Iniciar sesión: Acceso

Novas

AVALIACIÓNS. FINAL DE CURSO

Informamos de que a semana que vén, os días 7 e 8 de xuño, terán lugar as sesións da 3ª avaliación. No caso de ESO tratarase da 3ª Avaliación parcial, onde se poñerá a nota desta parte do curso, pero a Avaliación Final coa nota definitiva terá lugar o 23 de xuño. No caso de Bacharelato, será a 3ª Avaliación ordinaria, onde se consignará a nota de final de curso, aínda que haberá unha Avaliación extraordinaria para os suspensos, cuxas datas poden ser consultadas neste enlace. En ambos os casos, as clases non rematarán ata o 22 de xuño.

Con respecto aos novos criterios de promoción e titulación, hai que lembrar que foron actualizados na Orde do 25 de xaneiro de 2022 e que así se recollen no documento de Concreción Curricular, que poden consultar neste enlace. Lembramos os seguintes aspectos relevantes:

ESO

  • Pasará de curso o alumnado que aprobe todo ou suspenda como máximo dúas materias.
  • Con máis de dúas materias suspensas é posible a promoción tendo unha media de 5 e sempre que o equipo docente considere que o permite a natureza das materias suspensas, que hai expectativas de recuperación no seguinte curso e que a promoción beneficie a evolución académica do alumnado.
  • Para a titulación en 4º de ESO é necesario ter todas aprobadas ou ter media de 5 e que o equipo docente considere que se adquiriron as competencias e os obxectivos da etapa.
  • As cualificacións finais recibiranse na avaliación final do 23 de xuño. Non hai exames extraordinarios en setembro.

BACHARELATO

  • Promocionará a 2º de Bacharelato o alumnado que apobe todo ou suspenda como máximo dúas materias. Do contrario repetirase o curso completo.
  • Quen non supere todas as materias na 3ª avaliación ordinaria terá que examinarse na convocatoria extraordinaria os días 20, 21 e 22 de xuño. Non hai exames extraordinarios en setembro.
  • Acadará o título de bacharelato quen aprobe todas as materias do 1º e o 2º curso. Excepcionalmente, o equipo docente poderá decidir a titulación de quen superase todas as materias excepto unha, sempre que a media da etapa sexa 5, que se alcancen as competencias e obxectivos, que non se producise unha inasistencia continuada e non xustificada e que o alumno ou a alumna se presentase a todas as probas e realizase todas as actividades requiridas, incluídas as da convocatoria extraordinaria.

ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DO FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR

A partir do, xoves 19 de maio, e ata o 22 de xuño de 2022, está aberto o prazo para a presentación de solicitudes de participación no fondo solidario de libros de texto e nas axudas para material escolar para o curso 2022-2023. A disposición que regula esta participación é a Orde do 29 de abril de 2022, publicada onte no Diario Oficial de Galicia. Pódese acceder a un resumo premendo no seguinte enlace:

Resumo Fondo solidario de libros de texto

As solicitudes para participar neste procedemento presentaranse preferentemente por vía electrónica, cubrindo o formulario dispoñible na aplicación Fondolibros, dispoñible no seguinte enlace:

Aplicación fondolibros

Outro xeito de presentar a solicitude por vía electrónica é a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), identificando a solicitude co código de procedemento ED330B. Para a presentación por medios electrónicos é preciso identificarse con Chave 365 ou outros mecanismos admitidos pola administración (DNI electrónico, certificado dixital).

Poderase presentar a solicitude de xeito presencial nas oficinas do centro. Para a presentación presencial ou por correo electrónico adxuntarase a seguinte documentación:

  • Solicitude (ANEXO I).
  • ANEXO II (Membros da unidade familiar). Estes dous anexos pode descargalos premendo neste enlace.
  • Copia do libro de familia ou documento equivalente.
  • En caso de separación ou divorcio, copia de sentenza ou convenio regulador.
  • No seu caso, certificado de discapacidade do alumno ou alumna.

EXAMES EXTRAORDINARIOS BACHARELATO 2022

O calendario de probas extraordinarias para Bacharelato do mes de xuño de 2022 pódese consultar no arquivo adxunto ou premendo neste enlace.

AVALIACIÓN 2º BACHARELATO

O día 18 de maio realizarase a avaliación ordinaria de 2º de Bacharelato. A entrega de notas presencial e a través de AbalarMóbil será ás 19:00.

O día 19 de maio, todo o alumnado que superase o curso na avaliación ordinaria debe asistir a unha reunión coa secretaria do centro no salón de actos ás 10:30. Esta reunión é obrigatoria e nela se proporcionará información sobre o título de bacharel e a matrícula para as ABAU (para quen se presente a estas probas). O resumo de accións para a solicitude do título, pago de taxas e matrícula nas ABAU está no arquivo adxunto ou neste enlace.

Lembramos que, como figura na Orde de 25 de xaneiro de 2022 e no documento de Concreción Curricular que se pode consultar no apartado Documentos e normas do centro, este curso a titulación en 2º de Bacharelato poderá producirse con unha materia suspensa na avaliación extraordinaria (mes de xuño), sempre que se cumpran as condicións especificadas no artigo 15 da Orde do 25 de xaneiro, recollidas no apartado 7.2 da Concreción Curricular do centro.

RECOLLIDA DE HISTORIAIS E TÍTULOS DE ESO E BACHARELATO

Comunicamos que están dispoñibles nas oficinas do centro os títulos de ESO e BACHARELATO das persoas que remataron en 2020. Ademade, comunicamos que xa están a disposición os historiais académicos de ESO e BACHARELATO das persoas que remataron no 2021.

LISTAXES PROVISIONAIS DE ADMISIÓN E VACACIÓNS DE PASCUA

Comunicamos que xa están dispoñibles para a súa consulta no taboleiro do centro as listaxes provisionais de alumnado admitido para o curso 2022-2023. Todas as solicitudes presentadas en todos os niveis educativos foron admitidas.

Por outra parte, lembramos que a actividade lectiva suspéndese polas vacacións de Pascua ata o martes 19 de abril. Este día será lectivo a todos os niveis no noso centro.

CONVOCATORIA BOLSAS CURSO 2022-2023

Comunicamos que acaba de saír a convocatoria de Bolsas de estudo para Bacharelato e FP para o próximo curso 2022-2023. Saíu publicada no BOE de 10 de marzo de 2022.

Nesta convocatoria modifícanse os prazos e o procedemento de xestión de solicitudes. O prazo para presentar as solicitudes é do 30 de marzo ao 12 de maio, ambos inclusive.

Pódese consultar toda a información en:

https://www.becaseducacion.gob.es/portada.html

Inicio do proceso de admisión de alumnado para o curso 2022-2023

O proceso de admisión do alumnado nos centros públicos de ensino secundario réxese polo Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, concretado nos aspectos non derrogados pola Orde do 12 de marzo e 2013, modificada nos seus prazos pola Orde do 18 de decembro de 2020.

O proceso desenvólvese a través duns prazos. No referente ao noso centro, o máis salientable é o seguinte:

1. O alumnado dos nosos centros adscritos que queira cursar estudos no curso seguinte no IES Camilo José Cela xa ten praza reservada para quen fixese a súa solicitude durante os meses de xaneiro-febreiro

2. O alumnado doutros centros non adscritos que queira cursar estudos no IES Camilo José Cela pode presentar solicitudes de admisión desde o 1 ao 21 de marzo. Para realizar este trámite poden entrar na aplicación https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado/, cubrindo o impreso que poden descargar premendo aquí. Calquera dúbida pode ser resolta achegándose ás oficinas do IES, enviando un correo electrónico ou chamando por teléfono ao 881866240. Tamén poden personarse na oficina do centro ou descargar, premendo aquí, a solicitude de admisión e enviala cuberta ao enderezo de correo ies.camilo.jose.cela@edu.xunta.gal para que sexa tramitada no centro.

3. O alumnado de Bacharelato pode cursar no IES Camilo José Cela a nova modalidade de Bacharelato Xeral. O noso centro é o único da comarca de Padrón que o ofertará. Este bacharelato está especialmente dirixido a alumnado que procure unha formación polivalente que combine materias do eido científico e social: sería alumnado interesado en titulacións como Xornalismo, Psicoloxía, Comunicación Audiovisual ou, mesmo, estudos empresariais.

4. Hai que lembrar que as listaxes definitivas de persoas admitidas e non admitidas sairán publicadas no taboleiro de anuncios do centro antes do 15 de maio. No caso habitual de que todas as solicitudes estean admitidas, pulicarase unha nota na páxina web do centro. O número de prazas dispoñibles está exposto no taboleiro de entrada ao centro e, tamén, pode consultarse no arquivo adxunto premendo aquí.

Os prazos de matrícula, para o alumnado que realizase ou non o proceso de admisión, serán os seguintes:

Alumnado aprobado en convocatoria ordinaria e extraordinaria: do 25 de xuño ao 10 de xullo.

 

Distribuir contido