Xavier Queipo visita o IES Castelao

O pasado 10 de maio visitou o noso centro o escritor Xavier Queipo para falar e compartir experiencias co alumnado da quenda de adultos. 
 
Primeiramente tivo un encontro co grupo que en breves datas participará no proxecto Erasmus, quen tivo a oportunidade de conversar sobre diferentes cuestións relacionadas coas políticas e institucións europeas, así como as localidades onde teñen as súas sedes –obxecto preferente da próxima viaxe–, ben coñecidas por Xavier, pois nelas exerceu como funcionario de nivel medio-alto durante a súa vida laboral.
 
A información de primeira man da que dispón o noso convidado sobre estas institucións, xunto coa súa condición de escritor e científico, deu pé a que a conversa resultase certamente enriquecedora para as persoas que tiveron a ocasión de entrevistalo.
 
En segundo lugar, Xavier Queipo disertou perante todo o alumnado da quenda de adultos sobre diversos aspectos políticos, culturais e lingüísticos relacionados coa UE, desde as súas orixes ata a actualidade. Atendeu amablemente ás preguntas que a concorrencia lle dirixiu e o resultado foi unha sesión diferente, amena e chea de informacións e coñecemento que colmou as expectativas do público presente. 

Álbum: Curso 2022/2023 -> Queipo Xavier