Skip to Content
TELÉFONOS DE CONTACTO: 881960101 - 698148050 - 698148051

FESTIVAL DE NADAL

21/12/2016 10:00

A piques de rematar o primeiro trimestre deste curso, o centro está a organizar un Festival de Nadal no que o noso alumnado vai facer gala das súas dotes artísticas. O acontecemento terá lugar no Auditorio de Cariño o 21 de decembro de 10:00 a 13:30 horas. Animádevos!!!!

1ºBAC RUTA XEOLÓXICA POLOS ACANTILADOS DE LOIBA

O pasado xoves 1 de decembro o alumnado de 1º de Bacharelato do IES Cabo Ortegal realizou una ruta xeolóxica por Loiba, guiada por Francisco Canosa e organizada pola biblioteca do centro. Colaboraron na organización da viaxe didáctica os departamentos de Educación Física e Bioloxía.

Ruta Loiba

MELLORES EXPEDIENTES DO CURSO 2015-2016

24/10/2016 12:15

O pasado 24 de outubro entregamos os diplomas a os mellores expedientes do curso 2015-16 do noso centro:

1º da ESO: Laura Trinquete Rubido
2º da ESO: Alicia Dorado Santiago
3º da ESO: Mario Fraga Fernandez
4º da ESO: Carla Salgueiro Bereijo
1º de BAC: Carlos Pernas Fraguela

 

NORABOA AOS CINCO PREMIADOS/AS!!!!!

CHARLA DE ÁNGEL CARRACEDO

O pasado mércores de 29 novembro, no Teatro Jofre de Ferrol, os rapaces de ciencias de 4º ESO, 1º BACH e 2º BACH asistiron a unha charla do Dr. Ángel Carracedo: "CSI Galicia: Xenética Forense", xunto con rapaces de sete institutos da comarca.
Ángel Carracedo, catedrático de medicina legal e coordinador do Grupo de Medicina Genómica da Universidade de Santiago, falou do seu traballo deixando boquiabertos aos rapaces coas súas explicacións sobre xenética forense e as dintintas aplicacións a ámbitos como a investigación criminal.
 
Ángel Carracedo

 

MAGOSTO 2016

O pasado 16 de novembro celebramos, como xa vén sendo habitual nos últimos anos, o Magosto no IES Cabo Ortegal. Houbo degustación de castañas, xogos populares e actividades deportivas.

  



LIBROS DE TEXTO 2016/2017 PARA 1º E 3º DA ESO (FONDO SOLIDARIO)

Nos seguintes enlaces figuran os libros de texto que ten que comprar o alumnado de 1º ou 3º da ESO. As listaxes están diferenciadas en cada curso dependendo de se solicitaron o fondo solidario ou non.

PAU 2016

O IES  CABO ORTEGAL ESTÁ DE NORABOA!

O pasado venres 17 de xuño saíron publicadas as notas da proba de acceso á  universidade e todo o alumnado presentado obtivo a calificación de apto. Moitísimas felicidades a todas e todos!!!

GRADUACIÓN DO ALUMNADO DE 2º DE BACHARELATO

O pasado xoves, 16 de xuño, celebrouse o acto de graduación do alumnado de 2º de Bacharelato do IES Cabo Ortegal. Tivo lugar no auditorio de Cariño ás 19:30 horas e asistiu profesorado, persoal do centro, alumnado e familias.

O acto estivo composto por: discurso do Director, vídeos recordatorios do alumnado e de dirección, discurso do alumnado, entrega de bandas e diplomas, discurso da titora e actuacións musicais.

gRADUACIÓN

Dende o IES Cabo Ortegal, os nosos mellores desexos para a nova estapa que comezan.

ROTEIRO LITERARIO EN VIGO

30/05/2016 08:30
30/05/2016 21:00

O noso alumnado de 4º ESO realiza un roteiro literario en Vigo con Francisco Castro sobre o libro Tes ata as 10. Posteriormente visitou a Fundación Fermín Penzol.

 
 

 

MARIÑEIROS: A FALA DA EXPERIENCIA

Grazas ao departamento de Biblioteca, os mariñeiros Suso e Nina tiveron un encontro cos rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO onde lles falaron sobre os bos tempos das conserveiras e da pesca en Cariño, do traballo no mar, dos abisinios ou chicharros, da importancia da muller na industria do peixe, de como diferenciar un peixe azul dun branco, do Monte maior, da libreta de navegación, das tres pitadas da serea polas sardiñas...e dun feixe de cousas máis.

Mariñeiros

Dende aquí o noso agradecemento a ámbolos dous por compartir con eles toda a súa sabiduría e experiencias.

CLUB DE LECTURA

23/05/2016 11:50
23/05/2016 12:50

Rematamos o club de lectura de 4º ESO gozando coa lectura e cun doce. O libro escollido foi Tes ata as 10 de Francisco Castro; ademais preparamos o roteiro que realizaremos en Vigo co propio autor.

A ESMORGA

24/05/2016 11:15
24/05/2016 12:10

Hoxe vimos a película A Esmorga e realizamos unha charla coloquio sobre os distintos temas que trata o filme.

 

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS E AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR (CURSO 2016/2017)

O luns 17 de maio vense de publicar a ORDE do 27 de abril de 2016 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2016/17.

REQUISITOS E PRAZOS

Para poder optar ás axudas será necesario devolver os libros de texto e o material reutilizable adquirido coas axudas para libros de texto ou recibido do fondo solidario no curso 2015/16.

Os libros correspondentes ao curso 2015/2016 deberanse devolver con data límite do 23 de xuño, agás o alumnado con algunha materia pendente que poderá quedarse co libro correspondente ata que se examine en setembro.

Compre destacar que:

  • Ao Fondo solidario de libros (alumnado que se vaia a matricular en 1º e 3º da ESO o próximo curso) poderá optar calquera familia independentemente da renda.
  • Ás axudas para adquirir libros de texto (alumnado que se vaia a matricular en 2º e 4º da ESO o próximo curso) poderán optar aquelas familias con rendas per cápita iguais ou inferiores a 9000€.
  • Ás axudas para adquirir material escolar (alumnado que se vaia a matricular en calquera dos cursos da ESO o próximo curso) poderán optar aquelas familias con rendas per cápita iguais ou inferiores a 5400€.

O prazo remata o 23 de xuño. Excepcionalmente, para aquel alumnado que repita 4º de ESO que non tivese presentado solicitude de axuda para adquirir libros de texto e material escolar no prazo indicado, poderá presentala no prazo dun mes desde a formalización da matrícula. 

PROCEDEMENTO

As solicitudes faranas os pais/nais ou titores/as legais do alumnado cubrindo o ANEXO I da convocatoria que entregarán na administración do centro, sendo este o encargado de tramitar as solicitudes a través das distintas aplicacións.

O citado ANEXO I pódese solicitar na administración do IES Cabo Ortegal ou ben descargalo dende o seguinte enlace: ANEXO I.

Xunto co ANEXO I deberase entregar:

  • Unha copia do libro de familia no que figuren os membros computables da unidade familiar.
  • Copia dos DNI (NON É NECESARIO se autoriza a consulta telemática)
  • Copia da declaración da renda do exercicio 2014 (NON É NECESARIO se autoriza a consulta telemática).
  • De selo caso, copia de sentenza xudicial de separación ou divorcio, certificado de discapacidade

 

Pódese acceder a todo o relativo á ORDE no seguinte enlace: ORDE axudas libros e material escolar.

 

OS NOSOS TRABALLOS

19/05/2016 11:53
19/05/2016 12:53

LETRAS GALEGAS: PASAPALABRA

18/05/2016 11:55
18/05/2016 12:55

LETRAS GALEGAS 2016

O 17 de maio adicóuselle o días das letras galegas a Manuel María.

Manuel María

EXPOSICIÓN "GALEGOS EN MAUTHAUSEN"

O Departamento de Xeografía e Historia do IES Cabo Ortegal ofrécenos a posibilidade de contemplar unha exposición fotográfica de Enrique Barrena Beitia titulada "Galegos en Mauthausen". Con ela preténdese que coñezamos o noso pasado, rememorando, a través das fotografías expostas, a catividade que padeceron miles de españois nos campos de exterminio nazis (principalmente en Mauthausen), entre eles vinte e un veciños do noso entorno comarcal.

Todos os membros da comunidade educativa do IES Cabo Ortegal que o desexen, poderán visitala ata o día 20 de maio na planta baixa do centro.

Galegos I    Galegos III

Galegos III

CLUB DE LECTURA

04/05/2016 11:59
04/05/2016 12:59

Rematamos o club de lectura de 1º Bac gozando coa lectura e cun doce. O libro escollido foi A praia dos afogados de Domingo Villar.

VISITA DA ESCRITORA ANDREA MACEIRAS

O pasado 12 de abril, e organizado polo departamento de Lingua Galega, recibimos a visita da escritora Andrea Maceiras. Con ela o noso alumnado de 3º e 4º ESO comentou o seu libro "Europa Express".

Andrea Maceiras        Europa Express

VISITA DO ILUSTRADOR XOSÉ TOMÁS

O pasado 5 de abril a Biblioteca do noso centro organizou unha actividade para o alumnado de 3º da ESO que lles permitiu disfrutar  de dúas horas co ilustrador galego Xosé Tomás. Con eles falou de cómics, da súa orixe, deulles normas básicas de deseño de viñetas e faloulles do proceso de creación dun dos seus libros ("Nómades", do que temos un exemplar na biblioteca). Á súa vez os rapaces debuxaron e esbozaron historias, resultando ao final unha experiencia magnífica e enriquecedora.

Xosé tomás

VISITA DO ESCRITOR FRANCISCO CASTRO

O pasado 4 de abril visitounos o escritor galego Francisco Castro, actividade organizada polo departamento de Lingua Galega.

Francisco Castro

O noso alumnado de 1º ESO comentou con el a súa obra "Chamádeme Simbad", con 2º ESO disertou sobre "O segredo de Marco Polo" e con  4º ESO e 1º BAC falou de "Tes ata as 10".

Chamademe simbad        O segredo de marco polo        Tes ata as dez

 

AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS 2016

Axudasle

O luns 28 de marzo publicouse no DOG a Orde pola que se convocan as axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras neste ano, destinadas ao alumnado dos centros públicos de Galicia.

Na seguinte ligazón atoparedes toda a información relativa ás mesmas:

ORDE do 14 de marzo de 2016

As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, en soporte papel, ou completar en liña o formulario electrónico a través da aplicación dispoñible desde a seguinte páxina: https://www.edu.xunta.es/axudasle/. De optar por unha destas dúas últimas formas, deberase facer rexistro dos anexos e a documentación complementaria necesaria en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

O prazo para a presentación das solicitudes remata o 28 de abril.

EXPOSICIÓN "A CÉLULA"

Os que vos acheguedes ao noso centro nos próximos días, poderedes contemplar na entrada do mesmo unha exposición organizada polo departamento de Bioloxía. O tema desta exposición xira en torno á célula e os traballos foron elaborados polo alumnado de 1º da ESO.

A célula

EXPOSICIÓN "LAS SINSOMBRERO"

Durante estas semanas, pódese ver na entrada do centro unha exposición titulada "Las sinsombrero", realizada por alumnado de bacharelato. Con esta exposición preténdese divulgar o legado de moitas mulleres olvidadas  que viviron na primeira metade do século XX en España, dende as figuras femeninas da Xeración do 27, ata todas aquelas mulleres que coa súa obra, as súas accións e a súa valentía foron e son fundamentais para entender a cultura e a historia deste país.

Las sin sombrero

VISITA Á CIDADE DE LUGO

01/02/2016 08:30

O alumnado de 3º e 4º da ESO participou na viaxe á cidade de Lugo organizada pola Biblioteca escolar, onde pasearon pola histórica muralla e participaron na actividade "contos do museo" no Museo Provincial.

Sen lugar a dúbidas foi unha xornada amena e instructiva que quedou plasmada no xornal La voz de Galicia.

PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN DE ALUMNADO PARA O CURSO 2016/2017

De acordo cos prazos establecidos na disposición adicional primeira da Orde de 12 de marzo de 2013, que regula o procedemento de admisión, o próximo 1 de febreiro inícianse os trámites do procedemento, coa reserva de praza nun centro de adscrición.

Pódese consultar a toda a información relativa a dita orde no seguinte enlace: Orde de 12 de marzo de 2013.

INMERSIÓN LINGÜÍSTICA

Despois de varios anos presentando a solicitude, este curso académico o centro foi seleccionado para participar no programa de Inmersión Lingüística en Inglés. Esta actividade lévase a cabo na aldea dos Peares (Ourense), dende o 29 de novembro ao 5 de decembro e está orientada ao alumnado de 4º da ESO. Durante a súa estancia desenvolverán diferentes actividades, todas elas en lingua inglesa: clases, talleres, xogos, excursións, veladas...

Seguro que a experiencia será enriquecedora e moi gratificante. Dende aquí desexámoslles unha feliz estancia.

Os Peares

PROGRAMA PRENSA-ESCUELA

Dentro do programa "Prensa-Escuela" do periódico La Voz de Galicia, estes pasados días 19, 20, 23 e 24 de novembro recibimos no centro unha gran cantidade de xornais para ser utilizados polo alumnado, coordinados polos departamentos de lingua e da Biblioteca do centro.

Pódese consultar e ver imaxes das actividades no blog da Biblioteca Ortegalendo ou mesmo no Facebook do programa Prensa-Escuela.

Grazas a La Voz de Galicia e aos departamentos que levaron a cabo as distintas actividades.

VISITA AO MUSEO PROVINCIAL DO MAR

17/11/2015 08:30
   

 

O pasado martes 17 de novembro o alumnado de 1º de ESO, acompañados por profesoras dos Departamentos de Bioloxía e de Orientación, desprazouse a San Cibrao e Burela para participar na campaña escolar de divulgación da cultura e os recuros do mar “Un Mar de Cultura: Os nenos e o Mar”.

 

En San Cibrao visitaron o museo provincial do mar e coñeceron o traballo de Paco Frá, o carpinteiro de ribeira da vila (único na Mariña Lucense) e, pola tarde, desprazáronse até Burela para visitar a súa lonxa.

Distribuir contido


by Dr. Radut