A Velliña vella

 

 A Velliña Vella    Vicente Risco

“A Velliña Vella”  é un relato escrito polo ourensán Vicente Risco publicado en 1925 na revista Céltiga, de Bos Aires. Pertencente á Época e á Xeración Nós, na súa obra sempre había intención didáctica de cara a amosar os seus pensamentos filosóficos e políticos, neste texto máis que noutros.

 

O tema é a visión do escritor sobre os problemas que está a padecer Galicia nese momento e o desamparo no que se atopa. Aborda este asunto a través dunha vella, con características atribuíbeis á súa Galicia soñada, que lle expón os seus problemas a catro dos seus fillos (que somos todas e todos os galegos) e mais ao escudeiro Pai Soares, co que se atopa ao principio e á fin do relato.

 

Este primeiro e último é un celta agochado na historia do noso país que sae da súa cova (dolmen) co obxectivo de emprender a súa romaxe (peregrinación) cara á igrexa cristiá de Santo André de Teixido, o maior símbolo de peregrinación de Galicia despois da propia catedral de Santiago de Compostela, pois “a San Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo”.



O resto dos fillos que interveñen no texto son representantes das distintas clases sociais da época, se ben poden significar polo seu rol no sociedade aos ámbitos dende os que reivindicar e defender as ideas nacionalistas que Risco, en boa parte, fundou. Un avogado, do ámbito xurídico, que di non dispor de leis axeitadas que defendan á vella; un escritor, do ámbito cultural, que di que el escribe o que a xente quere e non sobre preocupacións que non teñen; un indiano retornado de América que promove co seu diñeiro numerosas obras e desenvolvemento en Galicia, dende o ámbito económico, que di que xa con iso que fai acada pregoar o seu nome e satisfacer á xente; e por último, un labrego, representante social da Galicia rural imperante neste tempo, que seica di comprender á vella, mais aclara que el non pode facer máis que preocuparse do seu e conclúe que a solución para a vella pasa por “un goberno que quitara os foros, que quitara os caciques, que quitara os trabucos (impostos)”, plasmando así as principais reivindicacións do nacionalismo galego en 1925.

 

Que problemas di ter a vella Galicia? Reclama a seus fillos (a sociedade galega) como seus, pois di que os mesmos veciños que viñeron e lle arrebataron todas as súas terras tamén trocaron de tal maneira aos seus fillos que xa nin os coñece.

Risco aproveita pois unha estrutura paralelística, que case semella a dun conto de intención didáctica cara a  un público infantil, tomando elementos populares da tradición oral e cun vocabulario sinxelo, para organizar as interaccións da vella cos seus fillos, tendo repetidas veces un diálogo no que se expón o problema  e os fillos dan a súa resposta. Ademais, tamén podemos dicir que sempre tendo en conta o simbolismo de todo o relato, ofrece unha narración circular, ao comezar coa vella atopándose co Pai Soares de camiño a Teixido, e ao rematar co Pai Soares de volta atopando á vella petando nun dolmen para espertar “aos que dormen debaixo o sono eterno”, en clara alusión ao glorioso pasado que pode ou debe volver para nós.

 

No resto dos aspectos literarios de “A Velliña vella” podemos destacar o emprego da terceira persoa narradora dos feitos e un léxico propio do galego hiperenxebrista non normativizado, promovido mormente polos autores de Nós, que plasmou nesta prosa directa, clara, aguda e sobria expresamente.

Tamén está caracterizado pola introdución de escenarios urbanos na narrativa galega, que ata agora permanecía no rural; se ben é certo que Risco combina ámbalas dúas cousas.

 

Interpretando o texto podemos ler entre liñas boa parte do pensamento de Vicente Risco.

O relato comeza xa facendo unha clara referencia á cristiandade de Galicia combinada co suposto bo pasado histórico celta. Estes dous elementos, expresados aquí en que o propio Pai Soares acode a  Santo André de Teixido porque se non, e como lle informa a vella, “non entrarás no ceo” e reforzados polo feito de que o celta bica os pés da vella Galicia en sinal de respecto (en contraposición aos galegos do presente da vella, que non fan máis que ignorala), son para Risco esenciais na sociedade galega e deste xeito trata de amosalo.

 

En base a estas dúas características, xunto á lingua propia, o carácter eminentemente rural da sociedade, e o tradicionalismo, Risco artella o que para el é a raza galega, cunha orixe étnica común co pobo celta, e así o expresa definindo á vella na liña 3 (“branca coma o luar”).

Neste sentido, olla para Irlanda con especial atención, ao ser un país de fondas conviccións católicas e pola loita vitoriosa contra o imperialismo inglés.

 

Tamén se expresan de xeito claro as súas ideas antimodernas, aludindo a que Galicia “coroa podía levar na testa”, mais na práctica semella que “o mundo principia unha nova vida” e “andan a crebar as vellas madeiras”. Nótase certo rexeitamento cara a todo o moderno, pois aí residen para el os problemas actuais de Galicia.

 

Estes problemas son sobradamente coñecidos (a vella de loito vai vestida), mais non semellan ser da preocupación dos galegos, pois para Risco sofren da colonización -ben sexa cultural, política ou ambas- por parte dos seus veciños españois “e trocaron de tal xeito aos meus fillos, que case non os coñezo, nin eles me coñecen a min” e denuncia o desamparo da terra galega ante a lei, a cultura, a economía e a sociedade.

 

Esta parte do relato pode ser interpretada, non sen razón, como unha reivindicación dos valores da lingua e a cultura galega ante a opresión española, e máis que iso, o coñecido como autoodio, que como sabemos pode ser traspasado á nosa actualidade. E digo pode tendo en conta o resto do perfil biográfico do escritor, que posteriormente chegou a comungar con ideas e réximes fascistas que, coma o actual presidente do Estado con certos pactos, non durmirían tranquilos se algunhas das ideas cara  a Galicia de Risco se levaran a cabo.

 

Aínda así, para solucionar isto, Risco pon na boca do labrego -representante da Galicia pura e verdadeira- tres conceptos sinxelos mais chave na ideoloxía do autor, que son a esixencia e estabelecemento dun goberno que quitase os foros (maioritariamente solucionado un ano despois grazas á lei de redención de foros de 1926), os caciques, e os tributos. Mais ante isto entra en xogo a crítica que fai cara aos labregos, plasmando no diálogo con este o clásico inmobilismo, indiferenza e particularismo da clase baixa galega, e na verba “trabucos” un toque de humorismo.

Deste mesmo xeito, fai unha crítica social ao conxunto da sociedade galega por non adherirse aos valores nacionalistas da época que el, entre outros, propugna, e especialmente notamos a súa teima cara aos indianos que estimulan a economía galega pero que non se preocupan (na maioría dos casos) polo nacionalismo.

 

Tamén é de destacar o afán colectivista de Galicia que igualmente se ve a través do labrego, na contra do individualismo influenciado de novo polo moderno (“neste mundo, cada un goberna a súa vida e procura do seu”). Achamos aquí unha idea de termos un conxunto de país unido e concienciado, de xeito interclasista, para acadar rexurdir ese pasado glorioso que a Vella remata vendo como única e última solución, atopada de novo á fin do relato polo escudeiro petando cun croio nunha pedra dos xentís (dolmen) “para espertar ós que dormen debaixo o soño eterno”.

 

Vicente Risco foi un dos pais do nacionalismo galego, destacando na súa teoría todas as ideas que aquí se salientan. Hoxe en día sabemos que Galicia ten capacidade dabondo para coñecer o seu pasado, reivindicalo e combinalo coa modernidade, outra cousa é que se aplique. Malia todo, é enormemente interesante coñecer tanto literaria coma ideoloxicamente os perfís das personalidades que en boa medida contribuíron a que hoxe o galego sexa unha lingua cada vez máis normalizada.


Samuel Fernández Torre 2º BAC-D