Intercambio con Dinamarca

Desde o próximo domingo 21 de outubro e ata o sábado 27, recibiremos un grupo de 18 alumnas e alumnos daneses que van participar nun intercambio co noso alumnado de 2ºbacharelato e organizado polo departamento de Inglés. Estes rapaces e rapazas, que teñen entre 16 e 19 anos, estudan no Viby Gymnasium, un centro educativo situado en Viby, unha zona da cidade de Aarhus, a segunda máis importante de Dinamarca. Este intercambio, que se realiza desde o curso 2012-2013, terá logo unha segunda parte cando o noso alumnado viaxe a Dinamarca no mes de marzo de 2019. 
 
Durante esta semana os rapaces e rapazas daneses convivirán coas familias do noso alumnado e farán diferentes excursións: un roteiro en bicicleta ata a praia de Patos, onde poderán practicar surf, e visitas ás cidades de Vigo e Santiago. Ademais, van participar en distintas actividades que se desenvolverán no noso instituto: asistencia a algunhas clases (español, música ou plástica, entre outras) e participación nunha sesión práctica de tiro con arco, nunha sesión de introdución á lingua galega ou nun xogo pola vila, propostas que se van complementar cunha visita ao Pazo do Conde de Gondomar, unha iniciativa que conta coa colaboración do Concello. O programa de actividades péchase cunha cea de despedida que terá lugar o venres 26.
 
Esta iniciativa forma parte do proxecto de internacionalización do IES Auga da Laxe, no que se inclúen tamén outros tres intercambios con diferentes centros educativos de Alemaña e Francia, que teñen como obxectivo fortalecer a aprendizaxe de linguas estranxeiras e fomentar o coñecemento doutras culturas.