IES EDUARDO PONDAL

Artigos

Entrega do Premio Cervantes a Ana Mª Matute

Hoxe celébrase a entrega do Premio Cervantes á extraordinaria escritora Ana Mª Matute, de 85 anos. Curiosamente desde a instauración dos premios só foron agraciadas dúas escritoras antes ca ela e esta barcelonesa pertencente á xeración dos "nenos asombrados" da posguerra é sobreiramente merecedora de tan prezado galardón pola imaxinación e compromiso social reflectidos nas súas novelas, así como a súa capacidade de conmover ao lector. Entre a súa produción literaria atopamos contos para nenos, relato curto e inesquecibles novelas como Olvidado Rey Gudú, Aranmanoth, La torre vigía, Los soldados lloran de noche, La Trampa e a última Paraíso inhabitado.
Aquí podedes ver unha pequena entrevista que lle fixeron hai uns días preguntándolle sobre o premio e outras cuestións.


23 de abril: Día Internacional do Libro

Ao longo do ano temos unha chea de celebracións e efemérides que moitas veces non sabemos moi ben de onde proceden, pois ben, neste DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO que con tanto fervor celebra o conxunto do mundo cultural vimos de conmemorar a morte -o 23 de abril de 1616- de os dous escritores máis grandes da literatura universal: Miguel de Cervantes e William Shakespeare, xunto co Inca Garcilaso de la Vega, pero por se fora pouco tamén nesa data naceron ou morreron escritores da talla de Nabokov ou Josep Pla .

Por este motivo un organismo tan importante como a UNESCOescolleu esta data en 1995 para “render unha homenaxe mundial ao libro e aos seus autores e para alentar a todos, especialmente aos máis novos adescubrir o pracer da lectura e respectar a insubstituíble contribución dos creadores ao progreso social e cultural”. Temos que dicir que xa en España en 1926 Alfonso XIII asinou un decreto no que se creaba oficialmente a Festa do Libro Español ,en outubro, pero foi en 1930 cando se instaura definitivamente a actual data como Día do Libro , tradición que rapidamente colleu pulo en Cataluña grazas á coincidencia co día do seu santo Patrón coñecido como a Diada de Sant Jordi.

Esta data tamén é a elixida para celebrar a entrega anual dos Premios Cervantes, o máis importante galardón para as letras hispanas, e nós , a parte de con este artigo, queremos contribuír cunha sorpresa á volta de vacacións de Semana Santa.Non deixedes de pasar pola biblioteca en calquera dos recreos da semana do 26 ao 29.

Felices Letras!!!!

Paisaxes de ensono. Paisaxes do soño

 

 Dicir “ Europa “ evoca o fume das chemineas das fábricas e o formigueo de vehículos e xentes carrexando dun lado a outro … Malia isto, Europa conserva, milagreiramente, oasis de natureza salvaxe, onde peneiran o aire o avelaiona de Lapón e o mascato atlántico ; entrecruzan os cornos os bisontes polacos ou axexa, agochado, o lince ibérico ... patrimonio do noso continente, tan valioso como os roteiros románicos do Camiño de Santiago ou o percorrido polo barroco/rococó do Danubio ...

  Outra paisaxe de ensono é o remoto Tíbet, onde, fai dúas xeracións, milleiros de porteadores dobrábanse baixo os cento quince quilos de pacas de té ( o ouro verde da época ), escalonándose no seu descenso por vertixinosos barrancos, ó xeito do monumental palacio branco e vermello do Dalai Lama : o Potala, en Lhasa. Os monxes budistas apuraban as tazas daquel líquido fumegante, mesturado con sal e manteiga de yak, para loitar contra o soño e meditar …

  Ó revés que os lamas, os afectados polo mal xenético do Insomnio Fatal Familiar morren de cansazo a unha idade mediana … E, falando de soño, os científicos cartográfannos a paisaxe do mesmo a través de nenos e adolescentes.

  Xa que estamos … ide á Biblio e lede o número de Nacional Geographic (maio) sobre estes e outros temas interesantes … pero, por favor, non vos durmades nos pufs, eh?

 

A auténtica caixa de caudais

 
As guerras actuais en Oriente Próximo teñen a súa orixe non na ameaza da enersía nuclear (como se tratou de vendernos) senón na cobiza polos combustibles físiles... Nun futuro - tan preto de nós que xa está aí - a Humanidade forcexeará desesperadamente polo caudal máis valioso: a posesión da auga.

A auga é fonte de vida espirirutal en moitas culturas e fonte de mera superviviencia en todas. A auga é, a maiores, o reloxio que marca implacablemente o tempo de moitas vidas: namentres uns poucos milleiros de estadounidense pasean de vagar polos seus campos de golf (regados por 7.800 litros diarios), varios millóns de mulleres dos países desherdados da Terra percorren ata seis quilómetros para encher a súa cántara e administrala avaramente entre a súa familia e o seu gando.A auga é a medida do abismo económico entre os seres humanos: co que gasta - simplemente abrindo a billa - un norteamericano ó día, teñen que apañarse vinte africanos, en colas ante fondos pozos, rifando ás veces mortalmente. O número de abril de National Geographic invita a humedecer solidariamente a nosa reseca e agretada couraza de egoísmo privilexiado.

Ah ... ¡E non aproveites a ocasión para levar un refresco á biblioteca! ¡Bebe na cantina!

 

¡Sede! fonte de creación artística... ¡Sede! engado mortal

 
 

O deserto ao sur do Perú era, hai 1.500 anos, un fértil oasis... con data de caducidade. Os indios paracas sabíanno. Os nasca tamén. Para atraer a escasa choiva rabuñaron aquela árida epiderme e deseñaron  unha das máis engaiolantes topografías que alimentaron durante o século  pasado a imaxinación dos occidentais ( a imaxinación non é máis que outra sede insaciable...)

  Os insectos debecen polo zume que lles ofrecen uns tentáculos iazucreiros... Esa é a súa perdición.: as súas tripas transmútanse en saiva alimentaria das súas caníbales anfitrionas...

 Sabedes que está prohibido levar bebidas á biblioteca... ¡pero podedes refescar a vosa curiosidade científica simplemente botándolle unha ollada ao exemplar de marzo de National Geographic!

 

¡Á vosa saúde e bo grolo!

Distribuir contido