Visita a Ourense e Trasalba


          O martes, 7 de marzo, un grupo de cincuenta e catro estudantes de 2º de bacharelato do IES Castelao, acompañados de 3 profesores dos departamentos didácticos de Lingua Galega e Lingua Castelá,  fomos de excursión a Ourense e a Trasalba para realizarmos o roteiro d’A esmorga, na cidade das Burgas, e visitarmos a casa museo de Otero Pedrayo no lugar de Cima de Vila en Trasalba, concello de Amoeiro.

[Clica aquí para seguir lendo]
          Aínda que o tempo non acompañou moito, sobre todo no momento da partida ás 9:15h, a visita resultou proveitosa e interesante, pois tivemos ocasión de facer un percorrido pola parte vella da capital ourensá e recoñecer in situ algunhas das localizacións de certos episodios da novela de Blanco Amor. Posteriormente, dirixímonos á casa familiar de Otero Pedrayo e puidemos visitar a que foi a súa vivenda e mais as dependencias anexas guiados amablemente pola encargada dese mester, que nos foi dando informacións puntuais sobre as pezas e os obxectos da casa. Tamén puidemos comprobar que, infelizmente, o estado de conservación do xardín e do antigo lagar non son os idóneos e que se nota a falta de recursos necesarios para manter convenientemente un lugar que debería ser un centro cultural, de estudo e de ocio referencial, así como visita obrigada de todos os escolares do noso país.
          Rematada a visita á casa de Otero Pedrayo, retomamos o autobús que nos trouxo de volta ao centro arredor das 15h., momento no que culminaría esta actividade que nos facilitou unha xornada lectiva diferente, mais igualmente produtiva.