Erros e tánatos

O grupo de lectura de 1º Bacharelato A e B leu no mes de abril  o libro de relatos de Gonzalo Navaza Erros e tánatos.

Ao alumnado xa lles chamou a atención o tan suxerente e enigmático título. Na mitoloxía grega, Eros era o deus do amor e Tánatos o da morte. Xuntos e contrapostos  conforman os dous instintos básicos do ser humano. Neste libro o autor xoga cos termos Eros e Erros, algo que lle pareceu moi orixinal a Irene, e que responde ao feito de que na maioría dos relatos hai erros que levan a tánatos.

 A Xoel, Ainhoa e Bárbara gustoulles o xiro dramático, ás veces, pero sempre sorprendente que teñen os relatos ao final. Tamén ese humor e ironía que presentan, e que desdramatizan as historias, é algo a destacar e que fai o libro moi atraente.

Hugo cre que todos os relatos conseguen manter ao lector pendente dos acontecementos, especulando sobre o que poida ser o seguinte acto das personaxes e imaxinando posibles desenlaces, aínda que á fin e ao cabo a retranca que vén anunciada xa dende o título do libro acaba impoñéndose. Destaca, ademais, que o feito de que sexa unha obra narrativa estruturada en relatos fai que poidamos interpretalos coma partículas separadas entre si pero con elementos comúns, o que contribúe tamén a que a lectura sexa máis interesada.