BAILANDO COAS FILLAS DE CASSANDRA E MAIS O MONDRA

 

Para poñer punto e final á exposición cantáMOLA en galego e como unha das actividades para pechar o curso, o luns 19 de xuño María (a metade das Fillas de Cassandra) e mais o Mondra visitaron o instituto. A pesar do día gris que estaba, ambos os artistas puxeron cor e música para facer desfrutar a toda a comunidade educativa do IES Castelao.

 

O encontro comezou cun coloquio en que contaron como xurdiron os seus proxectos. Foi curioso saber que o Mondra nace dun Traballo de Final de Grao e que as Fillas se coñeceron nunha manifestación feminista; logo de improvisar un tema xuntas lanzáronse á música. Son todos eles artistas novos que están no mainstring galego, enchendo festivais, salas de música e concertos. Con todo, saben das limitacións que o público lles ofrece e María asegurou vivir “nunha burbulla”. “O galego mola” concluíu o Mondra para animar á mocidade a falar, escoitar música e ler en galego. Como parte do noso, hai que coidalo e valoralo.

 

Non marcharon sen facernos bailar. Comezaron coa última colaboración conxunta “Punheta” que rompeu o xeo para un público expectante. Logo, a seguir o Mondra pediu a participación da rapazada para cantar xuntos “Beixos de LK”; María fixo o mesmo co seu tema íntimo “Eco”. Mais a festa estourou co temazo das Fillas que cantaron para pechar o concerto “Lisístrata. Varre vasoira”. O público púxose en pé e deuno todo ata pedir outra.

 

Foi unha visita ben motivadora e por iso non puideron marchar sen recibir a insignia do IES; uns Castelaos que entregaron alumnas fans dos grupos.

Álbum: Curso 2022/2023 -> Mondra e Fillas