Iniciar sesión: Acceso

ENCONTRO CON EX-DOCENTES DO IES CAMILO JOSÉ CELA

O pasado 15 de abril, o alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato desfrutou dun encontro con profesoras e profesores que deixaron unha importante pegada no IES Camilo José Cela. Bieito Silva, Rita Amigo, Encarna Otero e Emilio Crespo conversaron co alumnado sobre as súas experiencias como docentes e cargos directivos no centro en diversas etapas. A reunión celebrouse no marco dos actos de conmemoración do 50 aniversario do IES.

Todos e todas lembraron con agarimo o seu paso por Padrón e achegaron interesantes reflexións sobre distintos aspectos do ensino público e sobre as súas vivencias ao longo da súa carreira docente. O alumnado participou activamente na conversa.

ALUMNADO ADMITIDO NO IES CAMILO JOSÉ CELA

Unha vez concluído o proceso de admisión ordinaria de alumnado para o vindeiro curso, comunícase que todo o alumnado que fixo a súa solicitude de admisión dentro do prazo establecido está admitido no IES Camilo José Cela para o curso 2024-2025.

CONVOCATORIA DE BOLSAS DE ESTUDO PARA BACHARELATO, CICLOS FORMATIVOS E FP BÁSICA. CURSO 2024-2025

Hoxe abriuse o prazo da nova convocatoria de bolsas de estudo para o vindeiro curso 2024-2025. O alumnado destinatario destas bolsas será o que no vindeiro curso realice estudos de FP Básica, Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior e estudos de Bacharelato ou superiores.

O prazo de solicitude está aberto desde o 19 de marzo ata o 10 de maio de 2024 ás 15 h. Todo o proceso se realizará a través da sede electrónica do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, no seguinte enderezo: https://www.becaseducacion.gob.es. Tamén poden acceder á publicación no BOE.

Para solicitar a bolsa de estudos é preciso seguir estes pasos:

1. Entrar na sede electrónica https://www.becaseducacion.gob.es. Alí debe facerse un rexistro para crear un usuario e contrasinal.

2. Encher o formulario en liña.

3. Imprimir o xustificante de presentación. Comprobar se se atopa nalgunha das situación para remitir documentación. O enderezo para remitir documentación á unidade de Bolsas é:

XEFATURA TERRITORIAL DA CORUÑA. CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

Servizo de Apoio aos Servizos Educativos . Sección de Bolsas de Estudo
R/ Vicente Ferrer, 2 - 15071 A Coruña

 4. Durante os meses de xullo e agosto débese estar atento/a ao correo electrónico.

Recoméndase non deixar os trámites para o final.

Teléfonos de información: 981184741 - 981184742 - 881881647 - 981185725 - 981182621

Correo electrónico: bolsas.ed.co@xunta.gal

Encontros virtuais na USC

A USC dá a coñecer a súa oferta, titulacións e instalacións a través de encontros virtuais dispoñibles especialmente para o alumnado de 4º de ESO, Ciclos Formativos de Grao Superior e Bacharelato. Este curso terán lugar os días 21, 22, 25 e 26 de marzo. Estas datas, previas ou na mesma Semana Santa, están pensadas para facilitar o acceso telemático a estes encontros.

A páxina de acceso aos encontros é https://www.usc.gal/gl/encontros-virtuais. Premendo no enlace accederase directamente aos contidos, que se irán actualizando nas datas previas.

ACREDITACIÓN DE COMPETENCIAS DIXITAIS DO ALUMNADO

Segundo a Resolución do 28 de febreiro de 2024, o alumnado matriculado en 4º de ESO e en 2º de Bacharelato no presente curso poderá acreditar as súas competencias dixitais no nivel intermedio, mediante a realización dunha proba específica. Esta proba realizaríase no IES Camilo José Cela na data que determine a administración, e a súa superación significaría a obtención da certificación CompDix.

A proba para o alumnado de 4º de ESO versaría sobre as cinco áreas de dominio que establece o Marco Galego de Competencias dixitais, mentres que o alumnado de 2º de Bacharelato só tería que realizar a proba para acreditar a área de dominio 4, Seguridade e privacidade. Premendo neste enlace, poderase acceder á demo que mostra a estrutura da proba e modelos de preguntas.

O alumnado, ou os/as responsables legais en caso de minoría de idade, que desexe inscribirse para realizar a proba deberá cubrir un impreso na oficina do centro antes do venres 15 de marzo. O horario de atención ao público na oficina é de 9:00 a 14:30.

ADMISIÓN DE ALUMNADO NO IES CAMILO JOSÉ CELA. Curso 2024-2025

Mañá 1 de marzo comeza o proceso de admisión de alumnado no IES Camilo José Cela. O prazo de presentación de solicitudes de admisión rematará o 20 de marzo. Este procedemento vén regulado no Decreto 13/2022, do 3 de febreiro e na Orde de 21 de outubro de 2022, pola que se desenvolve o Decreto 13/2022.

A solicitude de admisión será única e terá carácter vinculante. No impreso poderanse pedir ata 6 centros por orde de preferencia e a solicitude dirixirase ao centro solicitado en primeiro lugar. As solicitudes pódense presentar de xeito presencial (nas dependencias do centro en horario de 9:00 a 14:30 cubrindo o seguinte anexo. As solicitudes tamén se poderán presentar telematicamente a través da aplicación admisionalumnado. Nesta mesma aplicación poderán consultar o cronograma coas datas dos principais trámites, a previsión de postos escolares e as súas modificacións, a relación de alumnado de cada curso, o estado de tramitación da solicitude e a lista de alumnado con posto reservado e as listaxes provisionais e definitivas de alumnado admitido e non admitido.

Unha vez completado o proceso de reserva de praza para alumnado dos centros adscritos, o CEIP Flavia e o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (cuxa lista se pode consultar nos taboleiros dos centros de admisión e dos centros adscritos), o número de vacantes figura no seguinte cadro:

En caso de que se precise presentar documentación xustificativa dos criterios de baremo, abrirase un prazo de 10 días contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo para presentar solicitudes.

A data de publicación da lista provisional de alumnado admitido será o 25 de abril de 2024.

A data de publicación da lista definitiva de alumnado admitido será o 15 de maio de 2024.

Unha vez rematado o proceso, a matrícula deberá formalizarse do 23 de xuño ao 7 de xullo nas dependencias do IES Camilo José Cela.

O IES Camilo José Cela conta co servizo complementario de transporte escolar.

 

RESERVA DE PRAZA

Unha vez finalizado o proceso de reserva de praza para os centros adscritos, comunicase que todo o alumnado do CEIP Flavia e do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón que fixo a súa reserva de praza para o curso 2024-2025 está admitido no IES Camilo José Cela.

AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS

O pasado 12 de febreiro foi publicada a Orde que convoca axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras. Mediante este documento convócanse axudas dirixidas a alumnado escolarizado en centros sostidos con fondos públicos no presente curso 2023-2024, que curse 1º ou 2º de Bacharelato. Estas axudas van dirixidas á realización de actividades en estadías de tres semanas en Reino Unido, Canadá, Francia, Portugal e Alemaña. Pódese ácceder a toda a información premendo na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/42358

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes a partir do día seguinte da publicación no DOG.

 

Distribuir contido