Enviado por Secretaría o Lun, 25/04/2022 - 05:24

Comunicamos que foi admitido todo o alumnado que presentou a solicitude de admisión para a ESO para o vindeiro curso 2022/2023.

A listaxe provisional de admitidos pode consultarse no taboleiro de anuncios da Secretaría do centro ou a través da aplicación https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado empregando, neste caso, a Chave365 ou certificado dixital.

Contra esta listaxe pode interpoñerse reclamación na secretaría do centro do 25 de abril ata o 29 de abril incluído.

 De non haber reclamacións, esta listaxe pasará a ser definitiva. A impugnaión desta lista definitiva poderase realizar mediante recurso de alzada ante a Xefatura Territorial de Pontevedea da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

( categories: )

EXPLORANDO OS MUNDOS VIRTUAIS

Enviado por soniarosales o Xov, 20/01/2022 - 12:54

PROXECTO D'TEC: "EXPLORANDO OS MUNDOS VIRTUAIS"           CIS Tecnoloxía e Deseño – innovar es crecer

As tecnólogas e tecnólogos de 4ºESO achegarónse á realidade aumentada (AR) e á realidade virtual (VR) grazas á participación no proxecto educativo "Explorando os mundos virtuais" desenvolvido polo CIS de Ferrol.

Foi un proxecto eminentemente práctico, no que o alumnado pasou de ser usuario a ser creador. Familiarizámonos con moitas aplicacións e a plataforma Cospaces foi a principal protagonista do proxecto.
O CIS cedeunos un kit composto por licenzas de programas, lentes VR para integrar os móbiles, camisetas e Merge Cubes.

O alumnado foi quen de crear un mundo espacial, unha peceira, unha casa chea de vida, unha visita virtual a distintos espazos do instituto ou de facer un Book Report dun dos seus libros favoritos empregando ferramentas de AR e VR. 

 @Xunta @galiciacrece @axenciaGAIN #programaDtec #MundosVirtuais

( categories: )

Conferencia "La inteligencia artificial no es ciencia ficción"

Enviado por soniarosales o Xov, 09/12/2021 - 16:34

O alumnado de 4º ESO asistiu, o xoves 9 de decembro, á charla “La inteligencia artificial no es ciencia ficción" no salón de actos do instituto, impartida por Amparo Alonso Betanzos, catedrática da Área de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de A Coruña, coordinadora do grupo LIDI (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) e presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial.

Da colaboración entre a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra xurde a II Edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos. Neste ciclo de conferencias nos centros de ensino, que pretenden difundir ciencia e tecnoloxía, abórdanse distintas temáticas con repercusión na sociedade, ademais de promover o enorme traballo científico levado a cabo en Galicia. 

 

( categories: )

Visita Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro.

Enviado por admin o Mér, 13/10/2021 - 04:29

 

Saída ao Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro.
Alumnado de 1º da ESO.

  • Obradoiro 1 sobre a metade silenciada: As mulleres na Prehistoria.
  • Obradoiro 2 sobre a caza na Prehistoria.
  • Visita á reconstrución dun poboado da Idade dos Metais.
  • Visita aos petróglifos que se conservan na contorna do parque.
  • Roteiro.


Profesorado acompañante: Diana,Toño e máis Olalla.

( categories: )

A HORTA DO INSTITUTO

Enviado por admin o Mar, 07/09/2021 - 10:49

Hoxe martes 7 de setembro de 2021 fixemos a 3ª entrega de produtos da horta ao Comedor Social de Cangas.

En total entregamos 72,3 Kg de calabacíns, 101 kg de cabazas, 5 kg de tomates, 10 kg de pexegos e 1kg de pementos.

Seguimos producindo. Parabéns ó alumnado que traballou arreo na plantación e mantemento da horta durante o curso escolar.

 

 

ACTIVIDADES REMATE DO CURSO ESCOLAR.

Enviado por admin o Xov, 17/06/2021 - 17:21

Proxecto #SonMonte

Enviado por admin o Dom, 02/05/2021 - 12:32

 Desde a Biblioteca queremos compartir convosco "SonMonte". O monte na memoria colectiva e #SonMonte. E ti que pintas no monte?, dúas creacións audiovisuais realizadas no noso centro co alumnado de 1º ESO, que resumen un fermoso proxecto interdisciplinar, artellado a partir da valorización do monte como patrimonio cultural.

    Para levalo a cabo, os departamentos de Xeografía e Historia, Bioloxía e Xeoloxía e Educación Plástica Visual e Audiovisual, coa colaboración do equipo da Biblioteca, Dinamización Lingüística, a dirección e demais profesorado do centro, planificaron diferentes bloques de actividades que foron desenvolvidos ao longo dos dous primeiros trimestres do curso: #CantaroMonte, baseouse na procura e interpretación de cantigas populares galegas, #TocaroMonte centrouse na exploración e creación de sons da natureza, #PensaroMonte botou man de rutinas de pensamento coas que o alumnado creou lemas de concienciación social, #CoñeceroMonte focalizou as súas actividades na elaboración dun caderno de campo e en diferentes charlas científicas, #FotografaroMonte e #DebuxaroMonte procuraron o rexistro visual e a interpretación artística das formas e cores atopadas nos distintos roteiros realizados pola contorna.

     Con todo o material traballado elaboráronse as dúas creacións audiovisuais, #SonMonte. O monte na memoria colectiva, que deixa patente, fundamentalmente, o traballo feito coas fontes orais e a creación de sons da natureza e #SonMonte. E ti, que pintas no monte?, unha animación a modo de cadáver exquisito, na que se reflicte o traballo feito polo alumnado nos cadernos de campo.

     Agardamos que vos gusten!

https://youtu.be/yeDX8J1UkYI  ( PREMA NA LIGAZÓN PARA VISUALIZAR O VIDEO)

https://youtu.be/llu23UQoUnY  ( PREMA NA LIGAZÓN PARA VISUALIZAR O VIDEO)

 Para a realización deste proxecto, os departamentos implicados contaron coa colaboración de moita xente que aportou información, letras de cantigas, gravacións... A Martiño Malleiro, Teresa Domínguez Domínguez, Felicitas San León Martín, Jesús Rodríguez Rodríguez, Francisco Abollado Fernández, Ana Justo e a todos os familiares do noso alumnado, queremos agradecer a súa xenerosidade polas achegas que fixeron posible este traballo.

Distribuir contido