Día de Rosalía 2024

Este próximo venres 23 de febreiro, se o tempo o permite, o IES Auga da Laxe celebrará de 11:20h a 12:00h un acto na praza Rosalía de Castro de Gondomar, no que se incluirán diferentes propostas desenvolvidas polo noso alumnado da ESO: lectura do manifesto da AELG, de Carlos Callón, baixo o lema “Rosalía: o amor da patria galega”; lectura de varios poemas de Rosalía; interpretación do poema “Adiós ríos, adiós fontes”; teatralización do poema “Xan” e reparto de poemas de Rosalía entre as persoas que se atopen na praza. O acto, que conta coa colaboración do Concello de Gondomar, enmárcase dentro das actividades promovidas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), con motivo do Día de Rosalía 2024, baixo o lema #oamordapatriagalega. En caso de chuvia, o acto celebrarase no patio interior do instituto durante o recreo.

Ademais, ao longo dos próximos días o alumnado dos distintos niveis educativos achegarase á Praza Rosalía de Castro para realizar unha ficha de traballo elaborada polo departamento de Lingua Galega e Literatura, na que se inclúen actividades didácticas que lle permitirán ao alumnado facer un achegamento á obra de Rosalía a través dos versos e referentes que se poden atopar na praza.

 

Por último, o día 23 o patio central do instituto acollerá un espazo no que haberá unha mostra de obras de Rosalía que se poden atopar na biblioteca do centro e unha cesta con copias de poemas de Rosalía que se poderán coller e levar.