Iniciar sesión: Acceso

Encontros virtuais na USC

A USC dá a coñecer a súa oferta, titulacións e instalacións a través de encontros virtuais dispoñibles especialmente para o alumnado de 4º de ESO, Ciclos Formativos de Grao Superior e Bacharelato. Este curso terán lugar os días 21, 22, 25 e 26 de marzo. Estas datas, previas ou na mesma Semana Santa, están pensadas para facilitar o acceso telemático a estes encontros.

A páxina de acceso aos encontros é https://www.usc.gal/gl/encontros-virtuais. Premendo no enlace accederase directamente aos contidos, que se irán actualizando nas datas previas.

ACREDITACIÓN DE COMPETENCIAS DIXITAIS DO ALUMNADO

Segundo a Resolución do 28 de febreiro de 2024, o alumnado matriculado en 4º de ESO e en 2º de Bacharelato no presente curso poderá acreditar as súas competencias dixitais no nivel intermedio, mediante a realización dunha proba específica. Esta proba realizaríase no IES Camilo José Cela na data que determine a administración, e a súa superación significaría a obtención da certificación CompDix.

A proba para o alumnado de 4º de ESO versaría sobre as cinco áreas de dominio que establece o Marco Galego de Competencias dixitais, mentres que o alumnado de 2º de Bacharelato só tería que realizar a proba para acreditar a área de dominio 4, Seguridade e privacidade. Premendo neste enlace, poderase acceder á demo que mostra a estrutura da proba e modelos de preguntas.

O alumnado, ou os/as responsables legais en caso de minoría de idade, que desexe inscribirse para realizar a proba deberá cubrir un impreso na oficina do centro antes do venres 15 de marzo. O horario de atención ao público na oficina é de 9:00 a 14:30.

ADMISIÓN DE ALUMNADO NO IES CAMILO JOSÉ CELA. Curso 2024-2025

Mañá 1 de marzo comeza o proceso de admisión de alumnado no IES Camilo José Cela. O prazo de presentación de solicitudes de admisión rematará o 20 de marzo. Este procedemento vén regulado no Decreto 13/2022, do 3 de febreiro e na Orde de 21 de outubro de 2022, pola que se desenvolve o Decreto 13/2022.

A solicitude de admisión será única e terá carácter vinculante. No impreso poderanse pedir ata 6 centros por orde de preferencia e a solicitude dirixirase ao centro solicitado en primeiro lugar. As solicitudes pódense presentar de xeito presencial (nas dependencias do centro en horario de 9:00 a 14:30 cubrindo o seguinte anexo. As solicitudes tamén se poderán presentar telematicamente a través da aplicación admisionalumnado. Nesta mesma aplicación poderán consultar o cronograma coas datas dos principais trámites, a previsión de postos escolares e as súas modificacións, a relación de alumnado de cada curso, o estado de tramitación da solicitude e a lista de alumnado con posto reservado e as listaxes provisionais e definitivas de alumnado admitido e non admitido.

Unha vez completado o proceso de reserva de praza para alumnado dos centros adscritos, o CEIP Flavia e o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (cuxa lista se pode consultar nos taboleiros dos centros de admisión e dos centros adscritos), o número de vacantes figura no seguinte cadro:

En caso de que se precise presentar documentación xustificativa dos criterios de baremo, abrirase un prazo de 10 días contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo para presentar solicitudes.

A data de publicación da lista provisional de alumnado admitido será o 25 de abril de 2024.

A data de publicación da lista definitiva de alumnado admitido será o 15 de maio de 2024.

Unha vez rematado o proceso, a matrícula deberá formalizarse do 23 de xuño ao 7 de xullo nas dependencias do IES Camilo José Cela.

O IES Camilo José Cela conta co servizo complementario de transporte escolar.

 

RESERVA DE PRAZA

Unha vez finalizado o proceso de reserva de praza para os centros adscritos, comunicase que todo o alumnado do CEIP Flavia e do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón que fixo a súa reserva de praza para o curso 2024-2025 está admitido no IES Camilo José Cela.

AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS

O pasado 12 de febreiro foi publicada a Orde que convoca axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras. Mediante este documento convócanse axudas dirixidas a alumnado escolarizado en centros sostidos con fondos públicos no presente curso 2023-2024, que curse 1º ou 2º de Bacharelato. Estas axudas van dirixidas á realización de actividades en estadías de tres semanas en Reino Unido, Canadá, Francia, Portugal e Alemaña. Pódese ácceder a toda a información premendo na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/42358

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes a partir do día seguinte da publicación no DOG.

A prestixiosa científica, María de la Fuente, visita o IES Camilo José Cela

O noso centro tivo o privilexio de recibir a visita, o pasado xoves 8 de febreiro, da prestixiosa científica María de la Fuente. Esta coñecida investigadora, unha experta internacional en Nanooncoloxía e Nanotecnoloxía, tivo un encontro co alumnado de 4º de ESO e de 1º de Bacharelato.

María de la Fuente falou de moitos temas interesantes e en todos eles mostrou a súa opinión autorizada, destacando a defensa que fixo da necesidade de facer ciencia en galego e desde Galicia e os atrancos que teñen as mulleres investigadoras fronte aos seus colegas masculinos.

PROGRAMA YAM NO IES CAMILO JOSÉ CELA

O IES Camilo José Cela é un dos institutos elixidos como centros de intervención para desenvolver o Programa YAM (Young Aware of Mental Health). Este programa, baseado en evidencias científicas, foi avaliado e posto en práctica xa en varios países e comeza agora a súa implantación en Galicia. O noso IES é un dos 34 centros públicos e privados de Galicia que vai ser pioneiro na súa posta en marcha, despois de ser o ano pasado un dos centros onde se realizou un ensaio de cara á súa adaptación á nosa comunidade.

Trátase dunha iniciativa pioneira no tratamento da saúde mental, dirixida ao alumnado de 3º de ESO e que se centrará na prevención do suicidio. Os mozos e as mozas participarán en distintas situacións, guiadas e desenvolvidas por un grupo de psicólogos e persoal sanitario especializado, completando un itinerario en distintas fases. As sesións centraranse no xogo participativo e na adopción de roles en distintas situacións, empregando técnicas de terapia de grupo e tendo como base o diálogo e a participación do alumnado.

O mércores 17 de xaneiro desenvolveranse as sesións pendentes do ensaio do curso pasado, co alumnado que está agora en 4º de ESO, e o venres 19 comezará a intervención co alumnado de 3º de ESO.

Para consultar os detalles sobre o programa pódese premer neste enlace: https://www.sergas.es/Asistencia-sanitaria/YAM.

CONVOCADAS AS PROBAS DE ACCESO A CICLOS MEDIOS E SUPERIORES DE FORMACIÓN PROFESIONAL

O luns 8 de xaneiro saíu publicada a Orde de 21 de decembro de 2023 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento ED312C e ED312D). Premendo no texto, poderán consultar a convocatoria.

Este documento fixa as datas, requisitos, sistema de matriculación e estrutura das probas. Para maior información, poden pasar polo Departamento de Orientación do noso centro en horario de 9:30 a 13:30. É recomendable que, para falar persoalmente coa orientadora, soliciten cita chamando ao teléfono do centro (881866240).

 

Distribuir contido