CURSO DE CAPACITACIÓN DIXITAL PARA PERSOAS ADULTAS

O IES Castelao foi habilitado pola Xunta de Galicia coma un dos centros de educación para persoas adultas co obxectivo de facilitar a capacitación dixital. Este programa permitirá á cidadanía formarse en competencias dixitais transversais necesarias para desenvolverse de forma cotiá nunha sociedade cada vez máis dixitalizada, na que servizos esenciais, tales como a banca, o acceso ás administracións públicas ou o consumo se realizan de forma telemática.

Con esta medida, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades pretende impulsar as actuacións que levan a cabo os centros que imparten educación de persoas adultas, ao tempo que se cumpre o establecido na Estratexia Edudixital 2030, que ten como eixo segundo a mellora das competencias dixitais da cidadanía no ámbito das súas competencias.

As actividades irán dirixidas, preferentemente, ás persoas maiores de 55 anos cun nivel baixo de cualificación neste eido, atendendo especialmente a fenda de xénero á poboación vulnerable e ás zonas rurais.

Deste xeito, as persoas que non estean recibindo formación no sistema educativo regrado poderán participar neste programa. A primeira das iniciativas será a formación dun curso de 30h de duración, na que se ofrecerá unha competencia dixital básica. A actividade está financiada polo Fondo Social Europeo, polo que é de balde. Ao remate entregarase un certificado de asistencia e aproveitamento, co que se poderán acreditar unidades de competencia de cualificación profesional. 

A actividade terá lugar nas instalacións do IES e contarase con todo o material preciso para levalas a cabo. Os grupos serán reducidos e o alumnado terá unha atención personalizada. O curso desenvolverase dende o 18 de setembro ata o 16 de novembro de 2023. 

Os horarios previstos (*son susceptibles de ser modificados en función das necesidades dos participantes) son: 

  • Luns de 18:30 a 20:30 e mércores de 17:00 a 19:00
  • Martes e xoves de 17:00 a 19:00
A inscrición realizarase a través do seguinte formulario. Tamén se pode facer de forma presencial na secretaría do IES ou chamando ao 886 11 11 11.
 
O prazo para inscribirse remata o 8 de setembro de 2023.