Iniciar sesión: Acceso

"Cousas" en Padrón

Os nosos alumnos e alumnas deleitáronse o pasado martes día 7 marzo co proxecto teatral e literario d'Os Quinquilláns e a Editorial Galaxia no Auditorio Municipal de Padrón

O proxecto teatral e literario ideado por Os Quinquilláns e a Editorial Galaxia a partir do libro Cousas de Alfonso Daniel R. Castelao chegou ao Auditorio de Padrón o martes 7 marzo.
A montaxe provocou en moitos momentos o riso, posto que Castelao manexaba coma ninguén a retranca, a comedia, a farsa, pero tamén estivo moi presente a tristura e a traxedia, sentimentos variados que se desprenden das páxinas da obra e tamén da representación teatral. Apareceron en escena relatos tan coñecidos como "O pai do Migueliño", que recrea a dureza da emigración, unha temática que tristemente segue a resultar actual; ou o "Rifante" que despois de coñecer o éxito non soubo xestionar unha época mala e cría que a vergoña era peor que a fame, un tema, o da caída económica, que resulta familiar en tempos de crise. E así outros moitos relatos que apareceron en escena mesturados con pinceladas sobre o propio Castelao.