Lingua galega e literatura

INFORMACIÓN BÁSICA DA PROGRAMACIÓN DE LINGUA GALEGA 2020/2021

Enviado por admin o Dom, 25/10/2020 - 19:13

PREMA NO ADXUNTO PARA ACCEDER.

Decálogos para unha alimentación saudábel

Enviado por Anónimo o Ven, 05/06/2020 - 08:22

Bueu, 5 de xuño de 2020. Texto prescritivo ou como elaborar un decálogo...

Eis vos presentamos dous modelos de cartaces e mais un vídeo elaborados por alumnas de 4º de ESO (Antía, Diana e Marta), en que nos recomendan como levar a cabo unha alimentación saudábel. De seguro que se seguimos as súas recomendacións recuperaremos a figura previa ao confinamento. Ánimo!!!

 

 

 

 

 

ADAPTACIÓN DA PROGRAMACIÓN DE LINGUA GALEGA. ADAPTACIÓN DE PORTUGUÉS.

Enviado por admin o Mar, 12/05/2020 - 05:00

PREMA NOS ADXUNTOS PARA ACCEDER.

Inauguración do programa "21 Días co Galego e +"

Enviado por Anónimo o Mar, 25/02/2020 - 13:28

Bueu, 13 de xaneiro de 2020.

O IES Illa de Ons foi un dos dez centros seleccionados en toda Galiza para participar no exitoso programa "21 Días co Galego e +", un proxecto creado hai varios anos pola profa Pilar Ponte e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ao longo de 21 días propuxémonos dende o noso instituto falar e desenvolvernos máis na nosa lingua en base a unha serie de retos e reflexións persoais. Se temos en conta o número de vídeos e colaboracións enviadas polo alumnado cómpre dicir que foi un éxito extraordinario e que deixou unha magnífica sensación en todos nós. Na xornada inaugural, ademais de ver os vídeos creados polo noso centro, repartimos chapas e camisetas do programa e formamos as siglas 21D.

 

Construíndo o noso propio mapa do patrimonio de Bueu en 2020

Enviado por Anónimo o Mar, 25/02/2020 - 09:24

Bueu, 26 de outubro de 2019.

Iniciamos un novo curso e con el comezamos unha nova proposta para construír o noso propio mapa do patrimonio de Bueu. Trátase dun mapa-guía que recollerá algúns dos principais elementos do patrimonio histórico, cultural e natural do noso concello. A primeira das visitas a diversos elementos patrimoniais realizouse o pasado 25 de outubro, en xornada de mañá. Nela, ademais do percorrer as beiras do río Bispo, visitamos o monumento ao poeta Johán Carballeira, algunhas casas singulares da fronte marítima bueusa e o estaleiro de embarcacións tradicionais de Purro.

 

 

Un agasallo. Un libro.

Enviado por admin o Lun, 25/11/2019 - 08:30

 

 

Descubrindo o Sendeiro Litoral de Bueu

Enviado por Anónimo o Xov, 11/04/2019 - 15:05
11/04/2019 18:48
Etc/GMT+1

 

Bueu, 11 de abril de 2019. O alumnado de 1º de ESO do IES Illa de Ons de Bueu participou hoxe nunha actividade de educación medioambiental ao longo de toda a mañá, percorrendo o Sendeiro Litoral de Bueu e descubrindo algúns dos seus fabulosos tesouros.

A actividade iniciámola na praia de Agrelo, onde realizamos observacións e medicións na zona intermareal, a duna e a vexetación propia deste hábitat, así como fomos descubrindo algunhas das características dos seres vivos que o habitan. A continuación, e despois de merendar, todos nos diriximos á zona de Pescadoira e logo ao Museo Massó, onde asistimos á proxección dun vídeo e a unha visita guiada. Finalmente, xa na praia da Banda do Río, realizamos unha recollida e identificación de residuos de orixe humana, que logo foron depositados en colectores de lixo. Foron máis de seis quilómetros e medio, toda unha maratón...

Quedounos moito por ver e por facer, así que haberá que repetir!!!

(Redacción: Xoán, lingua galega; Fotos: Anxo, lingua galega; e José Almendral)

 

 

 

 

 

 

 

Charla do colectivo LGTB sobre orientación sexual no IES Illa de Ons

Enviado por Anónimo o Ven, 08/03/2019 - 09:54

Bueu, 11 de febreiro de 2019. O luns pola tarde todo o alumnado do noso centro reuniuse no pavillón para recibir unha charla sobre orientación sexual ofrecida polo colectivo LGBT do IES Politécnico de Vigo. Nela participou a profesora Ana, quen deu clases no Illa de Ons hai uns anos, e por catro rapazas e rapaces que representan a este colectivo no devandito centro educativo.

 

A charla comezou cunha explicación do funcionamento e da finalidade deste grupo, seguida das experiencias propias dos alumnos e alumnas convidados, algo que en xeral espertou o interese da maior parte do alumnado asistente. Descubrimos que todos os anos organizan unha xornada para que aqueles que queiran poidan "saír do armario" dunha forma lúdica e divertida, sen ningún tipo de traumas. Ademais, informáronnos sobre o local que teñen para atender ás posibles vítimas. Para finalizar, os nosos estudantes tiveron un tempo para dúbidas e preguntas, tras o que marcharon para casa con moita máis información sobre este colectivo.

 

 

Paula Fernández Cruz

Sara Soliño Iglesias

3ºA

8 de marzo, Día da Muller

Enviado por Anónimo o Ven, 08/03/2019 - 09:27

No Día da Muller o mundo reivindica que os dereitos humanos son tanto para o sexo masculino como para o feminino, de forma que exista igualdade.

Para a concienciación das persoas é necesario informar e educar, por iso no instituto puidemos ver uns documentais sobre problemas relacionados coa liberdade das mulleres en países como Kenia e a India, e debatemos sobre todos estes aspectos. Aínda que tampouco hai que irse moi lonxe para ver que moitos destes problemas tamén os sufrimos aquí, na nosa terra...

Denunciamos que...

nas tribos dos Masai, en África, a maioría das mulleres son sometidas á mutilación xenital a unha temperá idade para despois ser casadas contra a súa vontade con homes moito máis maiores. Esta práctica provoca infeccións, baixa autoestima, traumas e ata mortes. Por sorte, hai leis, como a aprobada pola Unión Africana en 2016, e organizacións que traballan para solucionar este problema.

 

Denunciamos que...

Na India o problema é tamén grave, porque a existencia de temas tabú coma a menstruación, dificulta a comprensión dos problemas femininos dado que non son discutidos cos homes, quen exercen coma xefes desa sociedade. Debido a este problema, as mulleres teñen limitacións como non poder ir a escola por medo ás mofas, teñen prohibida a entrada aos templos, etc. Afortunadamente, nas vilas con menos recursos están a implantarse máquinas para fabricar compresas e facerlle a vida máis doada ás mulleres.

 



Carmen Comedeiro, Iris Fandiño e Sara Soliño
3ºA

 

"O 8 de marzo lévanse a cabo saídas multitudinarias por todo o mundo, para celebrar os logros das mulleres e tamén para recoñecer a desigualdade de xénero e intentar acabar con ela. As mulleres tamén loitan noutras partes do mundo contra as agresións, coma a abolición da mutilación xenital feminina. Isto ocorre nunha gran parte de África, mais especialmente na tribo dos Masais. Contabilízase que xa a
sufriron unhas 200 millóns de nenas e mulleres.

Como poderiamos acabar con isto: con campañas de información, coa educación e cun apoio legal... E mobilizándonos!!!"

 

Álvaro Entenza

Brais Parada

(4ºC)

 

Homenaxeando a Rosalía...

Enviado por Anónimo o Mér, 06/03/2019 - 14:58

O alumnado de 3ºA, mediante un recital de poemas e textos da autora, e o alumnado de 4ºC, coa realización dun vídeo creado na aula Chroma, homenaxean á autora máis importante da nosa literatura galega e a autora romántica por excelencia.

Bueu, 25 de febreiro de 2019. Redacción.

Ademais dos textos lidos polas alumnas e alumnos de 3ºA, aproveitamos a xornada para reivindicar a figura de Rosalía lendo o manifesto que publicou Ana Romaní para a AELG e que vos reproducidos a continuación. Máis abaixo, engadimos o enlace ao vídeo protagonizado polo alumnado de 4º C.

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2019

*Manifesta que escribe, escribe, escribe. E a escritura é unha acción.

*Manifesto eu que escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude. Libre o seu pensamento

*Manifesta o poema

o espolio                     dunha perenne miseria,

as violacións                a roupa de cote puñéronma en tiras,

a inxustiza social          sin abrigo tembra,

os desafiuzamentos      embargaránnos todo,

o abuso laboral            que se amargo pan vos ganan / dádesllo envolto en veneno

os éxodos                    en errantes hordas.

Do XIX ao XXI

*Manifesto eu que un poema con palabras da lingua que eu falo –que non é aquela que bastardean nas mais ilustradisimas provincias– aínda hoxe é un Manifesto. A miña infeliz patria tan desventurada

*Aqués que tén fama de honrados na vila. Galicia. Ano 2017. 82 agresións sexuais

raposos de sangre maldita. Galicia. Ano 2017. 6436 denuncias por violencia de xénero

vendéume a xusticia. manda, manda, manda, fato, rabaño

Dun golpe!

                                – Manifesta acción o poema

*Na xa vella baranda un corpo fala. Arrima o seu seo e no frío da reixa tatúa incisións. Traspasa as nosas carnes.

*Estas migallas de liberdade. Alertou. Tenteamos nós compracentes os rostros que nos cegan.

*Aquelas escuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre ignorados. – Manifesta que existen

*De humanos seres a compauta linea polas fronteiras pechadas en columnas nómades, en fronte o arame.

Do XIX ao XXI

*Escrito en medio de todos-los desterros. Manifesta que sabe que non a escoitan

*Do meu dor sin igual i a miña afrenta traidora se mofaban. Prende o computador, algún dispositivo. Ladran.

*Manifesta que o poema é o lugar onde a voz afía a sombra.

*Indóciles nos camiños desertos eses versos.

*Cantos de independencia e liberdade. Manifesto.

*Acción que se inunda e anega. Cantarte hei

Ana Romaní

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#LibreOMeuPensamento_rdc_19

 

Alumnado participante na lectura pública:

Paula Fernández

Carla Moital

Antía Novas

Diana Ogando

Alejandro Pérez

Alba Porto

Sara Soliño

Sheila Verde

 

A seguir, amosamos o vídeo creado polo alumnado de 4º C na Aula Chroma do noso instituto en homenaxe á nosa grande autora:

 

Distribuir contido