Iniciar sesión: Acceso

REALIZACIÓN DE PROBAS DE NIVEL B1, B2 E C1 EN LINGUAS ESTRANXEIRAS. AMPLIADO PRAZO ATA 23 DE SETEMBRO

A Resolución do 10 de xuño de 2022, da Direccion Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se regula a xestión de probas de nivel lingüístico para o alumnado que curse estudos durante o curso 2022/2023 en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, regula a xestión de probas de nivel lingüístico (B1, B2 ou C1) para o alumnado que curse 4º de ESO, 1º de BAC e 2º de BAC no curso 2022/2023.

O alumnado interesado e os seus responsables legais deberán cubrir un compromiso de participación e entregalo asinado na oficina do centro antes de setembro. O impreso para cubrir figura como adxunto ao final desta nova e pódese descargar premendo neste enlace.

O alumnado escollerá, asesorado polo profesorado de lingua estranxeira, o nivel de competencia da proba á que se presentará. Cada alumno e cada alumna poderá matricularse nunha única proba dunha lingua, que será, preferentemente, a cursada como primeira lingua estranxeira. O centro seleccionará as probas ás que se presentará o alumnado con criterios de comodidade e proximidade. As familias encargaranse do traslado ao lugar do exame en caso de que este non se poida realizar no propio centro educativo.

A realización destas probas, que se desenvolverán durante o curso 2022/2023, recibirá financiamento da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Se a dotación económica non fose suficiente para cubrir todas as demandas de alumnado interesado, o centro seleccionará o alumnado participante por rigorosa orde de entrada da solicitude no rexistro do centro.

LISTAXES DE LIBROS DE TEXTO PARA O CURSO 2022-2023

Están xa actualizadas as listaxes de libros de texto para o curso 2022-2023. Pódense consultar no apartado correspondente desta mesma páxina ou no seguinte enlace.

INFORMACIÓN SOBRE RECOLLIDA DE NOTAS E MATRÍCULA

Informamos de que, logo do remate das clases o día 22 e das avaliacións final e extraordinaria do día 23, estableceremos o seguinte calendario:

Luns 27 de xuño

Entrega de notas e petición de revisión de exames: entregaranse ás 11:00 as de BAC e ás 11:30 as de ESO.

Luns 27 e martes 28

Presentación de reclamacións de cualificacións de 2º de Bacharelato.

Martes 28 e mércores 29

Presentación de reclamacións de ESO e 1º de Bacharelato.

DATAS DE MATRÍCULA

Luns 27 de xuño: 2º BAC

Martes 28 de xuño: 1º BAC e 4º ESO

Mércores 29 de xuño: 3º ESO

Xoves 30 de xuño: 2º ESO

Venres 1 de xullo: 1º ESO

O IES Camilo José Cela repite éxito na convocatoria ordinaria das ABAU

O IES Camilo José Cela conseguiu, de novo, un 100% de aprobados no alumnado presentado á convocatoria ordinaria das ABAU 2022.  Ademais, a media da cualificación do noso centro é dun 7,17 de media na fase xeral, o que nos coloca no posto 13 dos centros de Galicia, públicos e privados, que teñen mellores cualificacións nas ABAU 2022. Estes datos reflíctense na prensa:

 

Lembremos que o curso pasado xa estivemos entre os mellores do alumnado presentado, superando tamén o 7 de media. Para completar o éxito, 5 estudantes (un 21,7% dos titulados e tituladas nesta convocatoria ordinaria) obtiveron un recoñecemento por parte da USC aos mellores expedientes de Galicia. Neste enlace pódese acceder á noticia de prensa onde se fai referencia aos estudantes do noso IES asistentes ao Acto de entrega dos Mellores Expedientes de Galicia.

Parabéns a todo o alumnado e á comunidade educativa por estes resultados.

 

AVALIACIÓNS. FINAL DE CURSO

Informamos de que a semana que vén, os días 7 e 8 de xuño, terán lugar as sesións da 3ª avaliación. No caso de ESO tratarase da 3ª Avaliación parcial, onde se poñerá a nota desta parte do curso, pero a Avaliación Final coa nota definitiva terá lugar o 23 de xuño. No caso de Bacharelato, será a 3ª Avaliación ordinaria, onde se consignará a nota de final de curso, aínda que haberá unha Avaliación extraordinaria para os suspensos, cuxas datas poden ser consultadas neste enlace. En ambos os casos, as clases non rematarán ata o 22 de xuño.

Con respecto aos novos criterios de promoción e titulación, hai que lembrar que foron actualizados na Orde do 25 de xaneiro de 2022 e que así se recollen no documento de Concreción Curricular, que poden consultar neste enlace. Lembramos os seguintes aspectos relevantes:

ESO

  • Pasará de curso o alumnado que aprobe todo ou suspenda como máximo dúas materias.
  • Con máis de dúas materias suspensas é posible a promoción tendo unha media de 5 e sempre que o equipo docente considere que o permite a natureza das materias suspensas, que hai expectativas de recuperación no seguinte curso e que a promoción beneficie a evolución académica do alumnado.
  • Para a titulación en 4º de ESO é necesario ter todas aprobadas ou ter media de 5 e que o equipo docente considere que se adquiriron as competencias e os obxectivos da etapa.
  • As cualificacións finais recibiranse na avaliación final do 23 de xuño. Non hai exames extraordinarios en setembro.

BACHARELATO

  • Promocionará a 2º de Bacharelato o alumnado que apobe todo ou suspenda como máximo dúas materias. Do contrario repetirase o curso completo.
  • Quen non supere todas as materias na 3ª avaliación ordinaria terá que examinarse na convocatoria extraordinaria os días 20, 21 e 22 de xuño. Non hai exames extraordinarios en setembro.
  • Acadará o título de bacharelato quen aprobe todas as materias do 1º e o 2º curso. Excepcionalmente, o equipo docente poderá decidir a titulación de quen superase todas as materias excepto unha, sempre que a media da etapa sexa 5, que se alcancen as competencias e obxectivos, que non se producise unha inasistencia continuada e non xustificada e que o alumno ou a alumna se presentase a todas as probas e realizase todas as actividades requiridas, incluídas as da convocatoria extraordinaria.

ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DO FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR

A partir do, xoves 19 de maio, e ata o 22 de xuño de 2022, está aberto o prazo para a presentación de solicitudes de participación no fondo solidario de libros de texto e nas axudas para material escolar para o curso 2022-2023. A disposición que regula esta participación é a Orde do 29 de abril de 2022, publicada onte no Diario Oficial de Galicia. Pódese acceder a un resumo premendo no seguinte enlace:

Resumo Fondo solidario de libros de texto

As solicitudes para participar neste procedemento presentaranse preferentemente por vía electrónica, cubrindo o formulario dispoñible na aplicación Fondolibros, dispoñible no seguinte enlace:

Aplicación fondolibros

Outro xeito de presentar a solicitude por vía electrónica é a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), identificando a solicitude co código de procedemento ED330B. Para a presentación por medios electrónicos é preciso identificarse con Chave 365 ou outros mecanismos admitidos pola administración (DNI electrónico, certificado dixital).

Poderase presentar a solicitude de xeito presencial nas oficinas do centro. Para a presentación presencial ou por correo electrónico adxuntarase a seguinte documentación:

  • Solicitude (ANEXO I).
  • ANEXO II (Membros da unidade familiar). Estes dous anexos pode descargalos premendo neste enlace.
  • Copia do libro de familia ou documento equivalente.
  • En caso de separación ou divorcio, copia de sentenza ou convenio regulador.
  • No seu caso, certificado de discapacidade do alumno ou alumna.

EXAMES EXTRAORDINARIOS BACHARELATO 2022

O calendario de probas extraordinarias para Bacharelato do mes de xuño de 2022 pódese consultar no arquivo adxunto ou premendo neste enlace.

AVALIACIÓN 2º BACHARELATO

O día 18 de maio realizarase a avaliación ordinaria de 2º de Bacharelato. A entrega de notas presencial e a través de AbalarMóbil será ás 19:00.

O día 19 de maio, todo o alumnado que superase o curso na avaliación ordinaria debe asistir a unha reunión coa secretaria do centro no salón de actos ás 10:30. Esta reunión é obrigatoria e nela se proporcionará información sobre o título de bacharel e a matrícula para as ABAU (para quen se presente a estas probas). O resumo de accións para a solicitude do título, pago de taxas e matrícula nas ABAU está no arquivo adxunto ou neste enlace.

Lembramos que, como figura na Orde de 25 de xaneiro de 2022 e no documento de Concreción Curricular que se pode consultar no apartado Documentos e normas do centro, este curso a titulación en 2º de Bacharelato poderá producirse con unha materia suspensa na avaliación extraordinaria (mes de xuño), sempre que se cumpran as condicións especificadas no artigo 15 da Orde do 25 de xaneiro, recollidas no apartado 7.2 da Concreción Curricular do centro.

 

Distribuir contido