Iniciar sesión: Acceso

Historia

O IES Camilo José Cela. Parte I

Esta primeira parte da historia do Instituto, da que é autor Celestino Menéndez, foi publicada en Leliadoura, a revista do centro. Recollémola aquí con lixeiras modificacións e algúns datos novos.

Idade Antiga

Esta Idade Antiga, de incerta orixe, transcorre desde un ano sen precisar ata 1973. Son coñecidos algúns intentos, por parte de autores locais, de relataren estes anos escuros. Pero, xa por falta de documentación, xa por falta de recursos narrativos, a historia antiga agarda aínda polo seu contador.

Parece que todo comezou en 1967, coa creación dun Colegio Libre Adoptado. Certas notas xornalísticas falan de “comisiones especiales integradas por prestigiosos vecinos”; de “activas gestiones secundadas con entusiasmo por la Corporación Municipal”; de que a noticia, en fin, “fue acogida en todos los sectores de la villa y su comarca con natural y lógica satisfacción". Finalmente o BOE número 224 de 19 de setembro publicaba o Decreto de adopción do antigo Colegio Libre de Enseñanza Media de Grado Elemental.

A noticia era que o 16 de outubro de 1967 comezaran as clases de Bacharelato Elemental, coa asistencia 320 alumnos, nese Colexio Libre Adoptado. Foi habilitado para o mester un edificio antigo no que se instalou o mínimo que debía ter un Centro escolar, ou algo menos que o mínimo: unhas mesas, unhas cadeiras e pizarras.

Pero, como era o único da comarca, o centro naceu prestixioso. Foi importante para Padrón que os nosos fillos e as nosas fillas non precisasen desprazarse a Santiago para estudaren o Bacharelato. Viñan estudar a Padrón mozos de ambos sexos (así di o cronista), procedentes de Dodro, de Rois, de Valga, de Pontecesures. Algunhas crónicas precisan que, á parte de teren clases, eses mozos practican fútbol, balonmán e voleibol; visitan museos e fábricas, e dan paseos... sobre todo, os sábados pola mañá. O que no teñen son pistas deportivas, nin instalacións de tipo ningún. Pero aos prestixiosos veciños, a todos os sectores da vila, non lles falta intención de conseguilo todo. Conseguirano en 1982. Ah, os prestixiosos veciños! Ah, os sectores da vila!

Imaxinamos aquel primeiro día de curso, seguramente chovendo sete choveres, pero todos felices: acabara a incomodidade da dupla madruga, do ríxido horario do tren ou o autobús. Para estudar, os mozos e as mozas xa non tiñan que se desprazar a Santiago.

No curso 69-70, o Colegio Libre Adoptado convértese en Sección Delegada, tal e como recolle o decreto publicado con tal finalidade no BOE de data 13 de xaneiro de 1970.

Idade Media

O 20 de setembro de 1973 o número 226 do Boletín oficial do Estado publicaba un decreto (2.220) polo que se creaban varios Institutos Nacionales de Bachillerato mixtos. “Para atender la creciente demanda de puestos escolares” decretábase a extinción das seccións delegadas de Melide, Padrón e Santa Uxía de Ribeira. Como consecuencia creábase o Instituto de Bacharelato de Padrón que comezaría a desenvolver as súas actividades no curso 1973-74 nos locais da sección delegada extinta, en tanto non fose construído o edificio previsto. O libro de inventario máis antigo do Instituto que se conserva é de outubro de 1973, e iníciase cunha relación de material "que procede de la extinguida Sección Delegada (Mixta) dependente do Instituto Arzobispo Gelmírez, de Santiago", segundo se di na primeira páxina.

No curso 1973-74, por tanto, o que era Sección Delegada pasa a ser Instituto, aínda que se lle viñese chamando así desde o comezo. Case nada cambiara: había 19 profesores neste curso e 250 alumnos. O edificio consistía aínda nos mesmos barracóns, que estaban no campo onde se instalan os chigres nas festas da vila.

Precisamente, a máxima preocupación do Claustro de profesores nesta época foi, desde o comezo, conseguir un edificio digno, porque nin as instalacións, nin a situación no "campo da feira" eran as adecuadas. Pero esas cousas son lentas, e ata o ano 82 non se conseguirá un edificio novo.

A pesar da escaseza de medios, o Instituto crece en alumnos e en profesores. Os profesores eran uns 25, e cando no ano 1976 o alumnado chega a 355, a Directora, alarmada, expón nunha reunión do Claustro a necesidade de insistir na Delegación e no Ministerio para conseguir un novo Centro.

Ao remate do curso 74-75, nunha reunión extraordinaria do claustro, celebrada o día 23 de maio, déuselle ao Instituto o nome de "Camilo José Cela" (14 votos favorables).

Propuxéranse tamén para a mesma votación os nomes de Amor Ruibal (3 votos), Macías (1 voto) e Rodríguez de la Cámara (1 voto).

No curso 76-77 cursan estudos no instituto 355 alumnos e alumnas e a directora comenta nunha reunión do claustro de comezos de curso que o edificio é insuficiente. Os profesores eran daquela 26. Na reunión final do Claustro deste mesmo curso, a directora propón facer presións na Delegación e no Ministerio (sic) para conseguir un novo centro. Tamén se protesta pola invasión que as barracas da feira fan no que se consideraba campus do Instituto, que máis ben era pratus.

Curso 77-78. Chega novo profesorado, un catedrático de Matemáticas e unha profesora de Francés. Seguen as xestións sobre os terreos para o novo instituto. Xa está todo concedido, pero aínda non o están a facer.

 

Distribuir contido